DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, así como de videoclips, e se convocan para o ano 2010.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento do audiovisual galego, é consciente da importancia de estabelecer liñas de apoio para facilitar a emerxencia do talento, o desenvolvemento das industrias culturais galegas e a innovación audiovisual, co propósito de contribuír á promoción da diversidade cultural e ao desenvolvemento de novas formas de expresión audiovisual dentro do noso país.

Por medio desta convocatoria de subvencións, a Agadic pretende fomentar a creación cultural no campo do sector audiovisual e, en concreto, a realización de curtametraxes ou videoclips, realizados por empresas produtoras.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal galega -entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega- co obxectivo de estimular a creación de novos profesionais da industria audiovisual galega, impulsar as novas tecnoloxías e contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Mediante esta resolución establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Agadic para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips, producidos por empresas.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 200.000 euros correspondente á aplicación 11.A1.432B.770.0, que poderá ser incrementada como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 8º das bases reguladoras.

2. Esta axuda asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía non poderá superar o 60% do orzamento total do proxecto. En todo caso, o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o custo total do orzamento da curtametraxe. As axudas a videoclips serán incompatibles coas convocadas e concedidas pola Agadic para o mesmo obxecto na súa convocatoria anual de axudas ás industrias culturais.

3. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3º das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención (anexo II) e os demais anexos que a acompañan (III, IV e V) poderanse obter a través do enderezo da internet www.agadic.info.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, no Rexistro Xeral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aquelas persoas xurídicas que na anualidade de 2009 lle solicitasen estas axudas á Consellería de Cultura e Turismo poderán xuntar unha declaración responsable de que se manteñen invariables as circunstancias a que se refiren os documentos sinalados como a), b) e c) do artigo 3.2º.2 das bases reguladoras.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6º.-Prazo de xustificación da subvención.

O prazo de xustificación da realización das actividades subvencionadas rematará o 31 de outubro de 2010. Non obstante, as copias a que se refire o artigo 14º.1 das bases reguladoras poderán ter carácter provisional, ata a entrega das copias definitivas, que en todo caso será o 30 de novembro. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Agadic a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Agadic (www.agadi.info), na súa epígrafe de axudas e trámites.

b) Teléfonos: 881 99 96 10, 881 99 96 14, 881 99 96 15 e 881 99 96 17.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Dirección da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.

Roberto Varela Fariña

Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para apoiar

a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega e videoclips

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o financiamento dos seguintes tipos de proxectos:

1.1. Modalidades de curtametraxes.

Serán obxecto de subvención os proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega -ficción ou documental- cunha duración inferior a 30 minutos, nas seguintes modalidades:

-Modalidade A: curtametraxes en soporte cinematográfico. Esta modalidade abrangue as producións cinematográficas realizadas por produtoras audiovisuais. A axuda máxima por proxecto sitúase nos 15.000 euros.

-Modalidade B: curtametraxes de animación en soporte cinematográfico. Esta modalidade abrangue as producións de animación realizadas por produtoras audiovisuais. A axuda máxima por proxecto fíxase en 30.000 euros.

-Modalidade C: curtametraxes en soporte dixital innovadoras ou experimentais. Serán obxecto desta modalidade aqueles proxectos e obras experimentais de decidido contido artístico e cultural. A axuda máxima por proxecto ascende a 10.000 euros. Os proxectos conterán as seguintes características:

-Que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, é dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso do son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linearidade narrativa.

-Que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio comunicable.

-Que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran decote as obras audiovisuais.

-Modalidade D. Videoclips. Serán obxecto desta modalidade os relatos audiovisuais que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega producidos por empresas audiovisuais, en colaboración con empresas discográficas titulares dos seus dereitos de explotación. A axuda máxima será de 6.000 euros.

Cada empresa solicitante poderá ser beneficiaria dun máximo de tres proxectos de realización de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega e videoclips.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis.

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto. Os gastos indirectos poderán formar parte da xustificación sempre que os impute o beneficiario ao proxecto, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que se realiza o proxecto e nunha porcentaxe non superior ao 20% do gasto xustificado. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e a fin da data de xustificación establecida na correspondente convocatoria anual.

4. En todos os casos, o importe que hai que xustificar será o do orzamento total.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos, as produtoras audiovisuais independentes ou empresas discográficas legalmente constituídas como tales que teñan ou instalen unha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, a definición de produtor audiovisual independente será a recollida no artigo 4 n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro.

2. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de axudas da Consellería de Cultura e Turismo nos dous exercicios anteriores ao da convocatoria e que incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia cotexada ou compulsada do DNI do solicitante ou representante (sempre e cando o solicitante opte por non autorizar a Agadic ao acceso aos seus datos persoais) e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Copia cotexada ou compulsada da escritura de constitución da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Copia cotexada ou compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documento cotexado ou compulsado acreditativo de estar ao día no pagamento do imposto de actividades económicas ou acreditación da exención no pagamento do citado imposto.

e) Declaración responsable de ser empresa de produción independente, conforme o establecido no artigo 2º das bases, e de ter sede permanente en Galicia.

f) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou que o solicitante posúe os dereitos suficientes do guión, da obra literaria ou de calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración de solicitudes efectuadas ou subvencións concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades públicas ou privadas de ámbito estatal ou internacional.

h) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na cal conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse seis exemplares encadernados da seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

b) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de dúas páxinas.

c) Guión definitivo da produción.

d) Calendario do proxecto e plano de produción.

e) Orzamento do proxecto: segundo o modelo oficial da Agadic para curtametraxes de ficción e documentais (http://www.agadic.info) e para curtametraxes de animación (http://www.agadic.info)

f) Plan de financiamento do proxecto, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións.

g) Currículo do equipo técnico-artístico.

h) Declaración que especifique a lingua orixinal de rodaxe/gravación.

i) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

4. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada por petición dos solicitantes no prazo de seis meses a partir da data da resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido o dito prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización á Dirección da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4º e 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5º.-Órganos competentes.

A Dirección da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle ao presidente do Consello de Dirección da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados polo presidente do Consello de Dirección da Agadic e será presidida polo seu director. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria audiovisual, e actuará como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto. Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, de ser o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de valoración e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotar o crédito dispoñible, respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das diferentes modalidades da convocatoria sinaladas no anexo I, artigo 1º, así como as súas posibilidades de financiamento.

4. A asignación dos importes das subvencións realizarase, separadamente para cada modalidade, de forma proporcional á puntuación recibida por cada proxecto, con atención as contías máximas establecidas no artigo 1º.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 50 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto (ata 10 puntos).

b) A contribución ao desenvolvemento dos valores culturais de Galicia a través dunha perspectiva que supoña unha mirada propia ou que contribúa á innovación e diversidade da linguaxe audiovisual (ata 10 puntos).

c) O grao de elaboración e desenvolvemento do proxecto (ata 10 puntos).

d) A utilización de recursos do sector audiovisual galego (persoal artístico, técnico e de servizos), así como a rodaxe/gravación na comunidade autónoma (ata 10 puntos).

e) A viabilidade do proxecto: axuste entre o proxecto e o orzamento, e cobertura do financiamento (ata 10 puntos).

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes, a comisión de valoración emitirá o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Porén, e de conformidade co establecido no artigo 59.5º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.agadic.info. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data da resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, e será inserida igualmente na páxina web desta axencia, a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Porén, cando os importes das subvencións concedidas e individualmente consideradas sexan de contía inferior aos 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das adxudicadas na páxina web da Agadic.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3º destas bases reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a Dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

2. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web www.agadic.info, segundo o modelo do anexo IV.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título ou modificación nos responsables do equipo técnico e/ou nos papeis protagonistas do elenco artístico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

2. Os beneficiarios deberanlle comunicar á Agadic a data de inicio e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable, así como da súa estrea, nun prazo non inferior aos quince días anteriores ou posteriores ás datas de referencia.

3. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: Subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, en todos os materiais de promoción e publicidade farase constar que a produción foi subvencionada pola Agadic.

4. Os beneficiarios dan autorización expresa á Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

O beneficiario deberá presentar no Rexistro Xeral da Agadic, co prazo límite da data indicada na correspondente convocatoria anual, a conta xustificativa da realización da produción audiovisual subvencionada, que conterá:

1. Entrega de dúas copias en galego da produción subvencionada, no formato final que figure na solicitude. As copias (DVD ou 35 mm) estarán en perfecto estado e poden ser utilizadas pola Consellería de Cultura e Turismo ou pola Axencia Galega das Industrias Culturais para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para a comprobación da realización da actividade ou para a socialización non lucrativa dela, a Agadic poderá realizar cantas copias considere precisas.

2. Memoria xustificativa, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Así mesmo, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, en que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas.

4. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 35% do gasto executado en concepto de capitalización polo traballo. Para estes efectos, terán a consideración de capitalización polo traballo as achegas que non sexan en diñeiro realizadas, en forma de prestación laboral, artística ou profesional, a cambio de dereitos de propiedade ou explotación sobre o ben ou servizo obxecto da actividade realizada. O contrato de capitalización polo traballo deberá ser acreditado por calquera medio válido en dereito, debendo ser acreditado igualmente o pagamento dos impostos e taxas correspondentes á transacción realizada.

5. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 15% do gasto executado en concepto de gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria directamente relacionados coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

Amortización de material informático e audiovisual: poderá realizarse durante os tres anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción. Para que se poidan aboar os gastos, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se realiza a produción. Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que se vai amortizar. Deberán acompañar a amortización a copia do título de propiedade ou escritura de compra e o certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Só será amortizable a parte proporcional, en metros cadrados, utilizada na produción. Fórmula: porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra/240 meses=custo mensual (custo mensual) × (número de meses de produción) = importe amortización. Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión da subvención.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Tras a solicitude previa á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

Os beneficiarios que soliciten o pagamento anticipado, sempre que tales cantidades excedan os 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110% do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe total ou o restante, en caso de ter recibido o anticipo, será abonado tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 14º destas bases.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe da subvención.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06100D011P123.PDF"