DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.683

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 17 de marzo de 2010 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2010 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, e polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

Así mesmo, a súa disposición transitoria cuarta establece que as axudas derivadas de plans anteriores serán atendidas con cargo á mesma aplicación orzamentaria e dentro do importe máximo, consonte o determinado no citado artigo 6 para as axudas do Plan 2005-2008.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumiu as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 316/2009, de 4 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 6 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que alcancen no exercicio 2010 a fase de concesión, determínanse as aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas previstas no citado decreto:

1. A rehabilitación de edificios e vivendas e reserva de recursos non territorializados por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro corresponderá á aplicación 07.90.451A.780.1 por un importe máximo de 3.000.000 €.

2. A rehabilitación de edificios e vivendas por parte de empresas privadas corresponderá á aplicación 07.90.451A.770.0 por un importe máximo de 10.000 €.

3. A promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a aluguer e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de sociedades públicas locais atenderase con cargo á aplicación orzamentaria 07.90.451B.760.2 e cun importe máximo de 446.400 €.

4. A promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a aluguer e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de empresas privadas correspóndelle a aplicación orzamentaria 07.90.451B.770.0 para a cal se fixa un importe máximo de 3.240.000 €.

5. Para adquisición de vivenda protexida e usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro a aplicación é a 07.90.451B.780.1 por un importe máximo de 3.000.000 €.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas