DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.683

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 18 de marzo de 2010 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Peroxa (Ourense) relativa á regulación no solo rústico.

O Concello da Peroxa, conforme o disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, remite o expediente de referencia solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Peroxa dispón actualmente vixente de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 7 de xullo de 1999.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

-O Concello Pleno, en sesión do 10 de xullo de 2007, aprobou inicialmente a modificación puntual. Someteuse a información pública mediante anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia, do 27 de xullo, e La Región, do 28 de xullo; e no Diario Oficial de Galicia do 5 de setembro. Déuselle trámite de audiencia ao municipio limítrofe de Carballedo (Lugo), que o 12 de novembro de 2007 remitiu unha alegación.

-Consta informe favorable da Deputación Provincial de Ourense en materia de estradas provinciais (Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia).

-O 26 de outubro de 2007, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible acordou a non necesidade de someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

-O Pleno municipal, en sesión do 21 de xaneiro de 2008, aprobou provisionalmente a modificación puntual, rexeitando a alegación do Concello de Carballedo.

-O 16 de setembro de 2008, de acordo co artigo 85.5º b) da LOUG, a entón Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acordou non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do PXOM da Peroxa, sinalando unha serie de deficiencias que se debían corrixir.

-O Concello Pleno, en sesión extraordinaria do 4 de novembro de 2008, acordou retrotraer os trámites realizados e aprobou de novo inicialmente a modificación puntual, unha vez corrixidas as deficiencias sinaladas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

-Esta nova aprobación inicial foi publicada nos diarios La Voz de Galicia e La Región o 19 de novembro de 2008, e no DOG do 26 de novembro de 2008, e déuselle trámite de audiencia aos concellos limítrofes, presentando unha alegación o Concello de Carballedo.

-Consta novo informe favorable da Deputación Provincial de Ourense do 3 de febreiro de 2009.

-Tamén se solicitou informe sectorial á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, sen que conste resolución ao respecto.

-O Pleno municipal, en sesión extraordinaria do 13 de maio de 2009, acordou rexeitar a alegación presentada polo Concello de Carballedo (Lugo) e aprobar provisionalmente a modificación puntual nº 2 do PXOM da Peroxa.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e á vista da proposta elevada pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, fanse as seguintes consideracións para os efectos da aprobación definitiva:

1. O ámbito que afecta a modificación puntual son as ordenanzas do solo clasificado como rústico, que comprende os artigos 106 a 111, ambos inclusive, do PXOM vixente.

2. O obxecto da modificación puntual é:

* Adaptar a normativa que regula o solo rústico no PXOM á LOUG.

* Revisar a distancia de protección das explotacións gandeiras aos núcleos de poboación.

3. A modificación establece no número 7 do artigo 106 as condicións de edificación que deben cumprir as rehabilitacións de edificacións tradicionais, sendo coincidentes coas sinaladas no artigo 40 da LOUG.

Corríxese o número 4 do artigo 106 referente á superficie máxima ocupada pola edificación en planta, sendo coherente a súa redacción coa do número 1º c) do artigo 42 da LOUG.

II.2. De conformidade co artigo 89 da LOUG e co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal e das súas modificacións, correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º De conformidade co artigo 85.5º a) da LOUG, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 do PXOM da Peroxa (Ourense) relativa á normativa do solo rústico.

2º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente.

4º Notifíqueselle esta orde ao concello.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas