DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2010 Páx. 4.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2010 pola que se convoca un curso de marcas.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, convócase un Curso superior de marcas.

A dirección deste curso correrá a cargo do prof. Dr. Carlos Lema Devesa, catedrático do departamento de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid.

1. Obxectivos.

Revisar os aspectos principais do réxime xurídico da Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas, e a normativa de desenvolvemento.

2. Contido.

-A importancia da marca na empresa.

-A elección e protección das marcas en España.

-Concepto e clases de marcas.

-A marca comunitaria.

-As marcas internacionais.

-As marcas-envase.

-As marcas xeográficas.

-O risco de confusión nas marcas.

-As marcas notorias e renomeadas.

-A xurisprudencia recente en materia das marcas.

-O uso obrigatorio da marca.

-As accións para defender as marcas.

-A defensa asociativa da marca: Andema.

-O procedemento xudicial sobre marcas.

-A marca de garantía Galicia Calidade.

-O nome comercial.

-As marcas e os nomes de dominio.

-O axente de propiedade industrial e as marcas.

-A Oficina Española de Patentes e Marcas.

-As facultades da Xunta de Galicia en materia de rexistro de marcas: o Segapi.

-Galicia e os signos distintivos.

3. Prazas: 50.

4. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia que cumpran algún dos seguintes requisitos:

1) Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario, ou aos grupos I e II do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

2) Pertencer ao grupo C (subgrupo C1) do persoal funcionario ou III do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e estar en posesión do título de licenciado, diplomado, universitario ou equivalente.

Este curso valorarase con 1,5 puntos a aqueles alumnos/as aprobados/as que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994 do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se determinan os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local, en cumprimento do disposto na Orde do 10 de agosto de 1994, do Ministerio para as Administracións Públicas, e tamén do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionario/as con habilitación de carácter estatal (DOG nº 52, do 16 de marzo).

5. Prazo de inscrición e presentación das instancias.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará na páxina web da EGAP co seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoMarcas.

O prazo de presentación de instancias será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

-Credencial acreditativa da súa condición de empregado público comprendido no ámbito disposto no número 4º desta convocatoria.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de licenciado/a, doutor/a ou diplomado/a.

-Certificado expedido polo/la responsable de persoal do organismo de que dependa o/a solicitante en que se indique a situación profesional deste/a con indicación das funcións que realiza e que estean relacionadas co obxecto do curso.

Toda a documentación remitida polos/as solicitantes que non sexa orixinal terá que presentarse compulsada.

Poderase pedir aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente documentados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do/da solicitante previamente seleccionado/a.

6. Criterios de selección.

Os/as participantes serán seleccionados/as por unha comisión técnica, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP.

Para a admisión neste curso terán prioridade os/as empregados/as públicos cuxo posto de traballo estea directamente vinculado coas materias obxecto daquel, que se acreditará mediante as certificacións do/da titular do centro directivo ou da xefatura territorial en que preste servizos.

Para os efectos de selección terase en conta o grao de responsabilidade asignado en función do posto de traballo.

En calquera caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP, contidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 da EGAP, publicada no DOG nº 7, do 10 de xaneiro.

7. Publicación da lista de seleccionados/as e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados/as publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es), que terán un prazo de 3 días para presentar a documentación que acredite os méritos incluídos na instancia curricular.

O prazo para a presentación de alegacións será de 3 días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Lista de espera.

A comisión, tendo en conta a puntuación obtida por cada solicitante no proceso de valoración, elaborará unha lista de espera co fin de cubrir as posibles vacantes que se poidan producir no suposto de que algunha das persoas seleccionadas cause baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das súas primeiras vinte e catro horas lectivas.

9. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do mencionado certificado de aproveitamento, os/as alumnos/as deberán obter a avaliación positiva dos/as profesores/as do curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Neste caso acreditarase documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou ante a persoa responsable do curso, nun prazo máximo de 10 días despois de que esta ausencia se produza.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

10. Desenvolvemento.

O curso realizarase na Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, os días 19, 20, 26 e 27 de abril, 3, 4, 10 e 11 de maio de 2010.

A súa duración será de 30 horas, que se distribuirán a razón de 6 horas por semana, das 16.00 ás 20.00 horas.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os/as alumnos/as que participen no curso terán que asinar a súa asistencia a cada unha das sesións académicas. As ausencias ocasionais do curso constarán como incidencia dentro de cada sesión para os efectos do cómputo correspondente. Poderanse realizar tamén controis de asistencia extraordinarios en calquera momento do desenvolvemento do curso.

Os/as profesores/as emitirán informe indicando a avaliación dos/as alumnos/as para os efectos de obtención do certificado de aproveitamento, declarando apto, non apto ou apto con mención a cada alumno/a en función das probas que estableza a dirección do curso.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e a de interpretación para resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

A dirección do curso resolverá, co visto e prace do director da escola, as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Advertido erro na orde antes citada, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 241, do 12 de decembro de 2008, cómpre facer a seguinte corrección:

Na páxina 22.131, na base IV.1., onde di: «…resolverase acudindo á puntuación obtida nas bases seguintes pola súa orde. De persistir este, resolverase pola orde alfabética recollida na base II.1.1.4..»; debe dicir: «…resolverase acudindo á puntuación obtida nas bases seguintes pola súa orde. De persistir este, resolverase pola orde alfabética recollida na Resolución do 29 de xaneiro de 2008 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 25, do 5 de febreiro de 2008».