DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.728

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento nas explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2010.

A Consellería do Medio Rural publicou o 24 de xullo de 2008 a Orde do 18 de xullo pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento, e se convocaron estas axudas para o ano 2008. Estas bases reguladoras foron modificadas pola Orde do 29 de decembro de 2008, publicada o 5 de xaneiro de 2009 e pola cal se convocaron estas axudas para o ano 2009.

Ademais, e co motivo da aprobación do Regulamento (CE) nº 74/2009 do Consello polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader se incluíron unha serie de novas prioridades comunitarias, denominadas novos retos, establecidas no artigo 16 bis do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

Como consecuencia do anterior, modificouse o Marco Nacional de Desenvolvemento Rural 2007-2013, o que supuxo que, para as medidas de asesoramento ás explotacións agrarias, recollidas no capítulo 4, se incluíron como materias posibles de asesoramento, ademais das de obrigado cumprimento, as que inclúan o asesoramento no ámbito dos novos retos, é dicir, asesoramento sobre cambio climático, asesoramento sobre enerxías renovables, asesoramento sobre xestión da auga, asesoramento sobre biodiversidade e asesoramento sobre o sector leiteiro.

Por outra banda, para unha maior claridade na aplicación do artigo 2, modificación décimo primeira da Orde do 29 de decembro de 2008, inclúese unha disposición derradeira que o modifica.

Polo que, de acordo co anterior, e coa experiencia na xestión da convocatoria de 2008 e 2009 desta medida, cómpre elaborar unhas novas bases reguladoras e convocar estas axudas para o ano 2010.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010 das liñas de axudas para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias segundo o disposto nos artigos 20, letra a), inciso v) e 25 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 de Feader, e no artigo 15, 16 e anexo II punto 5.3.1.1.5 do Regulamento 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior regulamento.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase como:

1. Servizo de asesoramento: conxunto de actuacións levadas a cabo nunha explotación agraria, polo menos durante un ano por unha entidade de asesoramento inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega), e que incluirá as materias de obrigado asesoramento como son as seguintes:

a) Requisitos legais de xestión, relativos á saúde pública, sanidade animal, sanidade vexetal, ambiente e benestar dos animais, a que se refire o artigo 5 e o anexo II do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro de 2009, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos agricultores no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores e polo que se modifican os regulamentos (CE) nº 1290/2005, (CE) nº 247/2006, (CE) nº 378/2007 e se derroga o Regulamento (CE) nº 1782/2003.

b) Boas condicións agrarias e ambientais, a que se refire o artigo 6 e o anexo III do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello do 19 de xaneiro.

Estas disposicións recóllense no Real decreto 486/2009, do 3 de abril, polo que se establecen os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais que debe cumprir os agricultores que reciban pagamentos directos no marco da PAC, os beneficiarios de determinadas axudas de desenvolvemento rural, e os agricultores que reciban axudas en virtude dos programas de apoio á reestruturación e reconversión e á prima por arrinca do viñedo.

c) As normas relativas á seguridade laboral derivadas da normativa comunitaria.

d) As relacionadas co inicio da actividade das persoas agricultoras mozas.

e) A información correspondente ás medidas de acción positiva desde a vertente de xénero.

2. Servizo de asesoramento integral: conxunto de actuacións levadas a cabo nunha explotación agraria polo menos durante un ano, por unha entidade de asesoramento inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega), no asesoramento sobre outras materias ademais das incluídas no punto anterior, co fin de acadar un asesoramento de carácter global na explotación. Estas materias son:

a) A posta en marcha do Contrato de Explotación Sustentable;

b) A avaliación conxunta das materias de xestión técnica, levadas a cabo na explotación, reflectidas no punto 3, e ambientais, concretamente referidas aos novos retos na aplicación da PAC, como son o asesoramento sobre cambio climático, as enerxías renovables, a xestión da auga, a biodiversidade ou a reestruturación do sector leiteiro.

En ambos os dous casos o asesoramento integral incluirá o relativo ás medidas que se poidan establecer en desenvolvemento do artigo 36.2º e disposición adicional sétima da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

3. Servizo de xestión: o conxunto de actuacións levadas a cabo na explotación agraria polo menos durante un ano por unha entidade de xestión inscrita no Resaxega, dirixidas a realizar un programa técnico e específico de xestión no ámbito definido no artigo 5 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

4. Servizo de substitución: o desempeño de actividades propias e específicas da explotación agraria, para a substitución do titular ou titulares e traballadores durante os períodos habituais de descanso, baixa de maternidade, baixa por enfermidade, ou a súa ausencia para realizar actividades de formación.

5. Entidades sen ánimo de lucro: serán aquelas entidades relacionadas co sector agrario que, aínda que desenvolvan actividades de carácter comercial, invistan os seus beneficios resultantes destas, na súa totalidade, no cumprimento dos seus fins institucionais non comerciais.

6. Especial interese social: será a condición daquelas entidades que desenvolven as súas actividades propias nun subsector agrario especialmente sensible (horta, froita, viña) e, ao mesmo tempo, son consideradas estratéxicas ben por razóns da súa dimensión ou ben pola súa particular localización e dispersión, en especial as zonas de montaña, segundo o definido no artigo 36, letra a), punto i), do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro.

7. Pequena empresa: tomarase a definición incluída no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

Artigo 3º.-Réxime de aplicación.

Os investimentos en bens inventariables referidos na sección 2ª (Axudas para a implantación de servizos de asesoramento e/ou xestión), artigo 7 punto 2.a), cando o beneficiario teña a condición de pequena empresa, así como os investimentos en custos salariais referidos na sección 2ª (Axudas para a implantación de servizos de asesoramento e/ou xestión), artigo 7 punto 2.b), e na sección 3ª (Axudas á implantación de servizos de substitución), artigo 13 punto 1, ampararanse no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Sección segunda

Axudas para a implantación de servizos de asesoramento e/ou xestión

Artigo 4º.-Beneficiarios das axudas de implantación de servizos de asesoramento e/ou xestión.

