DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 22 de marzo de 2010 Páx. 3.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 31/2010, do 25 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación co desenvolvemento rural e coas axudas directas da política agrícola común.

A reforma da Política Agraria Comunitaria (en diante PAC) do ano 2003 introduce o concepto de condicionalidade, a través do cal se implantan unha serie de obrigas relativas ao ambiente, saúde pública, sanidade e benestar animal e boas condicións agrarias e ambientais que todo solicitante de pagamentos directos ten que cumprir.

Estas obrigas comezaron a implantarse gradualmente desde o ano 2005 ata o ano 2007, a partir do cal unicamente se produciron modificacións das obrigas existentes.

A revisión da reforma da PAC de 2003, levada a cabo mediante o Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos/ás agricultores/as no marco da PAC e se instauran determinados réximes de axuda aos/as agricultores/as e polo que se modifican os regulamentos (CE) nº 1290/2005, (CE) nº 247/2006, (CE) nº 378/2007 e se derroga o Regulamento (CE) nº 1782/2003 (recoñecemento médico), reforzou o concepto de condicionalidade, que inclúe as boas condicións agrarias e ambientais e os requisitos legais de xestión en materia de ambiente, saúde pública, sanidade e benestar animal. Este regulamento establece nos seus artigos 5 e 6 a obriga para todo/a agricultor/a que reciba pagamentos directos de cumprir cos requisitos legais de xestión citados no seu anexo II e coas boas condicións agrarias e ambientais que establezan os estados membros, sobre a base do marco establecido no seu anexo III.

O Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, no seu artigo 4.2º establece que a autoridade competente lles proporcionará aos agricultores a lista dos requisitos legais de xestión e das boas condicións agrarias e ambientais que deberán respectar.

O Regulamento (CE) nº 1122/2009 da Comisión, do 30 de novembro, establece normas para o desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello no referido á condicionalidade, á modulación e ao sistema integrado de xestión e control nos réximes de axuda directa aos agricultores establecidos por ese regulamento, e introduce tamén normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello no referido á condicionalidade no réxime de axuda establecido para o sector vitivinícola.

Por outra banda, o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda de desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), establece no seu artigo 51 que os/as beneficiarios/as das axudas previstas nos incisos i) a v) da letra a), e nos incisos i), iv) e v) da letra b) do artigo 36 deste regulamento, deberán cumprir en toda a súa explotación os mesmos requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais que os/as beneficiarios/as das axudas directas.

Ademais, os/as beneficiarios/as das axudas agroambientais, previstas no artigo 36, letra a), inciso iv) do Regulamento (CE) 1698/2005, deberán cumprir tamén cos requisitos mínimos en relación coa utilización de fertilizantes e produtos fitosanitarios establecidos nos correspondentes programas de desenvolvemento rural.

O Regulamento (CE) nº 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, establece as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta aos procedementos de control da condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Por outra banda, o Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, establece nos artigos 20 e 103, respectivamente, que deberán respectar os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais os agricultores que reciban axudas en virtude dos programas de apoio á reestruturación e reconversión do viñedo así como os que reciban pagamentos pola prima de arranque.

O Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da PAC, establece as boas condicións agrarias e ambientais e sinala os requisitos legais de xestión que debe cumprir o agricultor.

O Real decreto 486/2009, do 3 de abril, derroga o Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, introduce as modificacións incorporadas pola normativa comunitaria e actualiza os contidos dos controis.

O Decreto 106/2007, do 31 de maio, distribúe as competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da política agrícola común na Comunidade Autónoma de Galicia.

En vista das incorporacións introducidas pola normativa comunitaria e nacional, considérase necesario modificar o citado decreto, actualizando os procedementos e responsabilidades de control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na elaboración desta disposición consultáronse os diferentes organismos especializados de control da condicionalidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da política agrícola común.

Un.-Modifícase o artigo 1º, que queda redactado do seguinte modo:

«1. O obxecto deste decreto é precisar os órganos especializados para desenvolver as actividades de control do cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais a que se refire o artigo 6 do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e do cumprimento dos requisitos legais de xestión, nos ámbitos enumerados no artigo 5 do mesmo regulamento, así como a coordinación destas, no marco das axudas directas da PAC e das axudas previstas nos incisos i) a v) da letra a) e nos incisos i), iv) e v) da letra b) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, e dos programas de apoio á reestruturación e reconversión do viñedo e das primas de arranque previstas no Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril.

2. As funcións de control e coordinación a que se refire o punto 1 anterior realizaranse consonte o establecido nos regulamentos (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e (CE) 1122/2009 da Comisión, do 30 de novembro, e no Real decreto 486/2009, do 3 de abril, así como no Plan nacional anual de controis de condicionalidade elaborado polo FEGA e no Plan autonómico anual de controis de condicionalidade elaborado polo Fogga».

Dous.-Modifícase o artigo 2º, que queda redactado do seguinte modo:

«1. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, será o órgano especializado de control para o cumprimento das obrigas da condicionalidade derivadas dos requisitos legais de xestión que se indican no anexo I.

2. Como organismo especializado de control, no marco do establecido no artigo 1º, realizará as seguintes funcións:

a) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control e efectuar os controis necesarios.

b) Propoñerlle ao Fogga, no marco do establecido no artigo 1.2º, a relación de elementos mínimos que hai que controlar respecto aos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

c) Realizar os labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolles información específica sobre os aspectos da condicionalidade relativos aos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

d) Remitirlle ao Fogga, e/ou aos organismos xestores encargados de autorizar as axudas previstas nos incisos i) a v) da letra a), e nos incisos i), iv) e v) da letra b) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, e/ou das axudas á reestruturación e reconversión de viñedo e dos pagamentos da prima de arranque de viñedo, os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas, para que a partir destes calculen e apliquen as reducións e exclusións pertinentes».

Tres.-Modifícase o artigo 3º, que queda redactado do seguinte modo:

«1. O Fogga é o órgano especializado de control para o cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais indicadas no anexo II do Real decreto 486/2009, do 3 de abril, así como dos requisitos legais de xestión indicados neste decreto.

2. Como organismo especializado de control, no marco establecido no artigo 1º realizará as seguintes funcións:

a) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control e efectuar os controis necesarios.

b) Calcular e aplicar as reducións ou as exclusións dos importes totais dos pagamentos das axudas directas da PAC e das axudas previstas nos incisos i), ii), iv) e v) da letra a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, de desenvolvemento rural, a partir do indicado nos informes específicos de control propios, e dos remitidos por cada organismo especializado de control.

c) Remitirlles aos organismos xestores encargados de autorizar as axudas previstas no inciso iii) da letra a), e nos incisos i), iv) e v) da letra b) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, e/ou das axudas á reestruturación e reconversión do viñedo, e dos pagamentos da prima de arranque de viñedo, os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas, para que a partir deles calculen e apliquen as reducións e exclusións pertinentes.

d) Colaborar na realización dos labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolles información específica sobre os aspectos da condicionalidade relacionados coas boas condicións agrarias e ambientais expostas no anexo II do Real decreto 486/2009, do 3 de abril.

3. Establecer con carácter anual o plan de controis da condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia no marco do plan anual de controis da condicionalidade elaborado polo FEGA».

Catro.-Modifícase o artigo 4, que queda redactado do seguinte modo:

«O Fogga e a Consellería do Medio Rural poderán establecer os mecanismos de cooperación oportunos co fin de, no marco do disposto no artigo 1º.2 deste decreto, propoñer para cada requisito, norma ou ámbito de aplicación da condicionalidade os elementos mínimos que cómpre controlar para xustificar o seu cumprimento, así como os criterios para a valoración da gravidade, alcance e persistencia dos incumprimentos. Do mesmo xeito, poderán propor anualmente a revisión dos ditos elementos e criterios. Os organismos especializados de control poderán facer uso da información subministrada polo Fogga e a Consellería do Medio Rural».

Cinco.-O anexo I queda modificado como segue:

«Actos que conteñan os requisitos legais de xestión cuxo control corresponde á Consellería do Medio Rural.

a) En materia de saúde pública, sanidade, identificación e rexistro dos animais.

Regulamento (CE) nº 1760/2000 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo, que establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos produtos con carne de vacún (artigos 4 e 7).

Regulamento (CE) nº 21/2004 do Consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa e se modifican o Regulamento (CE) 1782/2003 e as directivas 92/102/CEE e 64/432/CEE (DO L 5, 9-1-2004, p.8) (artigos 3, 4 e 5).

Directiva 2008/78/CE do 15 de xullo, identificación e rexistro dos porcos.

b) En materia de saúde pública e cuestións veterinarias e fitosanitarias.

Directiva 91/414/CEE do Consello, do 15 de xullo, relativa á comercialización dos produtos fitosanitarios (DO L 230, 19-8-1991, p. 1) (artigo 3).

Directiva 96/22/CE do Consello, do 29 de abril, pola que se prohibe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tierostático e substancias (ß- agonistas na cría de gando e pola que se derrogan as directivas 81/602/CEE e 88/299/CEE (DO L 125, 23-5-1996, p. 3) (artigo 3, 4, 5 e 7).

Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguranza Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguranza alimentaria (DO L 31, 1-2-2002, p. 1) (artigos 14, 15, 17.1, 18, 19 e 20).

Regulamento (CE) nº 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio, polo que se establecen disposicións para a prevención, o control e a erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles (DO L 147, 31-5-2001, p. 1) (artigos 7, 11, 12, 13 e 15).

Requisitos mínimos no uso de fitosanitarios aplicables aos/ás beneficiarios/as de axudas agroambientais, previstos no artigo 36 letra a), inciso iv) do Regulamento (CE) nº 1698/2005 (definidos a partir da medida 214 do Plan de desenvolvemento rural da Comunidade Autónoma de Galicia).

c) En materia de notificación de enfermidades.

Directiva 85/511/CEE do Consello, do 18 de novembro de 1985, pola que se establecen medidas comunitarias de loita contra a febre aftosa (DO L 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

Directiva 92/119/CEE do Consello, do 17 de decembro, pola que se establecen medidas comunitarias xerais para a loita contra determinadas enfermidades de animais e medidas específicas respecto á enfermidade vesicular porcina (DO L 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

Directiva 200/75/CEE do Consello, do 20 de novembro, pola que se aproban disposicións específicas relativas ás medidas de loita e erradicación da febre catarral ovina (DO L 327, 11-12-1991, p. 28) (artigo 3).

d) En materia de benestar dos animais.

Directiva 91/629/CEE do Consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de xatos (DO L 340, 11-12-1991, p. 28) (artigos 3 e 4).

Directiva 91/630/CEE do Consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos (DO L 340, 1-12-1991, p. 33) (artigos 3 e 4.1º).

Directiva 98/58/CEE do Consello, do 20 de xullo, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras (DO L 221, 8-8-1998, p. 23) (artigo 4).

e) En materia de ambiente.

Directiva 86/278/CEE do Consello, do 12 de xuño de 1986, relativa á protección do ambiente e, en particular, dos solos, na utilización dos lodos de depuradora na agricultura (artigo 3).

Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura (artigos 4 e 5).

Requisitos mínimos no uso de fertilizantes aplicables aos/ás beneficiarios/as de axudas agroambientais, previstas no artigo 36, letra a), inciso iv) do Regulamento (CE) nº 1698/2005 (definidos a partir da medida 214 do Plan de desenvolvemento rural da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Júarez Casado

Conselleiro do Medio Rural