DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 18 de marzo de 2010 Páx. 3.693

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 24 de febreiro de 2010 pola que se regula a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do Regulamento de instalacións térmicas nos edificios aprobado polo Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo.

O Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (en diante RITE) aprobado polo Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, ten por obxecto establecer as exixencias de eficiencia enerxética e seguridade que deben cumprir as instalacións térmicas nos edificios destinados a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, durante o seu deseño e dimensionamento, execución, mantemento e uso, así como determinar os procedementos que permitan acreditar o seu cumprimento.

A entrada en vigor deste novo regulamento fai necesario establecer os modelos dos documentos técnicos necesarios para a inscrición das instalacións, así como regular as inspeccións periódicas de eficiencia enerxética na comunidade autónoma.

O artigo 12.5º da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, dispón que os regulamentos de seguridade de ámbito estatal serán aprobados polo Goberno da nación, sen prexuízo de que as comunidades autónomas con competencia lexislativa sobre industria poidan introducir requisitos adicionais sobre as mesmas materias cando se trate de instalacións radicadas no seu territorio.

O artigo 30.I.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

Como consecuencia disto, e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é desenvolver, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o establecido polo RITE, aprobado polo Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, no relativo ao deseño, inscrición, mantemento e inspeccións das instalacións afectadas polo RITE.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación ás instalacións térmicas fixas de climatización e de produción de auga quente sanitaria destinadas a atender as demandas de benestar e hixiene das persoas en edificios de nova construción ou nas reformas das mesmas instalacións en edificios existentes.

Tamén será de aplicación ás instalacións térmicas existentes destinadas a atender as demandas de benestar e hixiene das persoas en canto ao seu mantemento, uso e inspección.

Artigo 3º.-Inscrición das instalacións térmicas.

Observarase o disposto no capítulo III do regulamento e cumprirá, ademais, as seguintes normas xerais:

Para a posta en funcionamento das instalacións incluídas no ámbito de aplicación do regulamento é necesaria a inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións Térmicas do departamento territorial da consellería competente en materia de industria, para o cal a empresa instaladora dirixirá a este a seguinte documentación, dependendo da potencia térmica da instalación:

* Instalacións de potencia térmica entre 5 e 70 kW:

-Solicitude de inscrición, segundo o anexo I desta orde.

-Certificado da instalación asinado polo instalador autorizado, selado pola empresa autorizada e acompañado das follas de resultados das probas realizadas segundo o artigo 22 do regulamento, segundo o anexo II desta orde.

-En caso de que a instalación estea composta dun conxunto de instalacións térmicas, tantos certificados de instalacións individuais como xeradores térmicos existan, segundo o anexo V desta orde.

-Memoria técnica, segundo o anexo III desta orde.

-Plano de situación.

-Plano de planta con indicación da situación dos emisores e trazado das conducións.

-Esquema de principio da instalación.

-Anexos de cálculo.

-Xustificante de pagamento de taxas. Clave: 32.17.00.

* Instalacións de potencia térmica superior a 70 kW:

-Solicitude de inscrición, segundo o anexo I desta orde.

-Proxecto da instalación.

-Certificado da instalación asinado polo instalador autorizado e o director da instalación, visado polo colexio oficial correspondente e acompañado das follas de resultados das probas realizadas conforme o artigo 22 do regulamento, segundo o anexo II desta orde.

-En caso de que a instalación estea composta dun conxunto de instalacións térmicas, tantos certificados de instalacións individuais como xeradores térmicos existan, segundo o anexo V desta orde.

-Certificado de inspección inicial coa cualificación de aceptable, cando sexa preceptivo.

-Certificado da cheminea.

-Contrato de mantemento con empresa mantedora autorizada.

-Xustificante de pagamento de taxas. Clave: 32.17.00.

Non serán obxecto de inscrición as instalacións de xeradores de calor de fogar aberto agás no caso de que estean conectadas a redes de tubaxes e/ou a conduto, e deberán cumprir o punto 6 da IT.1.3.4.1.1 do regulamento.

No caso das instalacións de ventilación sen tratamento térmico, procederá a tramitación administrativa sempre que a súa potencia eléctrica nominal sexa superior 5 kW.

Artigo 4º.-Reforma de instalacións.

Sen prexuízo do establecido no punto 3º do artigo 2 do RITE, no relativo ás reformas das instalacións fanse as seguintes precisións:

-O cambio dunha caldeira por outra do mesmo tipo, mesmo combustible e mesma potencia non se considera reforma. O instalador ou o mantedor autorizado da nova caldeira comunicará o dito cambio ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria, indicando o número de expediente da instalación existente.

-Só será necesario adaptar ao novo RITE a parte reformada da instalación; a parte da instalación sen reformar quedará afectada pola normativa que lle foi de aplicación no seu día.

Sen prexuízo do indicado nos parágrafos precedentes, o departamento territorial da consellería competente en materia de industria poderá exixir a adaptación dunha instalación existente ás prescricións establecidas no novo RITE cando o seu estado, situación ou características impliquen un risco grave para as persoas, os bens ou o ambiente, ou por razóns dun rendemento enerxético e/ou dunhas prestacións inferiores ás de deseño.

Artigo 5º.-Certificado de mantemento.

Anualmente o mantedor autorizado, e o director de mantemento cando a participación deste sexa preceptiva, deberán subscribir o certificado de mantemento segundo o modelo establecido no anexo IV desta orde.

No caso de aparellos exclusivos para a produción de auga quente sanitaria de potencia térmica nominal menor ou igual a 24,4 kW o certificado de mantemento subscribirase cada catro anos, en concordancia co establecido na táboa 3.1 recollida na IT 3. Mantemento e uso do RITE.

Artigo 6º.-Inspeccións de eficiencia enerxética.

As inspeccións de eficiencia enerxética, tanto iniciais como periódicas, serán realizadas por organismos de control autorizados no campo regulamentario das instalacións térmicas en edificios, segundo o establecido no Decreto 426/2001, do 15 de novembro, na Orde do 24 de xuño de 2003 e nesta orde.

1. Inspeccións iniciais: será obrigatoria a realizacións dunha inspección inicial, segundo o indicado no artigo 30 do regulamento, no caso de instalacións cunha potencia térmica nominal total instalada maior de 5.000 kW en calor e/ou 1.000 kW en frío, así como no de instalacións de calefacción ou refrixeración solar cunha potencia térmica maior de 400 kW.

O certificado desta inspección inicial, que deberá ter a cualificación de aceptable, xuntarase, co resto da documentación que cómpre presentar, no departamento territorial da consellería competente en materia de industria para a inscrición da instalación no correspondente Rexistro de Instalacións Térmicas en edificios.

2. Inspeccións periódicas de eficiencia enerxética (IPEE): serán realizadas segundo o indicado na IT 4.2, coas seguintes consideracións:

2.1. Instalacións novas (ás cales se lles aplica o novo regulamento):

2.1.1. IPEE dos xeradores de enerxía térmica: os xeradores de calor de potencia térmica nominal instalada (P) igual ou maior de 20 kW e os de frío de P>12 kW someteranse as IPEE coa seguinte periodicidade:

2.1.1.1. Xeradores de calor: segundo a táboa 4.3.1 do regulamento.

2.1.1.2. Xeradores de frío: ata 70 kW cada 5 anos. Para P>70 kW, cada 2 anos.

2.1.2. IPEE da instalación térmica completa: cada 15 anos.

2.2. Instalacións existentes no momento da entrada en vigor do novo regulamento:

2.2.1. Instalacións de máis de 15 anos de antigüidade de P>20 kW en calor e P>12 kW en frío: todas estas instalacións disporán dun prazo de dous anos contados a partir da publicación desta orde para realizar a IPEE da instalación térmica completa segundo o indicado na IT 4.2.3. A partir dese momento rexeranse polo calendario establecido no punto 2.1 deste artigo (instalacións novas).

2.2.2. Instalacións de menos de 15 anos de antigüidade de P>20 kW en calor e P>12 kW en frío: realizarán a primeira IPEE dos xeradores de enerxía térmica aos 5 anos contados a partir da publicación desta orde. A partir desde momento rexeranse polo calendario establecido no punto 2.1 deste artigo (instalacións novas).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria para modificar os anexos contidos nesta orde, así como para ditar as normas necesarias para o seu desenvolvemento.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "05300D002P029.PDF"

ANEXO II

Ver referencia pdf "05300D002P029.PDF"

ANEXO III

Ver referencia pdf "05300D002P029.PDF"

ANEXO IV

Ver referencia pdf "05300D002P029.PDF"