1. No caso de implantación de servizos de asesoramento poderán ser beneficiarios as entidades privadas sen ánimo de lucro ou cooperativas ou, en ambos os supostos, as súas unións ou federacións, agás as agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), as agrupacións de agricultores para tratamentos integrados na agricultura (Atria), e as agrupacións de defensa fitosanitaria (ADF), así como as súas unións ou agrupacións.

2. No caso de implantación de servizos de xestión, poderán ser beneficiarios as empresas, cooperativas e entidades asociativas do sector agrario, que teñan a previa autorización do organismo competente da Consellería do Medio Rural para exercer esa actividade.

3. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, punto 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008.4.

Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 5º.-Requisitos xerais dos beneficiarios.

As entidades que queiran acollerse ás axudas establecidas nesta orde deberán:

1. Estar recoñecidas e inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega), de acordo co número 2 do artigo 7 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

2. Recoller nos seus estatutos como obxecto social a implantación de servizos de asesoramento e/ou servizos de xestión, segundo a actividade que pretenda desenvolver.

3. Cumprir os requisitos sinalados nos artigos 4 e 6 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro, para entidades que presten servizos de asesoramento e/ou servizos de xestión respectivamente.

4. Cumprir as obrigas xerais recollidas no artigo 9 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro. Neste sentido deberán manter o servizo nas oficinas nas mesmas condicións establecidas no momento da súa implantación, e ocupados os postos de traballo, polo menos, durante un período mínimo de cinco anos contados desde a concesión da axuda.

5. Levar a cabo durante o período de cinco anos desde a concesión da axuda o plan de asesoramento e/ou de xestión, deseñado e especificado ao inicio da actividade.

6. Deixar constancia das visitas, do seguimento e das recomendacións mediante as actas e informes que correspondan, debendo facilitarlle ao titular da explotación agraria demandante do servizo unha copia en papel e/ou dixital dos programas de asesoramento e/ou xestión levados a cabo na explotación de acordo co plan de asesoramento e/ou xestión definidos nos anexos III e IV.

7. Elaborar un informe individual por explotación que recolla o conxunto de actuacións desenvolvidas nela.

8. Garantir a estabilidade no emprego xerado nos contratos laborais subvencionables de acordo co artigo 7. Para isto, no primeiro ano deberán ser de carácter indefinido ou ben de duración determinada, a cal terá unha duración mínima dun ano. No caso de prórrogas de contrato para postos de traballo polos cales xa se solicitou axuda nos exercicios anteriores, os contratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido. Estes contratos, dos que se excluirán os eventuais, deberán especificar como obxecto da contratación a realización de servizos de asesoramento e/ou de xestión, segundo o Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

9. Garantir que, cando se produza a rescisión do contrato dun traballador para o cal se concedeu subvención, este deberá substituírse no prazo dun mes e o contrato do novo traballador deberá manter as mesmas condicións do anterior para poder manter as axudas concedidas. Os datos da persoa substituta e a copia cotexada do seu contrato remitiranse no prazo máis breve posible, sen superar os quince días desde a formalización do contrato, á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

10. Dispoñer dun equipo técnico capaz de atender un volume de explotacións ou de hectáreas ou de animais, de acordo cos niveis sinalados no anexo V desta orde. Estes niveis poderán exceptuarse ou reducirse nas entidades que, por razóns de especial interese social, segundo a definición do artigo 2º desta orde, estea xustificado non ter en conta.

11. Contribuír á formación do seu persoal técnico, facilitando a asistencia aos cursos de formación que determine a Consellería do Medio Rural.

12. As entidades recoñecidas para prestaren simultaneamente servizos nos ámbitos do asesoramento e da xestión disporán, para cada un deles, do persoal técnico axeitado e diferenciado, de acordo co referido nos artigos 4 e 6 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro. Así mesmo, as entidades disporán dos medios materiais axeitados ás actividades que se vaian desenvolver, de acordo co referido neses artigos.

13. Informar a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria daquelas variacións ou modificacións relacionadas co desenvolvemento do plan de asesoramento ou de xestión, que, de ser o caso, se produzan en relación coas axudas reguladas nesta orde.

Artigo 6º.-Requisitos específicos.

As entidades que presten servizos de asesoramento e/ou xestión deberán cumprir, ademais:

A) Servizos de asesoramento.

1. Levar a cabo as actuacións descritas no artigo 2 punto 1, e se fose o caso, 2 punto 2.

2. Prestar, no desenvolvemento da súa actividade, o servizo a calquera persoa titular dunha explotación agraria que o solicite, independentemente do tipo de explotación ou orientación produtiva, dentro do ámbito xeográfico definido no seu proxecto de recoñecemento. No caso de que unha entidade careza do perfil profesional necesario para un ámbito de asesoramento determinado, terá que se dotar dos servizos técnicos necesarios para cubrir a demanda do servizo de asesoramento.

B) Servizos de xestión.

1. Desenvolver a súa actividade no ámbito dos seguintes programas:

a) Ámbito da xestión da agricultura sustentable:

i) Programas técnico-agronómicos de produción e sanidade vexetal.

b) Ámbito da xestión zootécnica:

i) Programa de reprodución animal en vacún, ovino e/ou cabrún.

ii) Programa de alimentación en vacún, ovino e/ou cabrún.

iii) Programa de podoloxía en vacún, ovino e/ou cabrún.

c) Outros programas técnicos de xestión de carácter agronómico ou zootécnico, nos cales se sinale claramente a xustificación da súa necesidade e viabilidade técnica e económica.

2. As entidades que presten servizos de xestión levarán a cabo os rexistros informáticos necesarios, que permitan analizar as tarefas desenvoltas en cada unha das explotacións e os resultados acadados. Ademais porán esta información integramente á disposición da Consellería do Medio Rural e do titular da explotación agraria.

3. O persoal contratado pola entidade de xestión disporá da titulación específica acorde aos ámbitos dos programas de xestión técnica en que exerza a actividade. No caso de programas zootécnicos de podoloxía, o persoal deberá acreditar, independentemente da súa especialidade académica, a formación e experiencia nesta materia.

Artigo 7º.-Gastos elixibles.

1.Os gastos elixibles non poderán ter, en ningún caso, relación directa ou indirecta coa venda de produtos ou prestación de servizos alleos aos propios servizos de asesoramento e/ou xestión, e deberán suxeitarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader (BOE nº1, do 1 de xaneiro de 2010).

2. As axudas poderán concederse ás entidades de asesoramento e/ou de xestión para os seguintes conceptos:

a) Adquisición de bens inventariables destinados á mellora dos servizos de asesoramento e/ou xestión. O material obxecto de axuda será o seguinte:

-Hardware informático e reprográfico, software informático, material tecnolóxico e equipos de medida ou análise.

Quedan excluídos a adquisición, construción ou adecuación de bens inmobles, ou a adquisición de material de segunda man, e igualmente non serán elixibles os investimentos en medios de transporte.

Serán elixibles os investimentos en bens materiais formalizados con posterioridade á solicitude de axuda de cada exercicio, unha vez comunicado o inicio da actividade, e como límite ata un mes posterior á recepción da notificación de resolución aprobatoria por parte do beneficiario.

b) Custo salarial da contratación de persoal técnico e administrativo necesario como consecuencia da implantación de servizos de asesoramento e/ou xestión.

Na contratación de persoal administrativo subvencionarase como máximo un posto administrativo por entidade solicitante.

3. No caso de novos contratos laborais de persoal, serán elixibles aqueles formalizados, desde a convocatoria destas axudas ata o 1 de outubro do ano en curso, como data límite para a formalización do contrato de traballo.

4. Cando a data do inicio de actividade, segundo o sinalado no punto 7 deste artigo, sexa posterior á solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria do ano correspondente, serán elixibles os contratos desde a data de inicio da actividade. Mentres que, se fose anterior á convocatoria do ano en curso, entón os contratos serán elixibles desde a data da solicitude do mesmo ano.

5. A declaración de inicio da actividade realizarase presentando o anexo XI no prazo máximo de 3 meses, contados a partir da data da primeira contratación, sen prexuízo da data límite de formalización dos contratos sinalada na convocatoria de cada ano, para os efectos de recoñecemento de contratos subvencionables.

6. No caso de contratos subvencionados na convocatoria anterior serán elixibles doce mensualidades contadas a partir da última elixible na dita convocatoria.

Artigo 8º.-Contía subvencionable.

1. Os gastos en bens inventariables subvencionaranse, tan só no caso de pequenas empresas, durante o período de 5 anos, contados desde a comunicación do inicio da actividade, e como límite ata a data de finalización establecida na programación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. A intensidade de axuda que terá carácter decrecente, sendo dun 50% no primeiro ano de solicitude, 40% no segundo, 30% no terceiro, 20% no cuarto e 10% no quinto, a cal se aplicará aos bens considerados como elixibles no artigo 7 punto 2.a.

En todo caso, a axuda máxima ao investimento realizado durante o dito período non superará os 18.000 euros de axuda para a 1ª oficina da entidade solicitante, e os 8.000 euros para a segunda e sucesivas.

2. Os investimentos máximos auxiliables para a contratación de persoal técnico e administrativo serán os correspondentes ao custo salarial, excluídas as axudas de custo de desprazamento e mantemento, e de acordo coas seguintes categorías:

I) Titulado superior. Importe máximo auxiliable: 32.000 euros anuais.

II) Titulado medio. Importe máximo auxiliable: 27.000 euros anuais.

III) Técnico FP de grao superior. Importe máximo auxiliable: 22.000 euros anuais.

IV) Auxiliar administrativo. Importe máximo auxiliable: 18.000 euros anuais.

Para estes efectos considerarase como custo salarial, o que inclúe o salario base, os complementos salariais, os pagos por horas extraordinarias, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos atrasados, incluídos na nómina da persoa traballadora.

Todos estes compoñentes recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador.

A axuda poderá concederse anualmente por un período de tempo máximo de cinco anos, contados desde a data da implantación do servizo, e como límite ata a data de finalización establecida na programación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. A intensidade da axuda será de ata un 60% no primeiro ano de implantación, 48% no segundo, 36% no terceiro, 24% no cuarto e 12% no quinto.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, acompañados da seguinte documentación:

1. Copia cotexada do CIF da entidade.

2. Copia cotexada do DNI do representante legal, no caso de non prestar autorización á Consellería de Medio Rural para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

3. Certificación do acordo de solicitude de subvención, segundo o anexo X.

4. Certificación orixinal do número de conta bancaria.

5. Declaración de inicio de actividade (no caso de entidade nova solicitante), segundo o anexo XI.

6. Plan de asesoramento e/ou xestión e propostas de mellora, que incluirá como mínimo os puntos recollidos nos anexos III e IV desta orde, e base de datos informatizada (formato Excel) das explotacións que utilizarán os servizos (CEA, NIF titular, tipo de servizo -básico, CES, novos retos-).

7. Documentación relacionada coa contratación de persoal:

a) Relación dos postos de traballo obxecto de solicitude de axuda e orzamento anual das contratacións, especificando mes a mes en formato papel e dixital, segundo anexo XIII.

b) Memoria xustificativa sobre a necesidade de contratación dos postos de traballo, misións e cualificación incluíndo, ademais, o estudo da viabilidade das contratacións que se pretenden levar a cabo.

c) Copia cotexada dos contratos obxecto de solicitude unha vez presentados no rexistro correspondente, ou compromiso de presentalos, no prazo máximo dun mes desde a súa formalización, e en ningún caso con data posterior ao 1 de novembro. No caso de contratación de servizos externos, copia cotexada do contrato de servizos, que indicará a data do seu inicio, a dedicación (parcial ou total), e a duración e ámbito do servizo, debendo ter o contrato como data máxima a do inicio da actividade.

d) Copia cotexada da titulación académica, correspondente a cada contrato ou compromiso de presentala xunto coa formalización do contrato.

e) No caso de prórroga de contrato:

(1) Copia cotexada da prórroga do contrato, unha vez presentada no rexistro correspondente.

(2) Orzamento desagregado da prórroga, detallado mes a mes, a partir da data en que esta se produce.

8. Documentación relacionada cos investimentos en bens inventariables:

a) Plan de investimentos inventariables acompañado de memoria xustificativa da súa necesidade, incluíndo unha especificación detallada das súas características técnicas.

b) Orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, cando o importe do investimento elixible supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que, polas especiais características dos gastos elixibles, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

c) Documentación acreditativa de ser ou non pequena empresa:

I) Declaración segundo anexo XV de ser pequena empresa.

II) Copia do último imposto de sociedades dispoñible.

III) Balance e conta de resultados dos tres últimos anos.

IV) TC2 do último exercicio económico.

9. Plan financeiro da entidade, incluíndo sistema de tarificación dos servizos.

10. Declaración dos compromisos da entidade solicitante segundo o anexo VI.

11. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo obxecto segundo o anexo VIII.

12. Declaración das axudas solicitadas ou concedidas suxeitas ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, segundo o anexo IX.

13. Declaración de non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de conformidade coa definición prevista no artigo 1.7º do Regulamento (CE) nº 800/2008, e de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo o anexo XIV.

Sección terceira

Axudas á implantación de servizos de substitución

Artigo 10º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as cooperativas ou entidades asociativas do sector agrario que implanten servizos de substitución para os seus asociados, así como as empresas que leven a cabo esta actividade nas condicións establecidas nesta orde.

Artigo 11º.-Requisitos.

1. Implantar un servizo de substitución dotado con persoal de carácter permanente, maila que algúns dos traballadores poderán desempeñar o traballo a media xornada.

2. As entidades e empresas beneficiarias deberán establecer no seu regulamento de réxime interno, en diante RRI, normas de xestión e de funcionamento do servizo de substitución.

3. As entidades e empresas de substitución deberán elaborar uns criterios de adxudicación da prestación do servizo que non poderán basearse en normas que supoñan discriminación de xénero ou condición.

4. Independentemente da formación académica do traballador, este deberá acadar obrigatoriamente a formación complementaria que determine a Consellería do Medio Rural con anterioridade á xustificación dos investimentos.

5. A prestación do servizo de substitución nas explotacións agrícolas e gandeiras será por períodos non superiores a un mes por cada traballador que cotice ou estea contratado, agás no caso de baixa por maternidade ou por enfermidade grave, en que poderá prestarlle o servizo ata un máximo de catro ou dous meses, respectivamente.

6. Cada traballador de substitución deberá ter como mínimo 6 explotacións asignadas.

7. Os contratos subvencionables deberán garantir a estabilidade do emprego xerado. Para isto, no primeiro ano deberán ser de carácter indefinido ou de duración determinada por obra ou servizo determinado. No caso das prórrogas, os contratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido.

8. Cando se produza a rescisión dun contrato para un traballador para o cal se concedeu subvención, este deberá substituírse no prazo de dous meses, debendo o novo traballador manter as mesmas condicións contractuais do anterior para poder manter as axudas concedidas. Os datos do substituto e a copia cotexada do seu contrato remitiranse no prazo máis breve posible, sen superar os quince días desde a formalización do contrato, á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

9. A data límite para o inicio da actividade do servizo para acceder ás axudas será o 1 de outubro da convocatoria do ano correspondente.

10. No caso de entidades asociativas, os seus socios poderán facer uso do servizo para a substitución dun máximo de dúas UTA/explotación.

Artigo 12º.-Compromisos das entidades de substitución.

As entidades beneficiarias comprometeranse a:

1. Manter os postos de traballo polos cales se solicitou axuda, por un período de polo menos 5 anos, desde a data de concesión da axuda.

2. Cumprir as condicións de substitución do traballador especificadas no punto 8 do artigo 11º desta orde, no caso de rescisión do contrato de traballo subvencionado antes de finalizar o período de duración establecido.

3. Contribuír á formación continua do seu persoal facilitando a asistencia aos cursos de formación que determine a Consellería do Medio Rural.

Artigo 13º.-Gastos elixibles.

1. Consideraranse elixible o custo salarial derivado da contratación do persoal técnico encargado da substitución.

2. No caso de novos contratos laborais de persoal, serán elixibles aqueles formalizados, desde a convocatoria destas axudas ata o 1 de outubro do ano en curso, como data límite para a formalización do contrato de traballo.

3. Cando a data do inicio de actividade, segundo o sinalado no punto 9 do artigo 11, sexa posterior á solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria do ano correspondente, serán elixibles os contratos desde a data de inicio da actividade. Mentres que se fose anterior á convocatoria do ano en curso, entón os contratos serán elixibles desde a data da solicitude do mesmo ano.

4. A declaración de inicio da actividade realizarase presentando o anexo XI no prazo máximo de 3 meses, contados a partir da data da primeira contratación, sen prexuízo da data límite de formalización dos contratos sinalada na convocatoria de cada ano, para os efectos de recoñecemento de contratos subvencionables.

5. No caso de contratos subvencionados na convocatoria anterior, serán elixibles doce mensualidades contadas a partir da última elixible na dita convocatoria.

Artigo 14º.-Contía da axuda.

1. A axuda concederase anualmente por un período máximo de cinco anos e estará dirixida a subvencionar os custos salariais de contratación do persoal cunha intensidade máxima do 80% para o primeiro ano de implantación do servizo, o 64% no segundo, o 48% no terceiro, o 32% no cuarto e o 16% no quinto.

2. Os investimentos máximos auxiliables para a contratación de persoal serán os correspondentes aos custos salariais, excluídas as axudas de custo de desprazamento e mantemento, e segundo a titulación do traballador, establécense os seguintes importes máximos auxiliables:

I) Técnico superior en xestión e organización de empresas agropecuarias, ou medio en explotacións gandeiras, explotacións agrícolas extensivas e intensivas, ou os seus equivalentes na FP de segundo e primeiro grao. Importe máximo auxiliable: 22.000 euros anuais.

II) Resto de traballadores. Importe máximo auxiliable: 18.000 euros anuais.

Para estes efectos considerarase como custo salarial, o que inclúe o salario base, os complementos salariais, os pagamentos por horas extraordinarias, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos atrasados, incluídos na nómina da persoa traballadora.

Todos estes compoñentes recóllense en termos brutos, é dicir, antes de practicar retencións ou pagamentos á Seguridade Social por conta do traballador.

Artigo 15º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, acompañados da seguinte documentación:

1. Copia cotexada do CIF da entidade.

2. Copia cotexada do DNI do representante legal, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

3. Copia cotexada do acordo asembleario en que se acorda o RRI, así como copia literal deste, en que se aprobe a imputación dos custos e os criterios de adxudicación do servizo, ou compromiso de presentala ata o 1 de novembro.

4. Certificación do acordo de solicitude de subvención, segundo o anexo X.

5. Certificación orixinal do número de conta bancaria.

6. Declaración do inicio da actividade segundo o anexo XI.

7. Base de datos informatizada (formato Excel) das explotacións que utilizarán o servizo de substitución (CEA, NIF titular), a súa orientación produtiva e o seu censo gandeiro, de ser o caso.

8. Documentación relacionada coa contratación de persoal:

a) Relación dos postos de traballo obxecto da solicitude de axuda e orzamento anual das contratacións especificado mes a mes, en formato papel e dixital (formato Excel).

b) Memoria xustificativa sobre a necesidade de contratación dos postos de traballo, misións e cualificación, incluíndo ademais o estudo da viabilidade das contratacións que se pretenden levar a cabo.

c) Copia cotexada dos contratos obxecto da solicitude unha vez presentados no rexistro correspondente, ou compromiso de presentalos no prazo máximo dun mes desde a súa formalización, e en ningún caso con data posterior ao 1 de novembro.

d) Copia cotexada da titulación académica ou acreditación da formación específica da/s persoa/s contratada/s, ou compromiso de presentala xunto coa formalización do contrato.

e) No caso de prórroga de contrato:

i) Copia cotexada da prórroga do contrato, unha vez presentada no rexistro correspondente.

ii) Orzamento desagregado da prórroga, detallado mes a mes, a partir da data en que esta se produce.

9. Declaración dos compromisos da entidade solicitante segundo anexo VII.

10. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo obxecto segundo o anexo VIII.

11. Declaración das axudas solicitadas ou concedidas suxeitas ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOL 368, do 23 de decembro), referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, segundo anexo IX.

12. Declaración de non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de conformidade coa definición prevista no artigo 1.7º do Regulamento (CE) 800/2008, e de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo o anexo XIV.

Sección cuarta

Solicitude, instrución, resolución e pagamento da axuda

Artigo 16º.-Solicitude de axudas.

1. Os interesados en acceder ás axudas previstas para a implantación de entidades que presten servizos de xestión, substitución ou asesoramento, deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo do anexo I, xunto coa documentación especificada no anexo II.

2. A data límite para a implantación ou inicio da actividade desde que se solicita a axuda será o 1 de outubro do ano en curso.

3. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

5. A solicitude de axudas presentarase anualmente de acordo coa correspondente convocatoria.

Artigo 17º.-Instrución.

1. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Artigo 18º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 20º desta orde, e formular a proposta de concesión ao director xeral de Produción Agropecuaria que, pola súa vez, a elevará ao conselleiro do Medio Rural.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: subdirector ou subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias.

Vogais: cinco funcionarios da Subdirección Xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias con categoría non inferior a xefe de sección.

Artigo 19º.-Criterios de prioridade.

1. As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e, en todo caso, con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, e estarán supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nas correspondentes partidas orzamentarias.

2. Ás solicitudes iniciais de participación neste réxime de axudas aplicaránselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Para as entidades recoñecidas como entidades que presten servizos de asesoramento:

1º Entidades que presten servizos de asesoramento para a implantación do CES, de acordo co artigo 2 punto 2.a), nunha porcentaxe de explotacións superior ao 30% do total de explotacións aconselladas: 5 puntos.

2º Entidades que ofrezan servizos de asesoramento integral que inclúa outras materias de xestión levadas a cabo na explotación, de acordo co artigo 2 punto 2.b), ademais das materias do obrigado asesoramento, nunha porcentaxe de explotacións igual ou superior ao 70 % de explotacións aconselladas: 4 puntos.

3º Entidades que presten servizos de asesoramento dirixidos cara aos novos retos, de acordo co artigo 2 punto 2.b), nunha porcentaxe de explotacións superior ao 50% do total de explotacións aconselladas: 3 puntos.

4º Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.

5º Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36 letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro, ou na Rede Natura: 2 puntos.

b) Para as entidades recoñecidas como entidades que presten servizos de xestión:

1º Entidades que presten servizos de xestión para a implantación do CES nunha porcentaxe de explotacións superior ao 30% do total de explotacións ás que se dá este servizo: 5 puntos.

2º Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude, nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.

3º Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36 letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro, ou na Rede Natura: 2 puntos.

c) Para as entidades que presten servizos de substitución:

1º Pola contratación de mulleres ou mozos menores de 30 anos nos postos de traballo obxecto de solicitude, nunha porcentaxe de 50% ou máis: 2 puntos.

2º Pola localización maioritaria das explotacións a que se presta o servizo en zonas desfavorecidas definidas no artigo 36 letra a) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro , ou na Rede natura: 2 puntos.

3º Segundo a orientación produtiva maioritaria das explotacións a que se presta servizo:

Vacún de leite: 6 puntos.

Ovino/cabrún de leite: 5 puntos.

Vacún de carne: 4 puntos.

Ovino/cabrún carne: 3 puntos.

Outros sectores gandeiros: 2 puntos.

Sectores agrícolas: 1 punto.

Artigo 20º.-Resolución.

1. Unha vez concluída a instrución do expediente, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación, que se presentará ao director xeral de Produción Agropecuaria, o cal lle formulará proposta de resolución ao conselleiro do Medio Rural.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como, en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente, no prazo de nove meses contados a partir da data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 21º.-Xustificación da axuda.

1. A xustificación de todos os gastos considerados como elixibles nos artigos 7º e 13º e dos compromisos adquiridos, realizarase no prazo máximo dun mes desde a data de pagamento da última nómina considerada elixible para o ano que corresponda. Xunto coa xustificación dos gastos achegarase a solicitude de pagamento (anexo XVI), polo importe total do ano de execución do proxecto.

2. A xustificación acreditarase mediante a seguinte documentación:

a) Para as axudas ao investimento en bens inventariables: os xustificantes dos gastos elixibles que se inclúan na solicitude de pagamento consistirán de forma xeral nas facturas orixinais acreditativas do servizo, que deberán cumprir as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro) e serán dilixenciadas pola Administración, co texto «Cofinanciado con Fondos Comunitarios». As facturas presentaranse en orixinal, e marcaranse cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Estes xustificantes virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo delas co orixinal ou copia cotexada do xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, pagaré, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) na que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo establecido no artigo 7º punto 2.a).

b) Para axudas aos custos salariais: copia cotexada das nóminas aboadas, xustificante do pagamento das nóminas e dos gastos da Seguridade Social (TC1, TC2) e xustificante de retencións e ingresos á conta do IRPF (modelo 110).

c) Declaración actualizada do beneficiario de non ter obtido ou estar pendente de obter outra axuda que sexa incompatible coa subvención concedida (anexo VIII) e declaración das axudas solicitadas ou concedidas suxeitas ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro (DOL 368, do 23 de decembro), referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, segundo anexo IX.

d) No caso das entidades de asesoramento e/ou xestión deberase incluír un informe resumo en formato dixital que inclúa a relación das actuacións levadas a cabo, indicando a data, titular da explotación, CEA e definición da actuación, segundo o anexo XVII.

e) Solicitude de pagamento, polo total dos gastos, de acordo co anexo XVI.

f) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda, agás nos casos establecidos nos artigos 7º.4 e 13º. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.

4. O beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou ben un código contable axeitado, no que deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

5. As entidades que prestasen servizos de substitución presentarán unha memoria en formato dixital coa desagregación dos servizos efectuados polos técnicos en cada explotación pertencente á entidade asociativa, incluída a data de prestación do servizo, así como a identificación das UTAS de cada unha desas explotacións. Tamén presentarán unha relación actualizada das explotacións que utilizasen o servizo, xunto co sector a que pertencen e a súa orientación produtiva, así como un resumo indicando a porcentaxe que supón cada sector e orientación produtiva sobre o total de demandantes do servizo.

6. En relación coas UTA da explotación, deberán acreditarse do seguinte xeito:

Cando o titular da explotación sexa persoa física, a UTA acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:

1º A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

2º A man de obra familiar da persoa titular da explotación, ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu lar e estean ao seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada da persoa titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas a que se refire a declaración, están ao seu cargo como beneficiarios/as na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.

3º A man de obra asalariada acreditarase documentalmente co DNI, contrato de traballo e informe de vida laboral da empresa.

b) Cando a persoa titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios/as asalariados mediante DNI, o informe de vida laboral destes, as súas declaracións do IRPF e os seus certificados de rendementos de traballo; mentres que, no caso de asalariados non socios, computarase mediante a presentación do DNI, o contrato de traballo e o informe de vida laboral da empresa.

c) No caso de que a persoa titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios para a determinación das UTA que no caso de que a persoa titular sexa unha persoa física.

Artigo 22º.-Pagamento da axuda.

1. O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos no artigo anterior. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención nos supostos de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda.

Artigo 23º.-Concorrencia e acumulación de axudas.

1. As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas, referidas para a mesma finalidade.

2. O importe máximo das axudas concedidas a través desta orde xunto con outras concedidas ao abeiro do Regulamento (CEE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, non poderán superar o límite de 200.000 euros en tres anos. Cando o importe global da axuda que se concederá baixo o antedito regulamento supere este límite máximo, o antedito importe non poderá acollerse ao presente regulamento nin sequera para unha fracción que non supere o límite máximo e, polo tanto, será denegada.

Artigo 24º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 25º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos, conceptos, ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 26º.-Reintegro, reducións, exclusións e sancións.

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora producidos desde o tempo que medie entre a notificación da resolución do procedemento de reintegro e o seu reembolso efectivo, nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos demais supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida, non pagando cantidade ningunha e debendo reintegrar o beneficiario as contías percibidas xunto cos xuros de demora producidos desde o seu pagamento. Ademais, ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes.

3. Sobre as reducións será de aplicación o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, e sobre o cal os pagamentos se calcularán sobre a base do que se considera elixible, tras determinar:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

A cantidade que se lle pagará ao beneficiario será a definida na letra b). Cando o importe sinalado na letra a) supera ao importe sinalado na letra b) en máis dun 3%, a cantidade que hai que pagar é igual ao importe sinalado na letra b) menos a diferenza entre os dous importes. Esta redución non se aplicará cando o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non elixible.

As reducións prescritas aplicaranse igualmente sobre os gastos non elixibles identificados nos controis sobre o terreo, cando son posteriores ao pagamento, e nos controis a posteriori.

4. Cando se determine intencionalidade na presentación dunha declaración falsa, o beneficiario quedará excluído da axuda Feader en cuestión e do resto de axudas vinculadas á medida durante o exercicio Feader de que se trate e os dous seguintes.

5. Así mesmo, tamén será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007.

Artigo 27º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa en que figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural». Ademais o modelo de cartel identificativo deberá cumprir tamén co disposto no Decreto 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

3. Así mesmo, nestes sentido deberase tamén cumprir o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 28º.-Recursos administrativos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo, no prazo de dous meses.

Artigo 29º.-Controis das axudas.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, particularmente, aqueles controis sobre a documentación e rexistros elaborados e facilitados polas entidades de asesoramento e/ou xestión ao agricultor, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellaría do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Ás axudas recollidas nesta orde seralles de aplicación o referido a controis sobre o terreo no Regulamento (CE) 1975/2006, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

Sección quinta

Convocatoria para o ano 2010

Artigo 30º-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010 das axudas para a implantación dos servizos de xestión, substitución e asesoramento segundo as bases reguladoras establecidas nesta orde.

Artigo 31º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida nesta orde.

Artigo 32º.-Financiamento para o ano 2010.

1. As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas do xeito seguinte:

Aplicación orzamentaria 712B 7720 C.P. 200700423.

Importe para o exercicio 2010: 100.000 euros, dos que 50.000 euros se destinan ás axudas ás entidades de servizos de asesoramento, 30.000 ás de servizos de xestión, e 20.000 ás de servizos de substitución.

Importe para o exercicio 2011: 2.400.000 euros, dos que 1.200.000 euros se destinan ás axudas ás entidades de servizos de asesoramento, 720.000 ás de servizos de xestión, e 480.000 ás de servizos de substitución.

2. Á vista do volume das solicitudes presentadas para cada tipo de servizo, mediante resolución do conselleiro do Medio Rural poderá redistribuírse entre elas o crédito aprobado, limitándose sempre ás dispoñibilidades orzamentarias. En función desas dispoñibilidades poderán incrementarse as contías destinadas ás subvencións que se convocan, sen que isto supoña ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo aquilo non previsto nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nos regulamentos 1974/2006 e da 1975/2006, da Comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento anterior, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso. O interesado poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Orde do 29 de decembro pola que modifica a Orde do 18 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento, e se convocan para o ano 2009.

A Orde do 29 de decembro pola que se modifica a Orde do 18 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento, e se convocan para o ano 2009, queda modificada como segue:

Uno. No artigo 2º modificación décimo primeira, os puntos 1 e 2 do artigo 21º quedan redactados como segue:

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar do seguinte xeito:

a) O beneficiario deberá presentar, como data máxima o 30 de novembro do ano en que se realiza, a solicitude de axuda, a xustificación dos gastos laborais elixibles realizados ata o 30 de setembro incluído, máis os investimentos elixibles en bens inventariables realizados ata o 30 de novembro.

b) Os gastos laborais elixibles realizados con posterioridade ao 30 de setembro xustificaranse ata o 30 de novembro do seguinte ano ao da solicitude, coa documentación establecida nos números 2.b), 2.c) e 2.d) e 2.e).

2. A xustificación do cumprimento dos conceptos suvencionados e dos compromisos requiridos acreditarase mediante a seguinte documentación:

a) Para as axudas ao investimento en bens inventariables: facturas orixinais ou as súas copias cotexadas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento, orixinal ou cotexado, que demostre fidedignamente o seu pagamento efectivo.

b) Para axudas aos custos laborais brutos de postos de traballo: copia cotexada dos contratos ou prórrogas de persoal, legalmente establecidos, polos cales se concedeu axuda e copia cotexada das nóminas aboadas, xustificante do pagamento dos gastos da Seguridade Social (TC1, TC2), xustificante de retencións e ingresos á conta do IRPF (modelo 110) e informe de vida laboral da conta ou contas de cotización da entidade con data do 31 de decembro de 2009 e último día do mes da última nómina subvencionada.

c) Declaración actualizada do beneficiario de non ter obtido ou estar pendente de obter outra axuda que sexa incompatible coa subvención concedida.

d) Declaración actualizada das axudas solicitadas ou concedidas suxeitas ao Regulamento (CE) 1998/2006, nos derradeiros tres anos de minimis (anexo IX).

e) Solicitude de pagamento da totalidade dos gastos considerados como elixibles na concesión da axuda (anexo VIII).

f) Informe-resumo que inclúa a relación das actuacións levadas a cabo, indicando a data, a explotación e definición da actuación.

g) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2010.

Samuel Jesús Júarez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "06100D009P096.PDF"

ANEXO III

Plan de asesoramento

1. Ámbito xeográfico de actuación.

2. Metodoloxía de asesoramento.

Establecer a metodoloxía de asesoramento técnico e seguimento que se vai implantar, e que recolla como mínimo:

2.1. Principais características das explotacións do ámbito de actuación.

Recoller, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía: agrícola, gandeira ou mixta.

b) Orientación produtiva (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc.).

c) Dimensión:

* Nº de explotacións.

* Superficie media/explotación.

*Nº cabezas de gando medio/explotación.

2.2. Obxectivos.

Determinación dos obxectivos que se van acadar para, se é o caso, corrixir e/ou mellorar o cumprimento do conxunto de prácticas na explotación ou explotacións con características semellantes, en relación cos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras novas. Estes obxectivos serán avaliables e cuantificables.

De ser o caso, especificaranse os obxectivos de cara á posta en marcha do Contrato de Explotación Sustentable (CES), ou doutras actividades diferentes do ámbito dos servizos de xestión, como son o asesoramento no ámbito dos novos retos, segundo o artigo 5º do Decreto 235/2007, que contribúan a un asesoramento de carácter integral.

2.3. Diagnose técnica inicial.

Descrición das actuacións que se van a levar a cabo e dos puntos de control a comprobar para establecer a diagnose inicial das explotacións principalmente canto á situación relativa aos requisitos legais de xestión (en adiante, RLX), boas condicións agrarias e ambientais (en adiante, BCAM), seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras novas.

2.4. Medidas de actuación.

Descrición das medidas concretas de actuación para acadar os obxectivos propostos, cronograma e a planificación para levalas a cabo.

2.5. Sistema de seguimento das orientacións produtivas.

Sinalar o control e seguimento que se levará a cabo para acadar a implantación das medidas previamente definidas no asesoramento para cada unha das orientacións produtivas (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc.), especificando polo menos:

* Nº visitas/explotación e periodicidade.

* Definición dos puntos críticos que se van examinar para a comprobación das prácticas agrarias en relación cos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras mozas.

2.6. Mostraxes.

Determinación das mostraxes (metodoloxía da mostraxe, periodicidade, intensidade e parámetros que se van controlar).

2.7. Documentación de traballo.

Relación e modelos da documentación necesaria que deixe constancia das visitas, seguimento e recomendacións (actas, informes, etc).

2.8. Método de autoavaliación e propostas.

Determinar os indicadores que permitan avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos en cada un dos ámbitos dos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras mozas e en cada unha das orientacións produtivas.

No caso da posta en marcha dun CES, asesoramento en novos retos ou doutras actividades que acaden un asesoramento integral, diferentes do ámbito dos servizos de xestión segundo artigo 5 do Decreto 235/2007, especificaranse ademais aqueles indicadores que mellor definan a consecución dos obxectivos definidos.

2.9. Obxectivos específicos do ámbito de asesoramento nos novos retos.

-A redución dos custos na produción leiteira e maximización do uso de recursos propios da explotación.

-O aforro de auga da explotación.

-A conservación da biodiversidade e medidas que favorezan a descontaminación atmosférica.

-A redución dos gastos en enerxía, mediante o aforro e a eficiencia enerxética.

-A substitución do uso de enerxías convencionais por enerxías renovables.

As propostas deberán incidir, en xeral, na estratexia de redución de custos mediante estratexias de aforro e a eficiencia enerxética nas explotacións, que minimicen a dependencia externa da enerxía, e a substitución de insumos por recursos naturais localmente dispoñibles, que permitirán incrementar a competitividade das explotacións, redundando á súa vez nunha redución significativa das externalidades ambientais asociadas á actividade agraria.

Reestruturación do sector leiteiro.

No caso do asesoramento no ámbito da restruturación do sector leiteiro, o asesoramento incidirá fundamentalmente na redución dos custos na produción leiteira e maximización do uso de recursos propios da explotación.

Cambio climático e enerxías renovables.

No caso das enerxías renovables e cambio climático, o asesoramento incidirá no asesoramento sobre investimentos que supoñan unha redución dos gastos en enerxía ou favorezan o aforro enerxético, e que deberán estar xustificados nunha documentación técnica que detalle as medidas de aforro e de eficiencia enerxética da explotación e as de substitución do uso de enerxías convencionais por enerxías renovables. Así mesmo incluirase unha diagnose enerxética da explotación que, como exemplo:

* Determine a cantidade das diferentes enerxías non renovables consumidas pola explotación agrícola.

* Distribúa os consumos enerxéticos en cada elemento da explotación (valores, %).

* Determine cantidade de enerxía saída da explotación.

* Determinará a cantidade das emisións de gas de efecto invernadoiro (CO2, CH4, N2O).

Así mesmo, no plan de asesoramento poderanse incluír estudos de optimización enerxética, que analicen o proceso produtivo das explotacións, nos que se recomenden as accións idóneas para optimizar o consumo en función do seu potencial de aforro, a facilidade de implementación e o custo de execución.

Estes estudos poderán incluír:

-Réxime de funcionamento enerxético. Horas/día/semana, horas/ano.

-Estrutura de custos.

-Datos da produción enerxética da explotación.

-Principais materias primas utilizadas. Nome e cantidade anual.

-Produción obtida. Cantidade anual.

-Análise enerxética:

-Consumo anual e distribución de consumos de enerxía.

-Consumo anual de enerxía eléctrica, comprada e autoproducida.

-Consumo anual de enerxía térmica e combustibles utilizados.

-Consumo anual térmico e eléctrico dos principais equipos consumidores de enerxía.

-Consumo anual térmico e eléctrico nas operacións auxiliares.

-Autoprodución de enerxía eléctrica. Combustibles adquiridos e características dos fluídos térmicos xerados.

-Consumos específicos e custos enerxéticos.

-Consumos específicos térmicos (kWh/unidade) e consumo específico eléctrico (kWh/unidade) por produto producido.

-Custos enerxía térmica por fonte enerxética e custo enerxía eléctrica.

-Medidas propostas:

-Definición da medida.

-Aforro de enerxía térmica e/ou eléctrica anual de cada medida.

-Aforro económico anual da medida.

-Outros aforros e melloras.

-Investimentos asociados ás melloras.

-Prazo de execución da medida proposta.

-Período de retorno simple do investimento.

ANEXO IV

Plan de xestión

1. Definición do plan de xestión: descrición do servizo de xestión e asistencia técnica ás explotacións nos ámbitos da agricultura sustentable de acordo co artigo 5 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

1.1. Ámbito xeográfico de actuación.

1.2. Metodoloxía: establecemento da metodoloxía ou procedemento que se vai seguir incluíndo polo menos:

1.2.1. Principais características das explotacións do ámbito de actuación: recolleranse polo menos os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía: agrícola, gandeira ou mixta.

b) Orientación produtiva (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc).

c) Dimensión:

* Nº de explotacións.

* Superficie media/explotación.

* Nº cabezas de gando medio/explotación.

1.2.2. Obxectivos que se van acadar nas actuacións previstas:

Estes obxectivos serán avaliables e cuantificables.

1.2.3. Diagnose técnica inicial: descrición das actuacións que se van levar a cabo, e dos puntos de control a comprobar para establecer a diagnose inicial das explotacións.

1.2.4. Medidas de actuación: descrición das medidas concretas de actuación para acadar os obxectivos propostos, cronograma e a planificación para levalas a cabo.

1.2.5. Seguimento do programa de xestión: establecer un plan de seguimento e control, definindo como mínimo:

* Nº de visitas por explotación e periodicidade.

* Definición dos puntos críticos de inspección e control para o seguimento das medidas concretas de actuación.

1.2.6. Mostraxes: determinación das mostraxes que se van realizar ben na diagnose técnica inicial ou/e no seguimento das actuacións do programa de xestión (metodoloxía da mostraxe, periodicidade, intensidade e parámetros que se van controlar).

1.2.7. Documentación de traballo: relación e modelos da documentación necesaria que deixe constancia das visitas, seguimento e recomendacións (actas, informes, etc).

1.2.8. Método de autoavaliación e propostas de mellora. Determinación dos indicadores que permitan avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos no plan de xestión.

Ver referencia pdf "06100D009P096.PDF"

Ver referencia pdf "06100D010P120.PDF"