DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2010 Páx. 3.962

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 33/2010, do 11 de marzo, polo que se modifica o Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

Por Decreto 306/2004, do 2 de decembro, creouse o Consello Forestal de Galicia como órgano consultivo e asesor da Administración forestal co obxecto de facilitar unha axeitada xestión sustentable dos montes galegos e dar cumprimento ao principio de participación pública, establecendo unha canle de colaboración cos distintos estamentos interesados da sociedade galega e da comunidade científica. A dita disposición modificouse polo Decreto 547/2005, do 20 de outubro, co obxecto de adaptar a composición dos membros do Consello á estrutura orgánica da Xunta de Galicia existente daquela.

O referido decreto establece unha distribución dos membros do dito Consello Forestal de Galicia en función da repartición competencial por consellerías vixente no momento da súa adopción.

A estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia establécese na actualidade polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, que redistribúe as competencias en materia ambiental entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Pola súa banda, polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, reguláronse as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

Esta nova repartición de competencias fai necesario realizar determinadas modificacións no Decreto 306/2004, co obxecto de adaptar a composición do Consello Forestal de Galicia á nova distribución de competencias entre consellerías e á nova composición das delegacións territoriais.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

Modifícase o artigo 3 do Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia, do xeito seguinte:

«Artigo 3º.-Composición.

O Consello Forestal de Galicia estará composto por:

-Unha persoa na presidencia: a persoa titular da Consellería do Medio Rural.

-Unha persoa na vicepresidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Montes.

-Unha persoa na secretaría: o/a subdirector/a xeral de Recursos Forestais.

-As 48 vogalías seguintes:

a) Catro vogais en representación das restantes direccións xerais de Consellería do Medio Rural.

b) Cinco vogais en representación da Administración galega, con categoría, polo menos, de subdirector/a xeral; corresponde un a cada unha das consellerías seguintes: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Consellería de Facenda, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Consellería de Economía e Industria e Consellería de Traballo e Benestar.

c) Catro vogais en representación dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural.

d) Tres vogais en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

e) Oito vogais en representación da propiedade forestal.

f) Catro vogais en representación das organizacións empresariais máis representativas do sector forestal.

g) Un/unha vogal en representación do clúster da madeira.

h) Tres vogais en representación das organizacións sindicais agrarias máis representativas a nivel autonómico.

i) Un/unha vogal en representación das organizacións de gandeiros/as.

j) Un/unha vogal en representación da Federación Galega de Caza.

k) Un/unha vogal en representación das asociacións micolóxicas de Galicia.

l) Un/unha vogal en representación das asociacións de consumidores/as de Galicia.

m) Un/unha vogal en representación de cada un dos colexios profesionais autonómicos de enxeñeiros/as de montes e de enxeñeiros/as técnicos forestais.

n) Un/unha vogal en representación do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

o) Un/unha vogal en representación do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira en Galicia (CIS).

p) Un/unha vogal en representación de cada unha das tres universidades galegas.

q) Dous/dúas vogais en representación das organizacións de defensa ambiental inscritas no Rexistro Autonómico de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

r) Tres persoas expertas con recoñecida experiencia e prestixio profesional no sector forestal.

A designación dos membros do Consello Forestal de Galicia farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural