DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.668

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2010 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de marzo de 2010, polo que se crea a Comisión Autonómica para a Visita do Papa Benedicto XVI a Galicia con motivo do Ano Santo Compostelán.

Adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 18 de marzo de 2010, o acordo polo que se crea a Comisión Autonómica para a Visita do Papa Benedicto XVI a Galicia con motivo do Ano Santo Compostelán, e determinando no seu punto décimo que o acordo será publicado mediante resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no seu cumprimento,

RESOLVO:

Facer público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado o día 18 de marzo de 2010, polo que se crea a Comisión Autonómica para a Visita do Papa Benedicto XVI a Galicia con motivo do Ano Santo Compostelán, que a seguir se transcribe:

«A visita do Papa Benedicto XVI a Galicia no Ano Santo Compostelán 2010 é unha honra e unha alegría para todos os galegos, e igualmente exixe que o Goberno galego colabore na organización, coa coordinación necesaria, coas demais administracións públicas e entidades públicas, privadas e particulares que participen na organización da devandita visita; en especial, co Arcebispado de Santiago de Compostela, a Administración xeral do Estado e o Concello de Santiago de Compostela.

Esta colaboración debe facerse, pola súa vez, coordinada entre os diversos centros directivos e entidades da Administración autonómica para que esta poida actuar coa organización e dirección precisas, e cunha soa voz xunto ás demais entidades que participan na organización da visita, para que esta cumpra cos seus obxectivos.

En consecuencia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de marzo de dous mil dez,

ACORDA:

Primeiro.-Creación.

Créase a Comisión Autonómica para a Visita do Papa Benedicto XVI a Galicia con motivo do Ano Santo Compostelán 2010.

Esta comisión quedará adscrita á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Segundo.-Fins.

A Comisión Autonómica programará, impulsará, canalizará e coordinará as actividades que leven a cabo os centros directivos e entidades vinculadas, participadas ou dependentes da Administración autonómica de Galicia, competentes ou relacionadas polo seu obxecto coa visita do Papa Benedicto XVI a Galicia no Ano Santo Compostelán 2010.

Igualmente, supervisará a execución das actividades previstas, no marco das competencias da Comunidade Autónoma, de acordo cos principios de austeridade, eficacia e eficiencia.

En todo caso, estes fins realizaranse en colaboración coas demais administracións públicas, entidades públicas, privadas e particulares que participen na organización da visita; colaboración que se realizará a través desta comisión autonómica.

Terceiro.-Funcións.

A Comisión de Seguimento ten as seguintes funcións:

a) Programar e canalizar as disposicións e actuacións que serán desenvolvidas en cada caso polas consellerías e entidades vinculadas, participadas ou dependentes da Administración autonómica.

b) Impulsar e coordinar a promulgación das disposicións e a realización das actuacións necesarias para o desenvolvemento da visita.

c) Realizar o puntual seguimento da execución das disposicións promulgadas e do desenvolvemento das actividades programadas.

d) Colaborar coas demais administracións públicas, entidades públicas, privadas e particulares que participen na organización da visita.

e) Actuar, en coordinación coas entidades relacionadas na alínea anterior, no desenvolvemento do programa de actividades previstas, supervisando a súa adecuada execución no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.

f) Aqueloutras que, en relación cos fins sinalados no número segundo deste acordo, lle sexan atribuídas.

Cuarto.-Composición.

1. A Comisión Autonómica estará composta por dous tipos de membros: permanentes e non permanentes.

2. Son membros permanentes da Comisión:

a) O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que presidirá a Comisión.

b) O conselleiro de Cultura e Turismo, que será o vicepresidente da Comisión.

c) O secretario xeral da Presidencia.

d) O director xeral do Gabinete da Presidencia.

e) O secretario xeral de Medios.

f) A secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que actuará como secretaria.

g) O director xeral de Emerxencias e Interior.

h) O comisario xefe da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

i) O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

j) O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

3. Actuarán como membros non permanentes da Comisión os representantes de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, con rango cando menos de subdirector/a xeral, designados para estes efectos.

4. A representación de cada consellería asistirá a aquelas xuntanzas da Comisión para as que sexa convocada en función das materias e asuntos que formen parte da orde do día. A ausencia dos membros convocados deberá xustificarse motivadamente.

Así mesmo, poderá asistir ás xuntanzas calquera funcionario ou funcionaria ou expertos cando así o consideren oportuno os órganos competentes por razón das materias que se van tratar.

Quinto.-Funcionamento.

Sen prexuízo das particularidades previstas neste acordo, o funcionamento da Comisión Autonómica axustarase ao previsto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Con carácter xeral, a Comisión de Seguimento realizará, como mínimo, unha xuntanza cada mes. Non obstante, poderá ser convocada, por decisión dos membros permanentes ou das consellerías afectadas, en calquera momento, dependendo dos asuntos que se vaian tratar.

Sexto.-Subcomisións.

1. A Comisión Autonómica acordará a creación de subcomisións específicas, as cales, sen prexuízo das funcións de coordinación que corresponden a aquela, realizarán funcións de preparación e desenvolvemento de actuacións concretas.

2. As devanditas subcomisións estarán presididas pola persoa que designe a Comisión Autonómica, e delas poderán formar parte representantes de distintas administracións públicas e institucións públicas e privadas, así como personalidades de recoñecido prestixio.

Sétimo.-Extinción.

A Comisión Autonómica deixará de desempeñar as súas funcións e considerarase extinguida unha vez cumpridos os obxectivos e realizadas as actuacións que motivan a súa creación.

Oitavo.

A creación da Comisión Autonómica para a Visita do Papa Benedicto XVI a Galicia con motivo do Ano Santo Compostelán 2010 non xerará na consellería a que queda adscrita incremento dos créditos asignados polos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Noveno.-Desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adoptar as resolucións e realizar as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste acordo.

Décimo.-Publicación.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza».

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza