DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2010 Páx. 4.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2010, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da delimitación do núcleo rural de Golpilleira, na parroquia de Dumpín, concello de Castro de Rei (Lugo).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Castro de Rei remite o proxecto de delimitación referido, para os efectos da súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2.2ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Castro de Rei conta cun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado definitivamente o 1 de abril de 1977, aplicable nos núcleos de Castro de Rei e Castro de Riberas de Lea, fóra destes rexeranse polas normas de aplicación directa da LOUG, e polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. Atópase en tramitación o Plan Xeral de Ordenación Municipal, sobre o que emitiu informe a Dirección Xeral de Urbanismo con carácter previo á aprobación inicial o 18 de xuño de 2007 e foi sometido posteriormente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, documento de referencia do 28 de xullo de 2008.

4. Sobre o proxecto de delimitación emitiu informe o técnico municipal o 20 de xullo de 2009.

5. Acordouse a aprobación inicial pola Xunta de Goberno local do 30-7-2009.

6. Efectuouse a exposición pública mediante anuncios no DOG do 28-8-2009 e nos xornais El Progreso do 11-8-2009 e La Voz de Galicia do 12-8-2009. Non se presentaron reclamacións segundo certificado ao respecto do secretario do concello.

7. Consta informe favorable do director xeral de Patrimonio Cultural do 28-9-2009.

8. O Pleno do Concello de Castro de Rei, na súa sesión do 14 de novembro de 2009, resolveu aprobar provisionalmente a delimitación do núcleo rural de Golpilleira.

9. O proxecto integrado por memoria e planos de xullo de 2009 polos arquitectos Montserrat Miguel Prieto e Marcos Faílde Guerrero, con visado do 16-7-2009.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar a documentación achegada polo Concello de Castro de Rei,e á vista da proposta elaborada pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre indicar o seguinte:

1. A Golpilleira aparece recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000) e no do Instituto Nacional de Estatística.

2. Delimítase un núcleo tradicional de 7.982 m2 de superficie bruta e 6.511 m2 netos, en que existen 5 vivendas.

3. Contiguas ao núcleo delimítanse dúas áreas de expansión: unha ao oeste, con 6 vivendas e 15.883 m2; e outra ao leste, cunha soa vivenda e 5.177 m2.

4. A superficie construída no núcleo tradicional é de 1.743 m2, o que supera a metade da que se podería edificar naquel consonte as condicións urbanísticas aplicables, co que se acada o grao de consolidación mínima establecido no artigo 13.3º.1 inciso, da LOUG.

5. O perímetro do núcleo está a unha distancia inferior aos 50 metros establecidos.

6. O ámbito do núcleo tradicional apenas presenta unha mínima capacidade de incremento residencial, mentres que as dúas áreas de expansión propostas presentan tamén pouca marxe de incremento (4 posibles novas vivendas), que é proporcionado á demanda de implantación de novas edificacións que se puidese producir.

7. Os terreos incluídos nas áreas de expansión son aptos para o asentamento residencial, dispoñen de boas condicións topográficas e de acceso directo ás vías públicas.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1º.b do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do núcleo rural de Golpilleira na parroquia de Dumpín, Concello de Castro de Rei.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2010.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "05900D002P006.PDF"