DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2010 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica polo que se modifica a liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica para facilitarlles ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional (programa Re-Brote).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de xullo de 2009, acordou aprobar una liña de avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional instrumentado mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas (programa Re-Brote).

O 25 de setembro de 2009 o Igape e 16 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de compartir riscos en determinadas operacións mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo. O dito convenio fíxose público mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (DOG nº 191, do 29 de setembro), e segundo a cláusula terceira entraron en vigor o día seguinte ao da súa publicación e estableceuse como data de fin de prazo para presentar solicitudes de aval o 30 de decembro de 2009.

Este prazo de tres meses establecido para a presentación de solicitudes é insuficiente, pois a súa chegada aos beneficiarios finais está sendo máis lenta do previsto, a pesar do importante esforzo de comunicación desenvolvido. Por iso non existen perspectivas de que o crédito orzamentario previsto para estas axudas se esgote coas solicitudes que se presenten no referido prazo.

Esta liña de avais considérase un instrumento de grande importancia para o acceso ao financiamento operativo por parte das empresas galegas na conxuntura actual que debe permanecer á súa disposición. En consecuencia, o prazo para presentar solicitudes debe modificarse, permitindo que poidan presentarse solicitudes ata o día 30 de xuño de 2010.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 23 de decembro de 2009, acordou a modificación da liña de avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional instrumentado mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas (programa Re-Brote).

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a modificación da liña de avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentado mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, (programa Re-Brote), no seguinte sentido:

Único.-Modificar a redacción da cláusula terceira, que queda redactada do seguinte xeito:

«Terceira.-Vixencia e prazo de presentación de solicitudes.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes de aval finalizará o 30 de xuño de 2010».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica