DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 11 de marzo de 2010 Páx. 3.240

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 5 de marzo de 2010 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2010/2011.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no cal se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á primeira infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no seu artigo 12 atribúe á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, entre as súas funcións, a xestión das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, segundo o disposto nas dúas leis anteriores.

Consonte o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34, da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2010/2011.

Artigo 2º.-Requisitos para ser adxudicataria/o.

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que a/o nena/o teña a súa residencia en Galicia e teña nacido/a no momento de presentación da solicitude.

b) Idade da/o nena/o:

­Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.

­Non ter cumpridos 3 anos o 31 de decembro de 2010.

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade as nenas e os nenos de integración logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por petición das/dos nais/pais ou representantes legais e a través do centro onde soliciten praza.

c) Para a reserva de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

2. No caso de integrarse nenas/os con necesidades de apoio específico, en ningún caso poderá haber máis dunha/dun nena/o con estas necesidades por aula. Para os efectos da ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Artigo 3º.-Criterios de prioridade para a adxudicación das prazas.

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse por esta orde:

1.a) Reserva de praza.

Co obxecto de darlles continuidade ás prazas adxudicadas no curso 2009/2010, gozan de preferencia para a adxudicación as solicitudes de praza de nenas/os matriculadas/os no curso 2009/2010, sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2º desta orde. As/os nenas/os matriculadas/os na xornada de tarde só poderán reservar praza nese mesmo horario.

Poderá reservarse praza nun centro diferente, xustificando cambio de domicilio e/ou de lugar de traballo, sempre e cando existan prazas suficientes unha vez realizada a reserva da propia escola.

1.b) Novo ingreso.

As prazas adxudicaranse por esta orde:

1. As/os fillas/os do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, cando soliciten a praza para o centro onde prestan servizo a nai, o pai, a titora ou o titor legal.

2. As/os solicitantes con irmá/án cunha praza adxudicada (reservada ou de novo ingreso) no centro para o que solicitan a praza.

3. As prazas que queden vacantes adxudicaranse ás/aos solicitantes segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo que figura no anexo III. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas para calquera das dúas opcións solicitadas.

2. Procedemento extraordinario.

2.a) Ingresos urxentes.

Para os ingresos de máxima urxencia reservarase un 5% das prazas de cada centro.

Serán considerados ingresos urxentes os seguintes casos:

-As/os menores tuteladas/os pola Consellería de Traballo e Benestar.

-As/os fillas/os das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

-Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

A adxudicación ou denegación da praza nestes supostos será resolta pola secretaria xeral de Familia e Benestar nun prazo de 5 días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa a solicitude terase por desestimada. Contra a resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpor un recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2.b) Solicitudes fóra de prazo.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9º nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecien as xefaturas territoriais de Traballo e Benestar.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/o nena/o no centro onde se solicita a praza.

Artigo 4º.-Horario e calendario das escolas.

1. Horario:

As escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar terán o horario de apertura que se establece no anexo IV.

As/os usuarias/os dentro do horario de apertura do centro terán que optar por xornadas de mañá ou de tarde, continuada ou partida. A xornada de tarde só se ofertará nos centros con horario ampliado, que veñen recollidos no anexo IV. A permanencia das/dos nenas/os no centro non pode superar as 8 horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando por circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas a/o nena/o teña que permanecer un tempo superior, que será autorizado polo departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente.

2. Calendario.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral, e os días 1, 2 e 3 de setembro e 24 e 31 decembro.

As/os usuarias/os poderán asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período comprendido entre setembro de 2010 e agosto de 2011.

Por causas debidamente xustificadas pódese admitir a asistencia da/o nena/o os 12 meses. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, que será autorizada pola xefatura territorial correspondente.

A apertura dos centros no mes de agosto, nos días 27, 28, 29 e 30 de decembro, e 18, 19 e 20 de abril, nas cidades que polo seu volume de poboación así o requiran implicará que exista demanda suficiente para crear unha unidade internivelar (15 nenos/as de entre 0-3 anos), e, de ser o caso, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas.

Artigo 5º.-Prestacións.

As/os usuarias/os poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención con comedor.

b) Atención sen comedor: o horario para as/os usuarias/os que opten pola atención sen comedor, será o establecido polo centro para estes efectos.

c) Aquelas/es solicitantes que asistan ao centro sen opción a comedor, poderán ter acceso ao comedor en días soltos sempre que o soliciten cunha antelación suficiente e xustificando a necesidade de acceder a este servizo de xeito puntual, aboando o prezo estipulado.

A opción dos servizos farase constar na solicitude e mantense para todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 6º.-Prezos.

1. Os prezos que deben pagar as/os usuarias/os serán os establecidos no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (DOG número 52, do 13 de marzo).

2. Todas/os as/os usuarias/os aboarán a contía de once mensualidades por curso, salvo as seguintes excepcións:

a) As/os usuarias/os inscritas/os en centros localizados en localidades onde non permaneza aberto un centro durante o mes de agosto, logo de xustificación documental de desfrute das vacacións anuais dos proxenitores durante outro período mensual.

b) No caso de que a/o nai/pai ou representante legal solicite a asistencia da/do nena/o ao centro durante os 12 meses do ano, debendo aboar neste caso a cota que corresponda polos doce meses de asistencia a este.

