DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.822

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ACORDO do 17 de marzo de 2010, entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural, pola que se encomenda a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Pladiga derivadas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á Consellería do Medio Rural.

De conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na disposición adicional do decreto 37/2006, co obxecto de alcanzar unha maior eficacia na xestión do persoal temporal correspondente a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga regulados no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e á contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

ACÓRDASE:

Cláusula 1.

Encomendar a xestión de determinadas materias relacionadas coas listas de contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, no que se refire ás categorías do persoal laboral dedicadas ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga.

Esta encomenda de xestión á Consellería do Medio Rural abranguerá as seguintes actuacións e terán o alcance que en cada caso se sinala:

a) O nomeamento e aboamento das asistencias das/dos integrantes do/s distinto/s grupo/s de traballo, que se constitúan ao abeiro do establecido no Decreto 21/2006, do 9 de febreiro, polo que se regulan as comisións ou grupos de traballo para o desenvolvemento de procesos relativos ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes grupos levarán a cabo tarefas de carácter material e de colaboración coa Comisión Permanente Central.

b) A organización e realización da proba física a que deben someterse os distintos integrantes das listas.

c) A realización dos chamamentos para a cobertura temporal dos distintos postos de traballo reservados ás categorías de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga, coa utilización da aplicación informática proporcionada pola Dirección Xeral da Función Pública cando este chamamento se realice desde a lista definitiva de admitidos.

Cláusula 2.

A encomenda de xestión non supón a cesión da titularidade das competencias.

Cláusula 3.

Esta encomenda terá un prazo de vixencia dun ano, a partir da súa publicación. Este prazo poderá ser prorrogado por igual período, por acordo expreso das partes que se publicará antes do remate do seu prazo de vixencia.

Disposición derradeira

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.

Marta Fernández Currás Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleira de Facenda Conselleiro do Medio Rural