DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 24 de marzo de 2010 Páx. 4.084

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario.

Exposición de motivos.

O Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, aprobado pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, unifica e substitúe o réxime xurídico aplicable ao persoal sanitario e crea, na disposición adicional cuarta, a figura do persoal emérito, que ata ese momento se recoñecía en exclusiva ao profesorado universitario.

Establece a mencionada disposición adicional que os servizos de saúde das comunidades autónomas poderán nomear, con carácter excepcional, persoal emérito entre licenciado/as sanitarios xubilado/as cando os méritos relevantes da súa traxectoria profesional así o aconsellen.

A facultade que outorga a Lei 55/2003 aos servizos de saúde exixe o desenvolvemento mediante decreto desta previsión no sentido de regular os requisitos que debe reunir o persoal estatutario que desexe optar á condición de emérito, o procedemento para o seu nomeamento, así como o réxime de actividades e as condicións do seu exercicio.

Neste decreto preténdese recoñecer o prestixio e a importancia profesional de profesionais sanitarios xubilado/as así como facilitar, durante o período de tempo establecido e mentres as condicións de saúde llelo permitan, a existencia dunha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultoría, asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos adquiridos durante a vida laboral previa á súa xubilación.

Este decreto dítase logo do seu tratamento coas organizacións sindicais representadas na mesa sectorial.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de marzo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten como obxecto a regulación do procedemento para o recoñecemento, con carácter excepcional, da condición de persoal emérito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como os dereitos inherentes a este recoñecemento e o réxime de actividades deste persoal.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ao persoal licenciado en medicina e cirurxía, que cese como estatutario fixo como consecuencia de ter accedido á condición de xubilado/a, que teña unha traxectoria especialmente distinguida na asistencia, na docencia ou na investigación sanitaria e que estivese prestando os seus servizos no momento da súa xubilación no Servizo Galego de Saúde.

Artigo 3º.-Requisitos para ser nomeado persoal emérito.

Para ser nomeado persoal emérito, as persoas interesadas deben reunir os requisitos seguintes:

1. Encontrarse en situación de xubilación e non ter cumprido a idade de 72 anos.

2. Reunir a condición de persoal licenciado en medicina e cirurxía estatutario fixo en situación de servizo activo no Servizo Galego de Saúde no momento de acceder á súa xubilación.

3. Ter prestado, polo menos, 10 anos de servizo activo no Servizo Galego de Saúde.

4. Ter recoñecido o grao IV na carreira profesional.

5. Acreditar un conxunto de méritos especialmente relevantes no ámbito da asistencia sanitaria, a docencia ou a investigación ou polos servizos prestados no Servizo Galego de Saúde ou ben noutro servizo do Sistema Nacional de Saúde.

6. Acreditar, de conformidade co procedemento que se determinará con posterioridade, a capacidade funcional necesaria para realizar as actividades de consultoría, informes e docencia que lle sexan asignadas.

Artigo 4º.-Méritos que se terán en conta para o seu nomeamento.

Para o nomeamento de persoal emérito consideraranse os seguintes méritos:

a) O labor desempeñado no ámbito asistencial, docente e de investigación, así como os resultados das avaliacións correspondentes.

b) O deseño, asesoría, dirección ou coordinación e participación en proxectos, plans ou iniciativas que contribuirán coa súa posta en marcha a mellorar as prestacións do Servizo Galego de Saúde.

c) O desempeño de cargos de responsabilidade ou directivos.

d) As estancias en institucións sanitarias, científicas e/ou académicas estranxeiras, sempre que repercutisen favorablemente no funcionamento do Sistema Sanitario Público Galego.

e) Posuír o grao de doutor/a, no caso de investigadores/as.

Artigo 5º.-Actividades propias do persoal emérito.

O persoal emérito poderá desempeñar no centro sanitario de adscrición as actividades que con carácter xeral se indican a continuación:

a) Consultoría, asesoría e formación no ámbito da súa especialidade.

b) Consultoría, análise e deseño de programas e propostas de mellora de capacidades docentes, investigadoras e asistenciais dos centros.

c) Consultoría e deseño de programas de calidade en relación coa coordinación de niveis asistenciais.

d) Consultoría e deseño de programas de integración institucional e de relación comunitaria e cidadá.

Artigo 6º.-Características da prestación de servizos por parte do persoal emérito.

O nomeamento como persoal emérito comporta unha dedicación a tempo parcial no centro de adscrición. A dedicación determinarase no correspondente nomeamento e especificarase o número de horas semanais, cun límite máximo total de 700 horas anuais.

Artigo 7º.-Procedemento para o recoñecemento da condición de persoal emérito.

1. O procedemento de nomeamento do persoal emérito iniciarase de oficio, pola xerencia da área que corresponda ao posto de traballo que desempeñaba a persoa cuxo recoñecemento se solicita antes da súa xubilación, ou por iniciativa das distintas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario. Neste último suposto, a solicitude presentarase na xerencia indicada no parágrafo anterior.