3. No caso de xornadas cunha duración máxima de 4 horas, o prezo que corresponda por asistencia reducirase nun 50%.

4. Se por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días hábiles consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

5. A inasistencia da/o usuaria/o durante un período determinado, mentres non se formalice a baixa correspondente, non supón redución ningunha nin exención do pagamento do prezo establecido coas seguintes excepcións:

a) Cando a/o nena/o por motivos de saúde deixe de asistir ao centro temporalmente, neste caso, estarán exentos de aboar a cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de comezo do período de ausencia. Esta suspensión temporal durará ata o día primeiro do mes natural en que a/o usuaria/o se reincorpore ao centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota correspondente ao dito mes reducirase nun 50%. Nestes casos a solicitude de exención do pagamento, durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a/o xefa/e territorial de Traballo e Benestar.

b) Nos supostos das solicitudes formuladas fóra de prazo por circunstancias sobrevida. debidamente xustificadas, o aboamento do prezo será desde o mes en que se lle concede a praza.

Artigo 7º.-Renda per cápita mensual.

1. Para os efectos desta orde, entenderase por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Entenderase por unidade familiar a formada polas/os nais/pais e fillas/os menores de dezaoito anos, ou fillas/os maiores de dezaoito anos con minusvalidez superior ao 33%. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para os efectos desta orde, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicarlles aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

1. As/os interesadas/os poderán solicitar unha praza a través dos modelos normalizados recollidos nesta orde:

a) Reserva de praza.

Para a reserva de praza as/os interesadas/os presentarán a solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

b) Novo ingreso.

Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial (anexo II). Neste impreso pódese solicitar praza para dous centros indicando a orde de preferencia.

As/os interesadas/os en participar nas prazas de escolas infantís 0-3 conveniadas coa Consellería de Traballo e Benestar a través do programa Cheque infantil, dirixido a aquelas/es que non obteñan praza na 1ª e 2ª opción solicitadas, deberán cubrir o anexo VI, indicando por orde de preferencia ata un máximo de cinco centros dos que se relacionan no anexo VII. De non cubrir o anexo VI, entenderase que desisten desta opción e quedaran excluídas/os da candidatura ao referido cheque.

2. As/os solicitantes dunha praza achegarán xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha fotocopia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das/dos nais/pais ou representantes legais, segundo proceda, só no caso de que non se autorice a Consellería de Traballo e Benestar a solicitar do Ministerio de Presidencia os seus datos.

b) Unha fotocopia cotexada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Xustificación de ingresos:

A presentación de solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar. Para estes efectos, todos os membros con ingresos, que compoñen a unidade familiar, deberán asinar o anexo V desta orde. No caso de non prestar autorización, a/o interesada/o achegará, xunto coa solicitude, copia cotexada da declaración do IRPF ou, de ser o caso, certificado emitido pola Axencia Tributaria, relativos ao ano 2008.

Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para seren tidas en conta.

Naqueles casos en que por distintas razóns non se poidan acreditar as rendas das/os nais/pais, titoras/es e/ou acolledoras/es con escasos recursos, será preciso un informe da traballadora ou traballador social do concello.

No caso das solicitudes de novo ingreso presentarán ademais:

d) No caso de nenas/os de integración: un informe do equipo de valoración e orientación dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

e) O certificado do recoñecemento do grao de minusvalidez, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Outros documentos, se procede, nos cales consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-As responsabilidades familiares.

-O certificado do recoñecemento do grao de minusvalidez de calquera membro da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

-As enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar.

-A xustificación de ocupación actualizada (últimas nóminas, certificación de empresa, vida laboral...).

-A certificación de ser demandante de emprego (con efectos desde o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes), da nai, do pai, da titora ou do titor legal.

-A condición de familia monoparental, entendida como a nai ou pai que convivan coa/co filla/o constituíndo o/a sustentador/a único/a da familia, acreditarase mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio ou convenio regulador.

-A ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.

-O título de familia numerosa, só no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

-Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testimonio ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

-Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (Diario Oficial de Galicia nº 152, do 7 de agosto).

-Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

-Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

-Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

-Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

h) No caso de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas, certificado de empadroamento, só no caso de non prestar autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar este dato do Ministerio de Presidencia.

De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas nesta epígrafe, poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.

3. Na propia solicitude inclúese a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Presidencia os datos relativos ao documento nacional de identidade e, nos casos en que sexa preciso, ao certificado de empradoamento. No caso de non prestar autorización xuntarase copia da citada documentación.

4. Os impresos de solicitude -anexo I/ anexo II- facilitaranse nos propios centros en que se solicite praza, nos departamentos territoriais de Traballo e Benestar e nos enderezos electrónicos (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfatis.net).

