DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 11 de marzo de 2010 Páx. 3.230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de marzo de 2010 pola que se convocan licenzas por estudos para o curso 2010-2011 destinadas a funcionarios docentes non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica o seu título III a salientar o protagonismo que debe adquirir o profesorado no sistema educativo actual, cunha atención prioritaria á súa formación inicial e permanente, cuxa reforma debe levarse a cabo nos próximos anos no contexto do novo espazo europeo de educación superior e co fin de dar reposta ás necesidades e ás novas demandas que recibe o sistema educativo. Ademais, aborda a mellora das condicións nas cales o profesorado realiza o seu traballo, así como o recoñecemento, apoio e valoración social da función docente.

Nesta liña, o artigo 102 determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros, coa finalidade, entre outras, de contemplar a adecuación dos coñecementos e métodos á evolución das ciencias e das didácticas específicas. E, por outra parte, o artigo 105, de medidas para o profesorado de centros públicos, dispón no punto 2.d), que a Administración educativa disporá o desenvolvemento de licenzas retribuídas, de acordo coas condicións e requisitos que establezan, coa finalidade de estimular a realización de actividades de formación e de investigación e innovación educativas que revertan en beneficio directo do propio sistema educativo.

Nalgúns casos a formación programada a través de actividades curtas e puntuais para o profesorado non parece suficiente, por iso se considera conveniente ofertar esta modalidade formativa de máis longa duración para favorecer que o profesorado reforce, complete ou actualice a súa formación inicial ampliando a formación na súa especialidade, potenciando a súa formación nas linguas estranxeiras no exterior, realizando proxectos de investigación, elaborando materiais didácticos, e mesmo acadando unha nova titulación, especialmente naqueles casos en que é exixida pola normativa vixente.

Por todo o exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse licenzas por estudos retribuídas para o curso 2010-2011 dirixidas a persoal docente de carreira que pertenza aos corpos detallados no artigo segundo, destinado actualmente e durante o próximo curso 2010-2011 en centros docentes, en equipos de orientación específicos e nos servizos provinciais de Inspección Educativa dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións e a distribución por corpos e modalidades que se establecen e relacionan no anexo I desta orde.

2. Convócanse, así mesmo, licenzas por estudos sen retribución -modalidade 0- para o devandito persoal que poderán ser concedidas por períodos de seis ou de doce meses ininterrompidos. Para solicitala deberán ter transcorridos tres cursos académicos desde a última desfrutada e que non o impidan as necesidades do servizo. Así, outorgaranse todas as licenzas sen retribución económica ás persoas aspirantes que cumpran os requisitos xerais establecidos nesta convocatoria agás os sinalados nos puntos 4, 5 e 6 do artigo 3º.

Artigo 2º.-Candidatos.

Para os efectos desta orde as persoas solicitantes serán consideradas:

-Mestres: profesorado do corpo de mestres.

-Profesorado de ensino secundario (PES): o profesorado dos corpos de catedráticos de ensino secundario, catedráticos de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de artes plásticas e deseño, profesores de ensino secundario, profesorado técnico de formación profesional, profesorado de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesorado de música e artes escénicas, profesorado e mestres de taller de artes plásticas e deseño e membros da Inspección Educativa.

Artigo 3º.-Condicións.

As persoas candidatas ás licenzas, agás as excepcións do artigo 1º, punto 2, deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Estaren en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos 2008-2009 e 2009-2010, e no 2010-2011 seguiren tendo destino en centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en equipos de orientación específicos ou nos servizos provinciais de Inspección Educativa.

2. Ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como persoal docente de carreira nos corpos e escalas que se detallan no artigo 2º desta orde. Para estes efectos computaranse os servizos ata o 31 de agosto de 2010.

3. Non estar destinado en comisión de servizos durante o curso académico para o que se solicita a licenza.

4. Obter como mínimo catro puntos na epígrafe 1.1 do baremo que figura no anexo III a esta convocatoria.

5. Non ter gozado de licenza por estudos retribuída outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante os oito últimos cursos académicos. Para estes efectos computarase este curso 2009-2010.

