DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.667

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 41/2010, do 25 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia nº 208, do 28 de outubro de 2002, publicouse o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Este decreto foi pola súa vez modificado polo Decreto 38/2006, do 2 de marzo, (DOG nº 49, do 10 de marzo), coa finalidade de adecuar a composición do Consorcio á estrutura orgánica vixente nese momento.

Coa vixente estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia considera necesario modificar a súa representación no Consorcio Audiovisual de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 1.2º do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, que queda redactado nos seguintes termos:

2. O Consorcio Audiovisual de Galicia estará constituído pola Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Facenda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar, pola Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e polas deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; e goza de personalidade xurídica propia e capacidade suficiente para o cumprimento das súas finalidades.

A composición do Consello de Dirección, no que se refire á representación da Xunta de Galicia, será:

a) O/a presidente/a, que será o/a conselleiro/a de Cultura e Turismo.

b) O/a vicepresidente/a: o/a secretario/a xeral de Medios.

c) Nove vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se designarán da forma seguinte: dous/dúas pola Consellería de Cultura e Turismo, un/unha dos/das cales será o/a director/a da Axencia Galega de Industrias Culturais, dous/dúas pola Secretaría Xeral de Medios, un/unha dos/das cales será o/a director/a do Centro Galego de Artes da Imaxe, un/unha pola Consellería de Facenda, un/unha pola Consellería de Economía e Industria, dous/dúas pola Consellería de Educación, un/unha dos/das cales será o/a secretario/a xeral de Política Lingüística, e un/unha pola Consellería de Traballo e Benestar Social.

d) Un/unha vogal en representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), que será o/a seu/súa director/a.

e) O/a secretario/a será o/a subdirector/a xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais, que terá voz e voto.

A designación dos membros do Consello de Dirección farase procurando alcanzar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

En todo caso, nos estatutos do Consorcio Audiovisual, as referencias ao secretario xeral de Comunicación, entenderanse realizadas ao/á conselleiro/a de Cultura e Turismo.

Artigo 2º

Modifícase a disposición derradeira primeira do Decreto 294/2002, do 17 de outubro, quedando a súa redacción nos seguintes termos:

Facúltase o/a secretario/a xeral de Medios para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto, que abranguerá a publicación no Diario Oficial de Galicia das modificacións dos estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 38/2006, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza