DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 30 de marzo de 2010 Páx. 4.547

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de marzo de 2010 pola que se regulan os prezos privados dos servizos de xestión, control e certificación da calidade alimentaria do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, establecen que o Ingacal será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade dos produtos acollidos ás distintas denominacións xeográficas ou a outras figuras de protección da calidade diferencial. O Ingacal pretende ser unha ferramenta de apoio á actividade dos consellos reguladores, sobre todo dos que carecen dunha estrutura axeitada para o desenvolvemento das súas funcións. Deste xeito o Ingacal podería asumir, nos casos en que fose necesario, os labores de control e certificación así como outros servizos de apoio á xestión dos consellos.

No artigo 15.1º da citada Lei 2/2005, do 18 de febreiro, establécense tres opcións para a realización do control e certificación dos produtos amparados por unha denominación xeográfica e que son: mediante entidades independentes de control que axusten o seu funcionamento aos requisitos establecidos na norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto (UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa), mediante un órgano integrado no propio consello regulador, ou a través do Ingacal, mediante o departamento correspondente integrado na súa estrutura.

En estreita relación co anterior, será o Ingacal, ademais, o organismo de xestión e control das marcas de calidade do sector agroalimentario a que se refire o artigo 30 da citada Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como, da artesanía alimentaria de Galicia.

O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece, no artigo 63.2º, que no regulamento de cada denominación deberá optarse por algún dos sistemas de control anteriormente mencionados.

Así mesmo, o citado decreto, no artigo 66.2º establece que o Ingacal poderá realizar todo tipo de actividades relativas á certificación que lle sexan contratadas polos consellos reguladores, tales como inspeccións, toma de mostras de produtos ou análises fisicoquímicas ou organolépticas.

Neste sentido, o Ingacal pretende ofertar os seus servizos aos distintos consellos reguladores que voluntariamente o demanden, co fin de optimizar os recursos e reducir os custos de funcionamento grazas ao efecto de escala, e contribuír á profesionalización, especialización e mellora da calidade dos servizos realizados.

En cumprimento da indicada función, o Ingacal pretende ofertar servizos aos usuarios que o soliciten, para o que aplicará prezos privados de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei, no seu artigo 51, sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e publicados no Diario Oficial de Galicia.

Para cumprir este mandato e despois de emitido o preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten como obxecto a fixación dos prezos privados dos seguintes servizos, que o Ingacal prestará aos usuarios que o soliciten:

a) Servizo de xestión de consellos reguladores. Consiste nas actuacións de secretaría do consello regulador, xestión contable-administrativa, tramitación de subvencións e mantemento dos rexistros dos inscritos nos consellos reguladores que se establezan nos seus regulamentos.

b) Servizo de control e certificación da calidade alimentaria. Consiste nas actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nos regulamentos, pregos de condicións e normas técnicas das diferentes figuras de calidade a que o Ingacal preste os seus servizos.

c) Servizo de control dos viños da terra. Este punto afecta as adegas que elaboran viño acollido ás indicacións xeográficas existentes en Galicia. Consiste nas actuacións de comprobación do cumprimento das normas que establecen as ordes que recoñecen e regulan as ditas indicacións xeográficas.

Artigo 2º.-Determinación de prezos.

Os prezos privados dos servizos do Ingacal determinaranse en función do servizo de que se trate. No caso de figuras de calidade en que exista un consello regulador, o pagamento dos servizos de xestión, control e certificación serán realizados polo propio consello regulador logo de acordo co Ingacal no que se establecerá o alcance das actuacións. No caso de que para unha figura de calidade non exista un consello regulador, o pagamento dos servizos de control e certificación realizarano directamente os propios operadores.

a) Prezos do servizo de xestión de consellos reguladores.

Con carácter xeral o prezo deste servizo será de 8.720,48 euros por consello regulador e ano. Este importe verase incrementado nun 0,5% do valor medio da produción certificada, de acordo coa estatística oficial da Consellería do Medio Rural, nos tres anos anteriores ao da prestación do servizo.

b) Prezos do servizo de control e certificación da calidade alimentaria.

Con carácter xeral establécese un prezo por cada unha das actuacións de inspección de 700,15 euros, tanto no caso dos produtores primarios como no dos usuarios finais da marca de calidade.

c) Prezo do servizo de control e certificación dos viños da terra.

Con carácter xeral establécese un prezo fixo de 59 euros por campaña que deberán aboar os usuarios finais das indicacións xeográficas. Ademais, estes deberán aboar 0,05 euros por cada unha das contraetiquetas solicitadas para a identificación dos viños que acolle cada unha das indicacións xeográficas.

Artigo 3º.-Descontos e bonificacións.

Nos prezos do servizo de control e certificación da calidade alimentaria a que se refire a letra b) do artigo 2º, aplicaranse os seguintes descontos e bonificacións:

a) Nos cinco primeiros anos de funcionamento dun consello regulador, o prezo reducirase nun 50% para os usuarios finais da marca de calidade e nun 75% para os produtores primarios.

b) No caso dos consellos reguladores en que o valor medio do produto certificado aos inscritos nos tres anos anteriores á prestación do servizo, de acordo coa estatística oficial da Consellería do Medio Rural sexa inferior a 2.000.000 de euros, e aos que non lles sexa aplicable a alínea a) anterior, o prezo reducirase nun 50% para os usuarios finais da marca de calidade e nun 75% para os produtores primarios.

c) No caso dos consellos reguladores en que o valor medio do produto certificado aos inscritos nos tres anos anteriores á prestación do servizo, de acordo coa estatística oficial da Consellería do Medio Rural sexa superior a 2.000.000 de euros, e aos que non lles sexa aplicable a alínea a) anterior, o prezo reducirase nun 75% para os produtores primarios.

Artigo 4º.-IVE.

Os prezos a que se refire esta orde entenderanse, se é o caso, con IVE incluído.

Artigo 5º.-Actualización de prezos.

Estes importes actualizaranse o un de xaneiro de cada ano na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2006) no mes de novembro, calculado polo INE. Os prezos así actualizados deberanse facer públicos mediante resolución da persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Artigo 6º.-Exencións.

Os organismos da Administración pública da Xunta de Galicia, definidos no artigo 3 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, non estarán suxeitos a esta orde.

Artigo 7º.-Forma de liquidación e pagamento.

O pagamento dos prezos privados aboarase:

a) Nos quince primeiros días do mes seguinte á finalización do cuarto trimestre natural de cada ano, no caso do prezo fixo por campaña das indicacións xeográficas dos viños da terra e con carácter previo á súa entrega, no caso do prezo das contraetiquetas.

b) Nos quince primeiros días do mes seguinte á finalización do trimestre natural, nos demais casos.

Todos os casos se axustarán ao establecido na normativa pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facultase a Dirección do Ingacal para ditar cantos actos e resolucións sexan necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural