DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2010 pola que se convocan as xornadas Paisaxe con cidade ao fondo. Cultura, patrimonio e administración.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2010 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as xornadas Paisaxe con cidade ao fondo. Cultura, patrimonio e administración conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo destas xornadas é reflexionar e debater arredor das sinerxias que xorden na administración, o patrimonio cultural e o seu aproveitamento dentro dun marco tan significativo para Galicia como é a cidade histórica. Abordarase desde as perspectivas urbanística, patrimonial, arquitectónica e histórico-artística.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

1. Santiago de Compostela, a fin do Camiño.

2. Memoria e patrimonio. A súa permanencia como reclamo turístico.

3. Iconografía urbana. A imaxe da cidade histórica en Galicia a través da plástica do século XX.

4. A Real Fundación de Toledo.

5. Urbanismo, ordenación do territorio e patrimonio cultural.

6. A cidade histórica no marco xurídico galego.

7. Cara a unha nova lexislación sobre patrimonio.

8. Rutas, fortalezas e cidades. O singular caso do Marrocos.

9. A lexitimidade dun encontro. A definición dunha identidade visual para a cidade histórica.

10. Permanencia e renovación urbanas. O caso de Santiago de Compostela.

11. Diálogos urbanos entre a historia e a modernidade.

12. A nova arquitectura na paisaxe urbana da cidade histórica galega.

13. A igrexa e a configuración do seu novo patrimonio arquitectónico.

14. Cáceres. Un proxecto de capitalidade cultural para o 2016.

15. A Torre de Hércules. Un expediente para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

16. Centro histórico e sustentabilidade.

17. Patrimonio, paisaxe e sustentabilidade.

3. Destinatarios.

Persoal das diferentes administracións públicas, administración municipal e autonómica, turismo, axentes vinculados co turismo, historiadores da arte, arquitectos e xestores do patrimonio e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 13, 21 e 28 de abril; 5, 11 e 19 de maio.

Horario: de tarde.

Duración: 3 horas lectivas por xornada, agás a do día 13 de abril que será de 4 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Os interesados en asistir a estas xornadas poderanse inscribir nunha xornada en concreto, en varias ou en todas elas marcando a opción que desexen na folla de inscrición.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

-As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión chamando por teléfono, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará:

-O día 9 de abril, para a xornada do 13 de abril.

-O día 19 de abril, para a xornada do 21 de abril.

-O día 26 de abril, para a xornada do 28 de abril.

-O día 3 de maio, para a xornada do 5 de maio.

-O día 7 de maio, para a xornada do 11 maio.

-O día 14 de maio, para a xornada do 19 de maio.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificar a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final de cada xornada, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "06100D014P188.PDF"