6. O gozo dunha licenza por estudos, de ser simultáneo, é incompatible con programas europeos, estadías formativas en empresas e actividades formativas no estranxeiro ofertadas á marxe desta convocatoria; polo que, se unha persoa solicitante obtén praza en calquera destas convocatorias, deberá notificalo con carácter de urxencia e por escrito ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Todas as persoas candidatas ás licenzas por estudos que se convocan deberán presentar a súa solicitude utilizando o modelo do anexo II, que poden atopar na Guía do Cidadán no enderezo electrónico www.xunta.es/apps.gdp, e seguindo o procedemento establecido no artigo 5º.

2. Para as persoas solicitantes das licenzas retribuídas, á solicitude, única e para unha soa modalidade, xuntaráselle a seguinte documentación:

-Para as modalidades 1, 2, 3, 4, 5 e 7: acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no anexo III desta orde. A modalidade 6, ao ser grupal, queda exenta.

-Para todas as modalidades: proxecto de tese, de estudos, de traballo de investigación ou de elaboración de materiais ou das actividades que hai que realizar para o perfeccionamento de linguas que se pretenda realizar durante o período da licenza, segundo o contido do anexo IV.

3. No caso das licenzas non retribuídas -modalidade 0- presentarase unicamente a solicitude aludida, con indicación do período solicitado.

Artigo 5º.-Documentación e prazo de presentación.

As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día do prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Realizarase a través do rexistro xeral da Xunta de Galicia, os dos seus departamentos territoriais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e

selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación. Todas as persoas participantes deberán presentar relación numerada e asinada da documentación entregada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos e servizos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo a que se refire este artigo.

Artigo 6º.-Valoración da Inspección Educativa.

O Servizo Provincial de Inspección Educativa da xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente emitirá, logo da solicitude realizada pola presidencia da comisión, un informe segundo o modelo que aparece como anexo V a esta orde. No caso de solicitudes de inspectores de educación e inspectores ao servizo da Administración educativa, o informe expedirao a Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, segundo o anexo VI desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. Os órganos encargados de elaborar os informes aos que se refire o artigo 6º deberán remitilos á presidencia da comisión seleccionadora.

2. O informe dos profesores e profesoras solicitantes que estean destinados en comisión de servizos, liberados sindicais, etc., referirase ao período docente anterior ao destino en comisión de servizos.

3. O resultado deste informe traducirase nunha valoración global de 0 a 1 punto, segundo se especifica no punto 2.2 do anexo III.

Artigo 8º.-Comisión de selección.

1. A selección das persoas candidatas realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-Vogais: ata un máximo de catro, con categoría de titular de subdirección xeral, xefatura de servizo ou membro da Inspección Educativa.

-Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará con voz e sen voto.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante para asistir ás sesións da comisión.

A comisión poderá solicitar a incorporación de asesores ou asesoras especialistas aos seus traballos, limitándose estas persoas a prestaren a súa colaboración.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 2, 3 e 5 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

3. Esta comisión estará incluída na categoría que corresponda para os efectos do previsto no Decreto 144/2008, do 26 de xuño -que modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño-, concretado na Resolución do 20 de xuño de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xuño de 2008, respecto da actualización do previsto no anexo IV do citado Decreto 144/2001.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Para as licenzas retribuídas a comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo III desta convocatoria. Para iso, a maiores dos méritos obxectivos, teranse os conta os seguintes criterios prioritarios en función da modalidade elixida.

1. Na modalidade 1 -tese de doutoramento- o criterio prioritario será a súa relación co currículo das áreas ou materias de todas as etapas educativas e o interese que ofreza para mellorar a calidade do ensino. Excluiranse automaticamente aquelas teses de doutoramento que non se atopen na fase final da súa elaboración.

2. Nas modalidades 2, 3 e 4 -primeira licenciatura, enxeñaría ou arquitectura; primeira diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica; segunda licenciatura, enxeñaría ou arquitectura- excluirase ás persoas solicitantes que no momento de presentar a documentación:

a) Teñan pendente menos de tres materias para rematar a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes; primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes.

b) Teñan pendente, para rematar, ademais dun curso completo (ou número equivalente de materias) outras tres ou máis materias.

Para estes efectos consideraranse superadas todas as materias das que a persoa solicitante estea matriculada no momento de presentar a documentación ata un máximo dun curso completo.

Considerarase como unha materia aquela que ten a duración dun curso académico dentro dos plans de estudos -máis antigos cronoloxicamente- cunha carga de cinco materias anuais por curso ou de 13,5 créditos referida aos plans de estudos que se rexen pola modalidade de créditos.

3. Na modalidade 5 -proxectos-, estes centraranse en traballos de investigación directamente relacionados co ámbito de traballo docente das persoas solicitantes e coas necesidades do sistema educativo, tendo en conta o seguinte:

a) Realizaranse sobre algún dos seguintes ámbitos:

-Elaboración de materiais multimedia interactivos que favorezan o desenvolvemento curricular.

-Elaboración de recursos educativos multimedia interactivos para favorecer a integración do alumnado inmigrante.

-Elaboración de materiais curriculares que contribúan á utilización da lingua galega no ensino.

-Atención á diversidade.

-Bibliotecas escolares.

-Materiais coeducativos.

-Orientación educativa, psicopedagóxica e profesional.

-Dirección e organización dos centros docentes.

-Proxectos dos centros: educativo, lector, TIC e plan de convivencia.

As licenzas de proxectos para os funcionarios dos corpos de inspectores, poderán centrarse, ademais dos temas referidos anteriormente, en temas relacionados coas funcións da Inspección Educativa.

b) No caso de que o proxecto de investigación ou innovación, nesta modalidade, sexa realizado por un equipo só poderá dispoñer de licenza retribuída a persoa que o coordine.

c) A comisión poderá convocar as persoas interesadas para a realización dunha entrevista.

4. Na modalidade 6, os grupos de traballo estarán integrados por dúas persoas docentes con independencia do corpo ao que pertenzan e, xa que logo, deberán solicitar o mesmo cuadrimestre para o desenvolvemento do traballo. Os proxectos centraranse na elaboración de materiais curriculares relacionados coas distintas áreas e materias do currículo.

5. Na modalidade 7 -perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior-, de dous meses de duración, dirixida preferentemente ao profesorado de linguas estranxeiras ou que imparta algunha materia nun idioma estranxeiro, o proxecto centrarase na presentación do plan de perfeccionamento da lingua que se vai desenvolver durante o período da licenza.

6. En caso de empate, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2 do baremo.

c) Maior puntuación no punto 3 do baremo.

7. No caso de se produciren vacantes nalgunha das modalidades ofertadas, poderán acumularse a outras modalidades, atendendo aos criterios seguintes:

a) No corpo de mestres as vacantes da modalidade 1 poderán acumularse á modalidade 2 e viceversa.

b) Para os corpos de inspectores, as vacantes poderán acumularse entre as modalidades 4 e 5 e viceversa.

c) Para o resto dos corpos poderán acumularse entres si as vacantes das modalidades 1, 2 e 3 e viceversa, con prioridade, por esta orde, para as modalidades 2, 1 e 3; e, por outra parte, as vacantes das modalidades 4, 5 e viceversa.

8. En ningún caso poderá excederse o número total de licenzas retribuídas establecido coa distribución indicada no anexo I.

Artigo 10º.-Puntuación provisional.

1. A puntuación obtida polas persoas candidatas farase pública no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es) na internet, abríndose un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións diante da presidencia da comisión.

2. No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, presentaranse as posibles renuncias á concesión das licenzas por estudos, dirixidas á presidencia da mencionada comisión seleccionadora.

Artigo 11º.-Resolución definitiva.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da concesión de licenzas por estudos, xunto coa acta ou actas definitivas nas que se indicarán as valoracións outorgadas a cada unha das persoas candidatas, así como a relación final de persoas adxudicatarias das licenzas por estudos. Esta proposta de resolución definitiva publicarase no portal educativo (www.edu.xunta.es) na internet. Deseguido procederase á publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia.

2. Unha vez resolta esta convocatoria non se admitirán renuncias ás licenzas concedidas, agás casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

4. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data de publicación desta orde.

Artigo 12º.-Períodos de duración das licenzas retribuídas por estudos.

1. O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo será, como máximo, do 1 de setembro de 2010 ao 31 de agosto de 2011, para o profesorado de educación infantil e de educación primaria, e desde o 15 de setembro de 2010 ao 14 de setembro de 2011, para os corpos do profesorado de ensino secundario, mestres que impartan docencia no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, ensinos do réxime especial e inspectores.

2. Nas licenzas cuadrimestrais das modalidades 4, 5 e 6, a duración dos cuadrimestres establécese do seguinte xeito:

a) Para o profesorado de educación infantil e de educación primaria:

-Primeiro cuadrimestre: do 1 de setembro de 2010 ao 31 de decembro de 2010.

-Segundo cuadrimestre: do 1 de marzo de 2011 ao 30 de xuño de 2011.

b) Para o profesorado que imparta docencia no ensino secundario e nas ensinanzas de réxime especial:

-Primeiro cuadrimestre: do 15 de setembro de 2010 ao 14 de xaneiro de 2011.

-Segundo cuadrimestre: do 1 de marzo de 2011 ao 30 de xuño de 2011.

c) Para funcionarios dos corpos de inspectoras:

-Segundo cuadrimestre: do 1 de marzo de 2011 ao 30 de xuño de 2011.

No anexo II de solicitude deberase especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

3. Nas licenzas bimensuais da modalidade 7, o período de desfrute da licenza, sempre dentro dos límites que marca o punto 1 deste artigo, escollerao o solicitante e deberá ser continuado.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Ao longo do período de licenzas por estudos, as persoas beneficiarias das licenzas retribuídas asumen a obriga de presentar perante o Servizo de Formación do Profesorado da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Para a modalidade 1, enviarase entre o 16 e o 31 de marzo de 2011 un resumo dos puntos do traballo realizado ata esa data.

2. Para as modalidades 2, 3 e 4, enviarase:

a) Durante os meses de outubro e novembro de 2010, orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante da matrícula no centro no cal se realizarán os estudos e do pagamento das taxas desta.

b) Para as modalidades 2 e 3, certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor ou profesora referido ata o 15 de marzo de 2011, que se remitirá entre o 16 e o 31 do dito mes, ou declaración xurada de non ter clases presenciais, se é o caso.

c) No caso da modalidade 4, ao ser cuadrimestral, certificado de asistencia ás clases, feito por cada profesor ou profesora, ou declaración xurada de non ter clases presenciais, sé o caso, que se enviará do 1 ao 8 do terceiro mes no que goce a licenza.

3. Para as modalidades 5 e 6 enviarase, do 1 ao 8 do terceiro mes no que goce a licenza, un resumo -cun máximo de tres páxinas- dos puntos do traballo realizado ata esa data e o que resta para rematar.

Unha vez rematada a licenza por estudos, no prazo de dous meses, contados desde a finalización do período da licenza por estudos, e como documentación xustificativa dela, enviarase, segundo a modalidade, a seguinte documentación:

1. Para a modalidade 1: orixinal ou fotocopia compulsada do xustificante de ter depositada a tese para a súa lectura.

2. Para as modalidades 2, 3 e 4: certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada dos estudos realizados. Nestas modalidades, a referencia para o comezo do prazo de presentación será o remate do curso académico.

3. Para as modalidades 5 e 6: un orixinal en soporte papel da memoria do proxecto realizado e unha versión electrónica preparada para a súa posible publicación na internet. Para isto último, deberanse seguir as recomendacións da guía de boas prácticas de publicación web dispoñible no punto de contidos do portal educativo, no enderezo electrónico: http://www.edu.xunta.es/contidos/guia_boas_practicas, especialmente no referente ao tratamento das imaxes e ao tamaño dos ficheiros.

4. Para a modalidade 7: certificación orixinal ou fotocopia compulsada expedida polo centro ou institución onde realizou o perfeccionamento na lingua estranxeira, con expresión do título, contidos, datas e duración en horas da formación recibida, así como unha tradución da dita certificación.

Unha vez rematado o prazo de presentación das documentacións xustificativas das licenzas, reunirase a comisión para facer a avaliación destas. O resultado acadado comunicaráselle ás persoas interesadas por escrito.

Artigo 14º.-Situación administrativa das persoas beneficiarias.

Durante o tempo de duración da licenza por estudos, os docentes seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, agás no caso das licenzas non retribuídas.

As persoas beneficiarias dunha licenza por estudos consideraranse, para todos os efectos, en situación de servizo activo. O profesorado beneficiario de licenza sen retribución deberá aboar as cotizacións correspondentes ao funcionario e á Administración.

Artigo 15º.-Incompatibilidades.

A concesión de licenzas por estudos con retribución implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada, excepto para aquelas persoas funcionarias docentes que teñan concedida unha compatibilidade con anterioridade á publicación desta orde. A concesión dunha licenza non retribuída admitirá simultaneidade con outras axudas económicas.

Artigo 16º.-Responsabilidades por incumprimento.

O incumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á rescisión da licenza por estudos ou á incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Seguimento.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa efectuará o adecuado seguimento e control dos estudos e traballos que se realicen durante o período da licenza, e poderá solicitar directamente, a través de entrevista, ou por medio da Inspección Educativa, información sobre o traballo realizado e sobre o que queda pendente, de tal xeito que o non cumprimento do establecido no proxecto inicial poida dar lugar á rescisión da licenza.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá das memorias e dos traballos realizados de acordo coa lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

Os autores e autoras para poder publicar pola súa conta os devanditos traballos deberán solicitar e contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, facendo constar na correspondente publicación que o traballo foi realizado durante unha licenza por estudos retribuída pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta mención figurará tanto no caso de que a publicación do traballo sexa total como parcial.

Co fin de que as investigacións poidan ser coñecidas polo profesorado para contribuír á mellora do ensino, os traballos que estime de especial interese a comisión de avaliación poderán ser difundidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18º.-Retirada de documentación.

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas, ou persoas nas que deleguen, disporán dun prazo de seis meses para poder retirar a documentación perante a presidencia da comisión. Unha vez transcorrido dito prazo, entenderase que renuncian a súa devolución.

Artigo 19º.-Réxime dos recursos.

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04800D002P010.PDF"

ANEXO IV

Esquema dos contidos dos proxectos de licenzas por estudos

e documentación complementaria

Modalidade:

1. Tese:

1.1. Título da tese.

1.2. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada de estar en posesión do diploma de estudos avanzados (DEA) ou equivalente.

1.3. Certificación orixinal ou fotocopia compulsada do departamento no que estea inscrita a tese.

1.4. Nunha extensión máxima de 10 páxinas en papel tamaño DIN-A4, a dobre espazo e cunha letra de 12 puntos, expresión do traballo xa realizado e o que restaría para o período da licenza, salientando aspectos como a contextualización, obxectivos, relación co currículo e aqueloutras que se consideren para a súa mellor valoración en función do interese para as distintas etapas educativas.

1.5. Informe da persoa que a dirixe, segundo o modelo do anexo VII, no que se especifique a data do comezo do traballo e que este se atopa na fase final da súa elaboración.

2. Primeira licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes:

2.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

2.2. Certificación académica orixinal do curso 2009-2010, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, na que conste, se é o caso, as materias nas que estea matriculado no curso 2009-2010.

2.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

2.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

2.5. Promesa ou declaración xurada de non ter previamente unha titulación equivalente ou superior.

3. Primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes:

3.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

3.2. Certificación académica orixinal do curso 2009-2010, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes que solicita, na que conste, se é o caso, as materias nas que estea matriculado no curso 2009-2010.

3.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

3.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

3.5. Promesa ou declaración xurada de non ter previamente unha titulación equivalente ou superior.

4. Segunda licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes:

4.1. Escrito no que se especifique claramente as materias que lle faltan para obter a licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes, concretando a que curso pertencen.

4.2. Certificación académica orixinal do curso 2009-2010, dos estudos realizados ata a data, correspondentes á licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou estudos equivalentes que solicita, na que conste, se é o caso, as materias nas que estea matriculado no curso 2009-2010.

4.3. Fotocopia do plan de estudos que está a seguir.

4.4. Centro no que proxecta realizar os estudos: nome, enderezo, localidade, provincia, país e teléfono.

4.5. Especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

5. Proxectos:

5.1. Presentarase unha proposta de traballo sobre o estudo que se vaia realizar durante o período da licenza no que se concretará, de xeito especial, como serán levadas a cabo as fases de posta en práctica e avaliación.

Nesta proposta, que poderá ser tanto de carácter organizativo como curricular, farase constar:

a) Título do proxecto.

b) Participante/s. Datos persoais e profesionais.

c) Deseño do traballo que se vai realizar:

-Xustificación baseada no contexto.

-Obxectivos.

-Contidos.

-Metodoloxía.

-Temporalización.

-Recursos.

-Organización de responsabilidades e tarefas para a posta en marcha.

-Síntese do proceso de avaliación.

-Bibliografía e/ou referencias anteriores á temática do traballo.

d) Mención explícita á relación co traballo de aula ou coa organización do centro, se é o caso.

Os traballos ou investigacións que supoñan unha actuación en centros docentes ou noutras institucións públicas ou privadas, xuntarán certificado de conformidade da dirección do/s centro/s co visto e prace da Inspección educativa, ou autorización das persoas responsables das institucións, se é o caso.

O proxecto terá unha extensión máxima de 20 páxinas en papel tamaño DIN-A4, a dobre espazo e cunha letra de 12 puntos.

Deberase especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

6. Grupos de traballo para a elaboración de materiais curriculares:

6.1. Presentarase un proxecto sobre o traballo que se vaia realizar durante o período da licenza no que se concretará, de xeito especial, como serán levadas a cabo as fases de posta en práctica e avaliación. Neste proxecto, farase constar:

a) Título do proxecto.

b) Persoas participantes. Datos persoais e profesionais. Farase unha solicitude por cada un dos compoñentes segundo o modelo do anexo II.

c) Deseño do traballo que se vai realizar:

-Xustificación baseada no contexto.

-Obxectivos.

-Contidos.

-Metodoloxía.

-Temporalización.

-Recursos.

-Organización de responsabilidades e tarefas para a posta en marcha.

-Síntese do proceso de avaliación.

-Bibliografía e/ou referencias anteriores á temática do traballo.

d) Mención explícita á relación co traballo de aula.

Os traballos que supoñan unha actuación en centros docentes ou noutras institucións públicas ou privadas, xuntarán certificado de conformidade da dirección do/s centro/s co visto e prace da Inspección educativa, ou autorización das persoas responsables das institucións, se é o caso.

O proxecto terá unha extensión máxima de 20 páxinas en papel tamaño DIN-A4, a dobre espazo e cunha letra de 12 puntos.

Deberase especificar claramente o cuadrimestre que se prefire; de non facelo adxudicaráselle automaticamente o primeiro.

7. Perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior:

7.1. Certificación na que se faga constar o idioma que está a impartir o solicitante expedida polo director ou polo secretario do centro educativo.

7.2. O proxecto consistirá na exposición do plan de perfeccionamento que pretende acometer con base na lingua estranxeira que imparte, con expresión de, polo menos:

a) País onde se levará a cabo. Enténdese que o país escollido deberá ter como lingua oficial aquela que imparte o solicitante.

b) Centro ou institución onde recibirá a formación, indicando o enderezo.

c) Denominación da formación a recibir, nivel académico e a súa duración expresada en días e cómputo total de horas.

d) Calquera outros aspectos que se consideren salientables para unha mellor valoración do plano.

ANEXO V

Modelo de informe

Curso 2010-2011

Servizo Provincial de Inspección Educativa

da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria

Don/dona..................................................................

Corpo........................................................................

NRP.................................... DNI...............................

Sede de destino.............................. Teléfono.............

Localidade.......................... Provincia.......................

a) Organización da súa actividade docente:

b) Participación no funcionamento do centro:

c) Participación en programas educativos de innovación:

Total da valoración outorgada (de 0 a 1 puntos):

En.........................., .... de...................... de 2010.

O/a inspector/a

ANEXO VI

Modelo de informe para inspectores e inspectoras

Curso 2010-2011

Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación

e Calidade do Sistema Educativo da Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria

Don/dona..................................................................

Corpo........................................................................

NRP.................................... DNI...............................

Sede de destino.............................. Teléfono.............

Localidade.......................... Provincia.......................

a) Función de avaliación:

b) Función de asesoramento e información:

c) Función de control:

d) Colaboración na formación permanente do profesorado:

Total da valoración outorgada (de 0 a 1 puntos):

En.........................., .... de...................... de 2010.

A subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo

Visto e prace

O director xeral de Educación, Formación

Profesional e Innovación Educativa

ANEXO VII

Modelo de informe

Curso 2010-2011

Director/a da tese de doutoramento

Don/dona................................., director/a da tese de doutoramento ..................................., presentada por don/dona.................................................................., informa o seguinte:

a) O traballo de investigación comezou con data de ...........................................................................

b) Nestes momentos o traballo atópase na fase final da súa elaboración.

c) A presentación da tese para a súa defensa terá lugar, previsiblemente, antes do (1) ... de ................. de 2011.

E, para que conste, aos efectos de solicitude dunha licenza por estudos, asino a presente certificación en................................., .... de .................. de 2010.

(Sinatura)

(1) 31 de agosto de 2011, para o profesorado de educación infantil e primaria.

14 de setembro de 2011, para o profesorado de ensino secundario, mestres que impartan docencia no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, ensino de réxime especial e inspectores.