DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.675

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

A comunidade autónoma, en virtude do artigo 148.1º.20 da Constitución española e do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 6 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

O preámbulo da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero refire as accións que os poderes públicos deben levar a cabo para protexer e asistir as mulleres que sofren violencia de xénero, menciona a asistencia sanitaria, xurídica, social e psicolóxica integral, os dispositivos de alarma e os programas de reeducación como instrumentos básicos de protección, mais a propia lei indica que todas estas medidas son insuficientes se as vítimas carecen de recursos para iniciar unha nova vida en liberdade e afastada dos seus agresores, polo que se establecen procedementos abreviados para o acceso a distintas axudas e unha prestación económica de apoio ás vítimas. Porén, o artigo 39 da citada lei indica que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a

posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación de violencia, e para iso estableceranse as bases reguladoras a través dunha convocatoria de axudas dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade. Neste mesmo sentido, o artigo 21 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, prevé a posibilidade de conceder prestacións económicas para paliar situacións transitorias de necesidade, garantir mínimos de subsistencia e reforzar procesos de integración familiar e inclusión social, e inclúe entre as prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais aquelas dirixidas ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

O Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior dependente desta. De acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e accións no eido da eliminación da violencia de xénero.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores, e a súa convocatoria para o ano 2010.

A resolución destas axudas axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 e demais disposicións aplicables.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, réxime e finalidade.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que rexerán a concesión de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, baixo o réxime de non concorrencia, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Capítulo I

Convocatoria para o ano 2010 das axudas periódicas

de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

Artigo 2º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2010.

Artigo 3º.-Orzamento.

Para a concesión destas axudas destínanse 1.530.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.0, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2010: 900.000 euros.

Ano 2011: 630.000 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. A contía que poderá alcanzar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2010 e calcularase de acordo coas seguintes especificacións:

a) Axuda de seiscentos (600) euros ao mes, ata o máximo de doce mensualidades, no suposto de que as rendas e ingresos da beneficiaria sexan de contía igual ou inferior ao IPREM ou no caso de que acredite unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

b) Axuda de catrocentos (400) euros ao mes, ata un máximo de doce mensualidades, cando as rendas e ingresos da beneficiaria sexan superiores ao IPREM e iguais ou inferiores ao dobre do IPREM.

c) Douscentos (200) euros ao mes, ata un máximo de doce mensualidades, cando as rendas e ingresos da beneficiaria estean comprendidos entre o dobre e o triplo do IPREM.

2. As contías establecidas no punto anterior incrementaranse en cincuenta (50) euros ao mes por cada filla/o menor de idade a cargo.

Capítulo II

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de non concorrencia, das axudas periódicas de apoio a mulleres

que sofren violencia de xénero

Artigo 5º.-Requisitos das solicitantes.

1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia.

b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

c) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou seren estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibisen esta axuda con anterioridade.

Artigo 6º.-Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía.

1.A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata un máximo de doce mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 14º, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

2. A contía que poderá alcanzar esta axuda establecerase na convocatoria en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda.

3. Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo.

4. As beneficiarias quedarán incorporadas aos programas de formación, busca activa e mellora do emprego que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade e presentaranse a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude da axuda presentarase segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero derivada de convivencia mediante algún dos documentos seguintes:

1. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

3. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local no cal se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

5. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data na cal se produciu o cesamento da convivencia.

Os documentos acreditativos da situación de violencia deben estar adoptados ou emitidos no período de doce meses inmediatamente anteriores á data da solicitude desta axuda, sempre que nese período se producise o cesamento da convivencia. Así mesmo, a orde de protección ou a medida cautelar terán que estar vixentes na data de presentación da solicitude desta axuda.

No caso de que para a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se presente algún dos documentos recollidos nos puntos 1, 2 ou 3 anteditos e non conste que a situación violencia ocorre nunha relación de convivencia, deberase achegar ademais un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, no seu defecto, unha declaración responsable da solicitante, segundo o modelo do anexo IV. En ambos os casos, deberá constar a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia.

b) Declaración responsable de rendas e ingresos da solicitante da axuda, segundo o previsto no artigo 6º.3 (anexo II). Declararanse os ingresos percibidos no mes en que se produce o cesamento da convivencia co agresor, se coincide co mes en que se presenta a solicitude; de non ser coincidente, declararanse os ingresos desde que ten lugar a ruptura da convivencia ata o mes en que se solicita a axuda. Neste caso, e para os demais ingresos ou rendas que non sexan de percepción mensual aplicarase o rateo para o seu cómputo mensual.