Artigo 9º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes coa documentación requirida presentarase nos rexistros únicos da Xunta de Galicia da provincia onde teña o seu domicilio o solicitante, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), en adiante LRX-PAC.

As persoas que o desexen poderán completar a solicitude en liña que como formulario electrónico se atoparán na páxina web (http://benestar.xunta.es). Posteriormente, e antes de que finalice o prazo sinalado no punto 2 deste artigo, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada e acompañada da correspondente documentación nos citados rexistros.

2. O prazo para a presentación das solicitudes, tanto de reserva de praza como de novo ingreso, será do 11 ao 31 de marzo, ambos os dous incluídos.

Artigo 10º.-Tramitación dos expedientes.

Os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a/o interesada/o para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da LRX-PAC, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Secretaría Xeral de Familia e Benestar poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos, e a súa debida acreditación documental, que coiden precisos para a máis eficaz realización do seu cometido.

Artigo 11º.-Avaliación das solicitudes.

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo III, mediante o que se avaliarán os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar. No caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa, e tras a aplicación deste criterio, terán preferencia as solicitudes de atención con servizo de comedor e as solicitudes de xornada completa (continuada ou partida) sobre a media xornada.

2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

-Presidencia: a/o xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

-Vogais: o/a director/a do centro, unha/un representante das/os nais/pais das/os nenas/os do centro do que se estean a baremar as solicitudes e unha/un funcionaria/o do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar designada/o pola/o xefa/e territorial que actuará como secretaria/o.

Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

3. A dirección de cada centro convocará as/os nais/pais a unha reunión que terá lugar anualmente antes de rematar o prazo de solicitudes, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, da/o súa/seu representante na comisión de baremación e selección.

4. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de selección á/ao xefa/e territorial.

A relación provisional de admitidas/os e lista de espera, coa puntuación obtida, poderase consultar nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

Artigo 12º.-Reclamacións.

As/os solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13º.-Relación definitiva de adxudicatarias/os de praza.

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisoria, a/o xefa/e territorial aprobará a relación definitiva de admitidas/os e a lista de espera coa puntuación obtida, así como a cota mensual que corresponda aboar en cada caso.

A relación coa puntuación poderase consultar nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As/os solicitantes admitidas/os disporán dun prazo de dez días naturais, desde o 1 ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos, para formalizar a matrícula presentando no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado de certificado médico da/do nena/o. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net). Para os ingresos fóra do prazo, os 10 días naturais contaranse desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, considérase decaída/o na súa solicitude.

4. Con carácter xeral o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. Na relación definitiva de admitidas/os estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da antedita relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 14º.-Lista de espera.

1. A lista de espera estará constituída polas/os solicitantes que non obteñen praza na 1ª e 2ª opción, ordenadas/os segundo a puntuación obtida no baremo de admisión.

2. As vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as/os solicitantes en lista de espera.

3. As/os integrantes da lista de espera que se inscribisen como candidatas/os ao programa de cheque infantil serán excluídas/os da lista ao adxudicárenselles as prazas participadas por este programa, aínda no caso de que renuncien a elas.

4. As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, referidas no punto 2.b do artigo 3º, non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación que, no caso de non adxudicárselles unha praza, incluiranse na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

5. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da citada relación pola/o xefa/e territorial. A partir dese momento a citada lista actualizarase bimensualmente co fin de incluír nela as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación.

Artigo 15º.-Revisión do prezo.

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para seren tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, dun informe dos servizos sociais do concello de residencia ou por calquera outra documentación que, a xuízo do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se é o caso.

Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, de ser o caso, resolvera a/o xefa/e territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 16º.-Baixas.

1. Causarase baixa nas escolas infantís por algunha das circunstancias seguintes:

a) Polo cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) Pola solicitude das/os nais/pais ou representantes legais.

c) Por non pagar o prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, e sen prexuízo da reclamación da débeda polo procedemento regulamentariamente establecido.

d) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Pola incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) Pola falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes haberá que achegar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) resolveranas a Secretaría Xeral de Familia e Benestar, por proposta da/o xefa/e territorial, oída a dirección do centro en que estea a/o nena/o matriculada/o. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da/do xefa/e territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos, cubriranse polas/os solicitantes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso das escolas infantís localizadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas, coa solicitude de praza autorizarase a Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Presidencia os datos relativos ao certificado de empadroamento. No caso de non prestar a citada autorización, ou de terse producido un cambio de domicilio nos últimos dous meses, período correspondente á actualización da base de datos, referida á data entre a alta no padrón de habitantes e a comunicación da modificación ao órgano competente, a/o interesada/o xuntará o certificado directamente ou sinalará o concello para o que efectuou o cambio, de ser o caso.

Segunda.-As/os solicitantes de praza nas escolas infantís da Casa do Mar de Celeiro e Marín dependentes da Consellería de Traballo e Benestar que pertenzan ao réxime especial do mar, tanto de reserva como de novo ingreso, aboarán os prezos públicos regulados polo ISM (Instituto Social da Mariña) para este tipo de servizos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral de Familia e Benestar para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "04800D003P020.PDF"