As solicitudes, xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos e a xustificación dos méritos que concorren na persoa, de acordo co establecido no artigo 3º, deberán remitirse á Xerencia do Servizo Galego de Saúde. A Xerencia comunicará ao interesado o inicio do expediente e dará traslado da documentación á comisión correspondente.

2. Para a comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos e a valoración dos méritos acreditados, créase unha comisión de valoración que estará composta por cinco membros, nomeados por orde da titular da consellería competente na materia. No nomeamento dos membros da comisión respectarase a representación equilibrada de mulleres e homes, de acordo coa lexislación vixente.

Esta comisión de valoración ten a consideración de órgano colexiado e as súas actuación axustaranse ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión de expertos deberá elaborar o seu regulamento de funcionamento interno. A comisión poderá solicitar, dos distintos departamentos da Consellería de Sanidade ou dos centros asistenciais, cantas aclaracións ou documentos considere necesarios para efectuar a súa proposta.

3. Unha vez elaborada a proposta pola dita comisión, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde elevaraa á persoa titular da consellería competente na materia, quen procederá, se é o caso, ao nomeamento do persoal emérito, oído o Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia.

4. A duración do procedemento non poderá ser superior a tres meses, de conformidade co establecido no artigo 42 da Lei 3/1992.

Artigo 8º.-Duración do nomeamento.

1. O nomeamento como persoal emérito farase por un período dun ano. Transcorrido este prazo e por proposta da xerencia de área a que está adscrito o persoal emérito, coa conformidade da persoa interesada, poderase prorrogar o nomeamento por períodos anuais pola autoridade que conferiu este, en función das necesidades da institución.

2. A duración máxima do nomeamento como persoal emérito non poderá superar en total os sete anos e, en todo caso, non poderá superar a idade máxima establecida no artigo 3º.1 deste decreto.

Artigo 9º.-Cesamento.

Son causas de extinción do dereito a realizar as actividades como persoal emérito:

a) O cumprimento do prazo inicial de vixencia do nomeamento ou da prórroga ou prórrogas, se é o caso.

b) A renuncia da persoa nomeada.

c) A revogación, logo de audiencia, do seu nomeamento por perda sobrevida da capacidade funcional ou incumprimento das súas obrigas.

d) O cumprimento da idade máxima establecida no artigo 3º.1 deste decreto.

Artigo 10º.-Limitacións ao nomeamento do persoal emérito.

A porcentaxe de persoal emérito nomeado para o conxunto de centros do Servizo Galego de Saúde non poderá superar o un por cento do total de dotacións permanentes de persoal licenciado sanitario da súa categoría no orzamento de cada anualidade.

Artigo 11º.-Gratificacións ao persoal emérito.

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da/do titular da consellería competente na materia, e cos informes previos preceptivos, determinará as gratificacións correspondentes ao persoal emérito.

2. Para a determinación das gratificacións teranse en conta as limitacións que no total das percepcións públicas establece o artigo 77.3º da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Artigo 12º.-Carácter vitalicio da condición de emérito.

Unha vez extinguido o nomeamento, a condición de persoal emérito será vitalicia con carácter honorífico, sen dereito a gratificación ningunha.

Artigo 13º.-Rexistro de Persoal Emérito.

1. Créase o Rexistro de Persoal Emérito do Servizo Galego de Saúde, onde se practicarán as inscricións dos nomeamentos de persoal emérito, así como das prórrogas e dos cesamentos deste.

2. O rexistro terá carácter único e centralizado, e correspóndelle á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a súa xestión directa.

3. A Dirección de Recursos Humanos adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para o tratamento do rexistro, coa finalidade de garantir o carácter confidencial, a seguridade e integridade dos datos recollidos nel, así como todas aquelas medidas destinadas a facer efectivos os dereitos dos afectados regulados na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e nas normas regulamentarias que a desenvolvan.

4. O contido do rexistro deberá permitir como mínimo a inscrición dos seguintes datos:

a) Datos de identidade do persoal emérito.

b) Data de nomeamento do persoal emérito.

c) Data de concesión da prórroga do nomeamento co persoal emérito.

d) Data do cesamento como persoal emérito.

Disposición adicional

Única.-Por orde da titular da consellería competente na materia establecerase o número máximo de nomeamentos de persoal emérito que se poderá efectuar anualmente.

Por orde da titular da consellería competente na materia establecerase, con carácter anual, o importe máximo que poderá destinarse para as gratificacións de persoal emérito.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se proceda ao nomeamento dos membros da comisión de valoración a que se refire o artigo 6º deste decreto, a persoa titular da consellería competente na materia poderá solicitar o apoio na avaliación de solicitudes de persoas licenciadas sanitarias do Servizo Galego de Saúde en activo de recoñecido prestixio profesional.

Segunda.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias corresponderanlles aos directores/as xerentes de atención especializada ou de atención primaria, respectivamente, as funcións establecidas neste decreto para os seus directores.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente na materia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade