DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.823

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

De conformidade co disposto na disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que no seu número 5 regula a provisión de postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal e dispón que as comunidades autónomas, no seu ámbito territorial, regularán as bases comúns do concurso ordinario así como a porcentaxe de puntuación que corresponda a cada un dos méritos enumerados no dito precepto, e de conformidade co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal; e da Orde do 10 de agosto de 1994, pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE nº 192, do 12 de agosto) e demais normativa concordante, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Dar publicidade á convocatoria do concurso ordinario de Galicia de traslados para a provisión dos postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal vacantes nas entidades locais, de conformidade coas bases comúns polas que se debe rexer o concurso, que se publican no anexo I, e a relación de bases, méritos autonómicos, méritos específicos e comisións avaliadoras aprobados por cada unha das corporacións locais que se mencionan no anexo II.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.

P.D. (Orde 12-9-2005,

DOG nº 177, do 14 de setembro)

José Norberto Uzal Tresandí

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Bases comúns

Primeira.-Postos.

Ofrécense neste concurso os postos vacantes reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal naquelas corporacións que aprobaron as bases específicas.

Segunda.-Participación.

1. Os/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, así coma os/as funcionarios/as non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios da Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, poderán concursar aos postos que se ofrecen, nos termos seguintes:

-Os/as secretarios/as de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

-Os/as secretarios/as de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

-Os/as secretarios/as de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría intervención.

-Os/as secretarios/as de concellos a extinguir, ás secretarías de concellos con poboación que non exceda os 2.000 habitantes.

-Os/as interventores/as, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención e.

-Os/as depositarios/as, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, pero unicamente a postos de tesouraría.

2. Non poderán concursar:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados/as e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes, se non transcorreu o tempo sinalado nelas.

b) Os/as funcionarios/as destituídos nos termos que estableza a normativa e durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os/as funcionarios/as que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo por concurso en postos reservados, agás que sexa a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se atopen nos supostos de remoción ou supresión de postos.

d) Os/as funcionarios/as que se atopen nos demáis supostos previstos na normativa autonómica.

Terceira.-Documentación e prazo para participar.

1. No prazo de quince días naturais a partir da publicación deste concurso no DOG, os/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que desexen tomar parte nel dirixirán á corporación local do posto a que concursan a seguinte documentación:

-Solicitude de participación comprensiva de declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 28.2º do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

-Documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica de acordo co que establece a base quinta desta resolución, así como os específicos de cada posto, nos termos que se indican no anexo II.

-Certificación da Dirección Xeral de Administración Local acreditativa dos méritos xerais de determinación estatal.

2. Os/as concursantes a dous ou máis postos presentarán solicitude e documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica e certificación dos xerais de determinación estatal en todas as corporacións en que soliciten postos. Así mesmo, os concursantes a dous ou máis postos presentarán en idéntico prazo de quince días naturais orde de prelación de adxudicacións ante a Dirección Xeral de Administración Local. A orde de prelación será única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, así mesmo, se se concursa a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación da orde de prelación, cuxo único obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá a solicitude de participación dirixida a cada corporación local. De non ser comunicado, suporá a exclusión do/da concursante no proceso.

3. A solicitude de participación e a folla de prelación de adxudicacións presentaranse conforme os modelos que se achegan nos anexos III e IV.

4. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data correspondente á resolución da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.

Cuarta.-Coñecemento da lingua galega.

De conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, nas bases do concurso ordinario exixirase como requisito o coñecemento do idioma galego, que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

A comisión de valoración do concurso realizará unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente.

Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

Para a realización desta proba, a comisión de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Quinta.-Méritos de determinación autonómica.

1. Méritos.

Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos constitúese polos seguintes:

-Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia.

-Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

-Actividade docente: dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal e réxime económico-financeiro das entidades locais en cursos organizados pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con esta.

-Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e do dereito propio de Galicia.

2. Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior é a seguinte:

-Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

-Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,50 puntos.

-Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

-Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. Regras para a puntuación de méritos.

Experiencia profesional: os servizos prestados valoraranse do seguinte xeito:

-Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter estatal en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

a.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2) De distinta subescala e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

-Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como funcionarios/as de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal:

a.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

a.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

-Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente teñan sido homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso, dentro da escala de 0,10 a 1,5, será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter estatal, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estivese determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos en que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter estatal, da forma seguinte:

-Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

-Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento con duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Máximo: 1,5 puntos.

-Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose os congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

-Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

4. Acreditación de méritos.

Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

5. Valoración dos méritos pola comisión avaliadora.

A comisión avaliadora do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Sexta.-Méritos específicos.

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se detallan no anexo II.

Sétima.-Admisión de instancias.

Transcorrido o prazo de presentación de instancias, e por proposta da comisión, será aprobada polo presidente da corporación a lista provisional de persoas admitidas e excluídas nos 10 días naturais seguintes. O texto da dita resolución publicarase no BOP e no taboleiro de anuncios da corporación; neste último figurará, ademais, a lista comprensiva de todas elas, concedéndolle a quen resulte excluído o prazo de 15 días naturais para emendar os defectos advertidos ou formular as reclamacións que procedan.

Finalizado o prazo de reclamacións e a emenda de defectos, o/a titular da presidencia da corporación aprobará a lista definitiva resolvendo sobre aquelas conforme a motivación da comisión avaliadora. O acordo aprobatorio farase público na mesma forma indicada para a lista provisional.

Oitava.-Valoración de méritos.

1. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 4949/2009, do 26 de febreiro. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

2. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

3. Coa puntuación que se deduza das valoracións, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/as candidatos/as coa orde da valoración final de méritos.

4. A comisión de valoración comprobará a concorrencia nos/nas concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo aqueles que non os reúnan. A continuación puntuará, respecto dos/as non excluídos/as, os méritos do seguinte modo:

-Méritos xerais, ata un máximo de 19,50 puntos, segundo a certificación da Dirección Xeral de Administración Local, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte da comisión de valoración.

-Méritos específicos, ata un total de 7,50 puntos, e méritos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos, con base na documentación acreditativa achegada polos concursantes.

Respecto dos postos en que non teñan méritos específicos, a comisión de valoración asignará unicamente a puntuación de méritos autonómicos, de existiren.

5. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no artigo 21.2º do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

6. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, a comisión avaliadora dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración deles determinada na normativa estatal. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Novena.-Proposta de resolución.

Efectuadas pola comisión de valoración a exclusión e puntuación final de concursantes, elevará ao presidente da corporación proposta de resolución comprensiva de todos/as os/as non excluídos/as e as súas puntuacións ordenadas de maior a menor. Así mesmo, elevará relación fundada de excluídos/as.

Décima.-Resolución.

1. O presidente da corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada pola comisión de valoración.

2. A devandita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos/as candidatos/as, e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos/as.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral de Administración Local dentro do prazo de 90 días naturais seguintes ao da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décima primeira.-Coordinación de nomeamentos.

1. A Dirección Xeral de Administración Local, transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectuar a coordinación de resolucións coincidentes a favor dun mesmo concursante, con adxudicación final de postos, atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e a puntuación obtida en cada un dos postos afectados.

Décimo segunda.-Formalización de nomeamentos.

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral de Administración Local procederá a formalizar no prazo dun mes os nomeamentos procedentes, con publicación no DOG, dando traslado da resolución ao Ministerio de Política Territorial para a súa publicación no BOE e a súa inclusión no rexistro de funcionarios con habilitación de carácter estatal.

Décimo terceira.-Prazo para a toma de posesión.

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

2. Este prazo empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamentos no DOG.

Se o destino obtido comportase o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a devandita publicación.

3. O cómputo de prazos para a toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, se é o caso, se lles concedesen aos interesados.

4. Por necesidades de servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, debendo o segundo deles dar conta deste acordo á Dirección Xeral de Administración Local.

Décimo cuarta.-Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos.

Os concursantes non poderán renunciar ao concurso nin ao posto que sexa adxudicado a partir do momento en que os tribunais eleven proposta de resolución á corporación.

As adxudicacións de postos no concurso terán carácter voluntario e non xerarán, en consecuencia, dereito ningún ao aboamento de indemnización por traslado.

Décimo quinta.-Cesamento e toma de posesión.

1. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto, e o/a funcionario/a pasará a depender da correspondente corporación.

2. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes serán comunicadas á Dirección Xeral de Cooperación Local e á Dirección Xeral de Administración Local, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

Décimo sexta.-Recursos.

Os actos administrativos dos tribunais de valoración poderán ser impugnados conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

ANEXO II

Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal

Secretaría intervención: Concello do Páramo (Lugo).

Nome do posto: Secretaría intervención.

Clase: terceira.

Subescala: Secretaría intervención.

Complemento de destino: 29.

Complemento específico: 20.770,18 € brutos, divididos en 14 pagas.

Méritos específicos para o concello do Páramo.

A) Servizos prestados.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 3,60 puntos.

A.1.-Por servizos prestados como secretario/a-interventor/a en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, con encoros afectados pola Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga encorada, cando durante a prestación do servizo dita lei entrase en vigor: 0,10 por mes de servizo ou fracción ata un máximo de 1,15 puntos.

A.2.-Por servizos prestados como secretario-interventor en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con menos de 2.000 habitantes que conten con espazos naturais que, formando parte da rede mundial de reservas da biosfera, se atopen afectados pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza: 0,10 puntos por mes de servizo ou fracción ata un máximo de 1,15 puntos.

A.3.-Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios de habilitación de carácter estatal da subescala de secretaría, categoría de entrada ou superior: 0,07 por mes de servizo ou fracción ata un máximo de 1,10 puntos.

A.4.-Por servizos prestados como secretario/a-interventor/a en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, con levanza efectiva da Secretaría do Xulgado de Paz do concello: 0,07 puntos por mes de servizo ou fracción ata un máximo de 0,20 puntos.

Para efectos de valoración dos subpuntos anteriores consideraranse os servizos prestados tanto con carácter definitivo como por calquera das formas de provisión previstas no artigo 10.2º do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

B) Cursos de formación e perfeccionamento.

A puntación máxima por esta epígrafe será de 1,90 puntos.

Valoraranse os cursos impartidos polo Instituto Nacional de Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública, administracións públicas, escolas públicas oficiais de funcionarios e universidades, ou entidades públicas ou privadas ao abeiro dos acordos de formación continua para as administracións públicas.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Materias sobre as que deberán versar os cursos e puntuación máxima en relación a cada unha delas:

B.1.-Contratación administrativa: máximo de 0,60 puntos.

Cursos de 16 a 49 horas: 0,10 puntos.

Cursos de 50 a 120 horas: 0,20 puntos.

Cursos de máis de 120 horas: 0,60 puntos.

B.2.-Urbanismo: máximo 0,40 puntos.

Cursos de 16 a 29 horas: 0,05 puntos.

Cursos de 30 a 70 horas: 0,15 puntos.

Cursos de máis de 70 horas: 0,20 puntos.

B.3.-Servizos públicos: máximo 0,25 puntos.

Cursos de 16 a 29 horas: 0,05 puntos.

Cursos de 30 a 39 horas: 0,10 puntos.

Cursos de máis de 39 horas: 0,15 puntos.

B.4.-Subvencións: máximo 0,25 puntos.

Cursos de 16 a 29 horas: 0,05 puntos.

Cursos de 30 a 39 horas: 0,10 puntos.

Cursos de máis de 39 horas: 0,15 puntos.

B.5.-Función pública: máximo de 0,25 puntos.

Cursos de 16 a 29 horas: 0,05 puntos.

Cursos de 30 a 39 horas: 0,10 puntos.

Cursos de máis de 39 horas: 0,15 puntos.

B.6.-Contabilidade, tesouraría ou recadación tributaria: máximo de 0,15 puntos.

Cursos de 16 a 29 horas: 0,05 puntos.

Cursos de máis de 29 horas: 0,10 puntos.

C. Exercicio de actividades privadas.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 2,00 puntos.

Polo exercicio da avogacía na Comunidade Autónoma de Galicia: 0,25 por mes ou fracción ata un máximo de 2,00 puntos.

Medios de acreditación ou valoración.

Epígrafe servizos prestados: a acreditación destos méritos farase mediante certificado expedido polas entidades en que foron prestados os servizos. O subpunto A.4 acreditarase mediante o nomeamento efectuado pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Epígrafe cursos de formación e perfeccionamento: a acreditación realizarase mediante orixinal ou fotocopia cotexada do título, diploma ou certificado suficiente expedido polas institucións ou organismos organizadores deles.

Exercicio de actividades privadas: acreditarase mediante certificado de colexiación como avogado en exercicio expedido polo colexio de avogados correspondente.

Entrevista: non se prevé a realización de entrevista.

Comisión de valoración:

Presidente: Santiago González Prado, tesoureiro do Concello de Ames (A Coruña).

Suplente: Antonio Lorenzo Morandeira, secretario interventor do Concello de Begonte (Lugo).

1ª vogal e secretario da comisión de valoración: Alejandra Dolores Fandiño Sánchez, secretaria interventora do Concello de Cervantes (Lugo).

Suplente: Ana Rivas García, secretaria interventora do Concello de Becerreá (Lugo).

2ª vogal: María Elena Sueiro Fernández, secretaria interventora do Concello de Xermade (Lugo).

Suplente: María Jesús Mosquera Carregal, secretaria interventora do Concello de Ribas de Sil (Lugo).

3º vogal: Eladio Bendaña Pardo, secretario interventor do Concello de Mesía (A Coruña).

Suplente: Miguel Ángel Rodríguez Rodríguez, secretario interventor do Concello de Sandiás (Ourense).

4ª vogal: Raquel Bahillo Varela, secretaria do Concello de Brión (A Coruña).

Suplente: Berta Alonso Soto, secretaria do Concello de Cangas (Pontevedra).

Ver referencia pdf "06100D017P191.PDF"