DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2010 Páx. 3.314

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 24/2010, do 25 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, foi aprobado polo Goberno galego como desenvolvemento dun programa político asentado nos criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na súa actuación e organización administrativa.

De acordo con estes criterios foron aprobados os decretos 82 e 83/2009, do 21 de abril, polos que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, respectivamente, obedecendo ambos os dous aos postulados de redución e reorganización de departamentos e órganos da Xunta de Galicia.

No artigo 4 do Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza disponse que a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á dita consellería, axustarase nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro.

O artigo 4 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, establece que a Agasp desenvolverá funcións formativas no eido da formación xudicial, penitenciaria, formación policial e de seguridade privada, protección civil, bombeiros e axentes forestais.

Pola Lei 4/1992, do 9 de abril, foi creada a Academia Galega de Seguridade, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Pola súa parte, para o cumprimento das súas funcións, por medio do Decreto 23/1993, do 11 de febreiro, aprobouse a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade.

Non obstante, dado o tempo transcorrido desde a entrada en vigor do Decreto 23/1993, é necesario adaptar a estrutura orgánica que nel se establece ao exercicio práctico das competencias e das funcións atribuídas á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), polo citado artigo 4 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, o que aconsella modificar a súa estrutura distribuíndo as funcións dun modo máis racional para así alcanzar a máxima eficacia no seu desenvolvemento. Mediante este decreto modifícase a dependencia de todos os servizos e unidades da academia, que pasan a depender directamente do/da secretario/a xeral e defínense con maior precisión e detalle as funcións das diferentes unidades administrativas en que se organiza a Agasp.

De conformidade co exposto, logo de acordo do consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, informe da Consellería de Facenda e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Órganos reitores.

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, estrutúrase, segundo dispón a Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, e coas funcións que nela se sinalan en:

1. O consello reitor.

2. O/a director/a xeral.

Artigo 2º.-O/a secretario/a xeral.

Baixo a dependencia do/da director/a xeral da Agasp haberá un/unha secretario/a xeral, con rango de subdirector/a xeral, ao/á que lle corresponden as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a secretaría do consello reitor.

b) Preparar os anteproxectos do plan anual de actividades e a memoria anual sobre as actuacións da academia, as contas e o borrador do anteproxecto de orzamento da entidade.

c) Xestionar, baixo a dirección do/da director/a xeral, o plan anual de actividades docentes e o orzamento da Academia.

d) Administrar e xestionar o patrimonio e os recursos financeiros da Academia.

e) Xestionar e supervisar a contratación administrativa.

f) Levar a cabo o asesoramento financeiro e os informes que lle solicite o/a director/a xeral.

g) Dirixir e organizar o persoal ao servizo da Academia.

h) Xestionar os asuntos de réxime interior, rexistro, documentación administrativa, arquivo e inventario.

i) Supervisar a elaboración dos anteproxectos de disposicións, das instrucións, das circulares e dos procedementos de xestión.

j) Coordinar e inspeccionar os servizos e unidades da Academia e ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os diferentes servizos do organismo.

l) Propoñer, planificar e avaliar proxectos formativos innovadores dirixidos aos colectivos destinatarios das actividades docentes da Academia.

m) Avaliar a calidade das actividades formativas desenvolvidas na academia.

n) Planificar e impulsar os sistemas de información do organismo.

o) Velar polo cumprimento da normativa sobre o tratamento de datos de carácter persoal, con especial referencia á implantación, revisión e auditoría dos documentos de seguridade exixibles no ámbito xeral da academia.

p) Substituír o/a director/a xeral nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

q) Exercer calquera outra competencia que lle delegue o/a director/a xeral.

Artigo 3º.-Unidades organizativas básicas.

Para o desenvolvemento das súas funcións e o cumprimento dos seus fins, a Agasp estrutúrase nas seguintes unidades organizativas básicas dependentes orgánica e funcionalmente do/da secretario/a xeral da academia:

a) Servizo Económico-Administrativo.

b) Servizo de Formación en Seguridade Pública.

c) Servizo de Formación en Emerxencias.

Artigo 4º.-Funcións do Servizo Económico-Administrativo.

Ao Servizo Económico-Administrativo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamento da academia.

b) A execución e o control do orzamento, a tramitación das súas modificacións, a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios e a xustificación das contas xerais.

c) A habilitación de pagamentos e a adquisición, a xestión e o control de medios materiais para o funcionamento ordinario do organismo.

d) A xestión e o mantemento das aulas e das demais instalacións da academia.

e) A xestión de expedientes de contratación administrativa.

f) A xestión do persoal, do réxime interno e a coordinación dos procedementos administrativos e dos sistemas de calidade internos.

g) A xestión de nóminas do persoal da academia.

h) O exercicio de cantas funcións lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 5º.-Funcións do Servizo de Formación en Seguridade Pública.

Ao Servizo de Formación en Seguridade Pública correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta de programación do plan de formación anual da academia destinada ao persoal dos corpos da policía local e policía autonómica, persoal xudicial, penitenciario e de seguridade privada.

b) Xestionar e organizar os cursos de formación presenciais e de teleformación que se establezan no plan de formación anual da academia para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos diversos postos dos corpos da policía local e policía autonómica, así como as xornadas, seminarios e cursos de actualización e de especialización dirixidos a estes.

c) Xestionar e organizar os cursos de formación presenciais e de teleformación que se establezan no plan de formación anual da academia para o persoal xudicial, penitenciario e de seguridade privada, así como as xornadas, seminarios e cursos de actualización e de especialización dirixidos a estes.

d) Implantar procesos de mellora continua da formación do persoal dos corpos da policía local e policía autonómica, persoal xudicial, penitenciario e de seguridade privada.

e) Elaborar e tramitar convenios de colaboración con outras entidades e outros órganos da Administración autonómica en materia de formación do persoal dos corpos da policía local e policía autonómica, persoal xudicial, penitenciario e de seguridade privada e xestionar as actividades derivadas deles.

f) Xestionar os procesos de recoñecemento e homologación de títulos correspondentes a actividades formativas realizadas por outros centros oficiais de formación e dirixidas ao persoal dos corpos da policía local e policía autonómica, persoal xudicial, penitenciario e de seguridade privada.

g) Función de estudo, investigación e divulgación na área de seguridade pública, emisión de informes neste ámbito, intercambios e relacións con outras institucións docentes.

h) Programación anual de publicacións da Agasp en materia de seguridade pública e formación dun fondo bibliográfico nesta área.

i) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Artigo 6º.-Funcións do Servizo Formación en Emerxencias.

Ao Servizo de Formación en Emerxencias correpóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta de programación do plan de formación anual da academia, destinada ao persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, corpos de bombeiros e axentes forestais, dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, a actuar no caso de risco ordinario e a protexer a integridade das persoas e os bens de titularidade pública ou privada e mais o ambiente de danos en situacións de emerxencia ou grave risco provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e demais situacións ou continxencias análogas.

b) Xestionar e organizar os cursos de formación presenciais e de teleformación que se establezan no plan de formación anual da academia para o persoal profesional, voluntario e colaborador do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, así como as xornadas, seminarios e cursos básicos e de perfeccionamento dirixidos a estes.

c) Xestionar e organizar os cursos de formación presenciais e de teleformación que se establezan no plan de formación anual da academia para o persoal dos corpos de bombeiros e axentes forestais, así como as xornadas, seminarios e cursos de perfeccionamento dirixidos a estes.

d) Implantar procesos de mellora continua da formación do persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, corpos de bombeiros e axentes forestais.

e) Elaborar e tramitar convenios de colaboración con outras entidades e outros órganos da Administración autonómica en materia de formación do persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, corpos de bombeiros e axentes forestais e xestionar as actividades derivadas deles.

f) Xestionar os procesos de recoñecemento e homologación de títulos correspondentes a actividades formativas realizadas por outros centros oficiais de formación e dirixidas ao persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, corpos de bombeiros e axentes forestais.

g) Función de estudo, investigación e divulgación na área de protección civil e emerxencias, emisión de informes neste ámbito, intercambios e relacións con outras institucións docentes.

h) Programación anual de publicacións da Agasp en materia de protección civil e emerxencias de Galicia e formación dun fondo bibliográfico nesta área.

i) Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende o/a secretario/a xeral.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional dos servizos existentes, autorízase o conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para adscribir ao persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura no presente decreto.

No caso de supresión ou amortización das xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Segunda.-As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes aos servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde do conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 23/1993, do 11 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública, e calquera outra normativa de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste decreto ou que o contradiga.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO

E INFRAESTRUTURAS