DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.830

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para a realización das probas físicas e de agudeza visual os aspirantes a formaren parte das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga.

A base 9ª da resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 30 de xaneiro de 2007, establece que para poderen ser contratados nas categorías de técnico superior de defensa contra incendios forestais, técnico forestal de defensa contra incendios forestais, xefe de cuadrilla, condutor de motobomba, peón condutor e peón de defensa contra incendios forestais é requisito imprescindible a superación dunha proba de aptitude física, a proba do banco, que consistirá en subir e baixar dun banco de 40 cm de altura para os homes e 33 cm para as mulleres, a razón de 90 movementos por minuto (22,5 veces minuto) durante un período de 5 minutos, sendo necesario para ser considerado apto obter como mínimo os parámetros de capacidade aeróbica, pola aplicación dos resultados da idade, peso e pulsacións segundo as táboas propias desta proba (38 puntos, agás no caso dos condutores de motobomba, que será de 35). E para poder ser contratado nas categorías de vixilante fixo e vixilante móbil é

requisito imprescindible a superación dunha proba de agudeza visual en que tamén o resultado é apto ou non apto.

Por outro lado, o Acordo do 17 de marzo de 2010 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural, polo que se encomenda a xestión das listas de contratación do persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Pladiga, derivadas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á Consellería do Medio Rural, establece na cláusula 1.b) que a organización e realización da proba física e, se for o caso, a de agudeza visual, á cal deben someterse os distintos integrantes das listas, corresponde á Consellería do Medio Rural.

Con base no anterior, esta secretaria xeral

RESOLVE:

Primeiro.-As probas físicas e de agudeza visual dos aspirantes das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga, iniciaranse ás 8.30 horas do 12 de abril de 2010 nas capitais das catro provincias galegas, nos seguintes lugares:

-A Coruña: pavillón polideportivo Monte Alto; rúa Alcalde San Jurjo, s/n.

-Lugo: pistas deportivas Gregorio Pérez Rivera (As Pedreiras); rúa Filarmónica Lucense, s/n.

-Ourense: Pazo de Exposicións-Expourense sito en Finca Sevilla, s/n (estrada de San Cibrao das Viñas).

-Pontevedra: Pavillón dos Deportes de Pasarón, r/ Juan Manuel Pintos s/n.

Segundo.-O luns 12 de abril de 2010 iniciaranse as probas dos aspirantes cuxo primeiro apelido comece polas letras A, B e C e cada día exporanse no lugar de realización das probas e nos distritos forestais da provincia correspondente a relación de aspirantes que a realizarán ao día seguinte. Tamén se publicará na páxina web da Consellería do Medio Rural, http://mediorural.xunta.es.

Terceiro.-Os aspirantes realizarán as probas na provincia do seu domicilio. Os que teñan o domicilio fóra de Galicia poderán realizar as probas en calquera das provincias en que pretendan traballar.

Cuarto.-Dado que a vixencia das probas é anual, están obrigados a realizar estas probas todos os aspirantes.

Quinto.-Os aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos do DNI e dun certificado médico oficial en vigor que acredite a idoneidade para a realización de traballos de prevención e defensa contra incendios forestais e do xustificante de terse inscrito nas listas.

Sexto.-A realización das probas estará coordinada por unha comisión provincial composta por dous representantes da Consellería do Medio Rural e un representante das organizacións sindicais. Así mesmo, poderase nomear persoal colaborador das comisións.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.

Jorge Atán Castro

Secretario xeral da Consellería do Medio Rural