Para os efectos do cómputo das rendas e ingresos non se teñen en conta as rendas individuais do agresor nin a vivenda habitual da vítima.

c) Acreditación de discapacidade, co certificado expedido polas unidades correspondentes dos departamentos territoriais de Traballo e Benestar, de ser o caso.

d) Acreditación de fillas/os a cargo, a través do libro de familia e o informe de servizos sociais ou sentenza xudicial de custodia, de ser o caso.

e) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia.

f) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas (anexo III).

g) Certificación da conta bancaria da cal a solicitante é titular única ou compartida con persoa distinta do agresor, con expresión de códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

3. En caso de dúbida ou necesidade de máis información relativa á solicitude ou á súa tramitación poderán dirixirse á Secretaría Xeral da Igualdade a través do enderezo de correo electrónico igualdade@xunta.es ou do teléfono 900 40 02 73.

Artigo 8º.-Instrución.

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución. No suposto de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá a solicitante para que no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixese no prazo indicado, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, todo iso sen prexuízo da remisión dunha nova solicitude segundo o prazo indicado na convocatoria.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderán requirirse as solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2º desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

Artigo 9º.-Resolución e réxime de recursos.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a resolución destas axudas. Este proceso realizarase de forma continuada segundo a orde de recepción das solicitudes. O procedemento de concesión segue o réxime de non concorrencia, polo que se recoñecerán axudas ate o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3º desta resolución. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web.

2. O prazo máximo para resolver será de 6 meses que se computarán a partir do seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

4. A secretaria xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

5. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás solicitantes en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que lle correspondesen segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Durante o período de pagamento, o órgano xestor poderá constatar a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP) ou de calquera outro medio con validez legal a vixencia das medidas xudiciais de protección, e incorporará ao expediente, de ser o caso, os informes dos servizos sociais da Administración local ou autonómica que sexan precisos, co obxecto de acreditar que se manteñen as condicións que motivaron a concesión da axuda.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta que as solicitantes fixesen constar na solicitude, debendo permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Procederá a modificación da concesión no suposto de que durante a percepción se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o cálculo inicial da axuda; neste caso minorarase o seu importe para a súa regularización.

3. No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 4º.1 c) procederá resolver a suspensión da axuda.

Artigo 12º.-Reintegro.

1. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor iniciará un procedemento de revisión no momento en que teña constancia da variación das circunstancias da concesión ou por incumprimento das obrigas establecidas e, en todo caso, cando a beneficiaria reinicie a convivencia co agresor ou cando solicite deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ate que se dite resolución definitiva de suspensión ou se deixe sen efecto, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.

2. Así mesmo, o órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Artigo 13º.-Obrigas das beneficiarias.

1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda e a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.

3. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, busca activa e mellora de emprego que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 14º.-Incompatibilidades.

1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.

2.1. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas (anexo III) que presente xunto coa solicitude.

2.2. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas (anexo III) que presente xa que, de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de prazo de 5 días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición.

2.3. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no punto anterior.

3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para a percepción desta axuda polo que, no momento de recibir a notificación de concesión, deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.

Artigo 15º.-Seguimento e control.

1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a secretaria xeral da Igualdade, e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a continuación, ademais daqueloutros que se consideren salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 10º.2 desta disposición e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Publicidade.

A concesión destas axudas non serán obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición adicional

As solicitudes recibidas no prazo establecido na resolución do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller do 13 de marzo de 2009, publicada o 24 de marzo de 2009, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos resolveranse ao abeiro desta resolución, fixándose a data de inicio de cómputo de mensualidades para os efectos económicos no día 1 de xaneiro de 2010 para todos os expedientes que resultasen positivos.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago Compostela, 26 de marzo de 2010.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "06100D005P043.PDF"