DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 11 de marzo de 2010 Páx. 3.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 1 de marzo de 2010 pola que se regulan determinados ficheiros de datos de carácter persoal.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación daqueles.

Na súa virtude, a Consellería de Economía e Industria

DISPON:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde da Consellería de Economía e Industria créanse, modifícanse o suprímense os ficheiros de carácter persoal que se especifican nos anexos.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros, está contida nos anexos desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e usos dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Consellería de Economía e Industria regulados e creados por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados nos anexos e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados nos anexos. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas observarase o disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable da seguridade dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelles ás secretarías e ás direccións xerais encadradas na Consellería de Economía e Industria.

Nos anexos detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O nivel dos ficheiros creados por esta orde atópase clasificado atendendo o disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Nos anexos aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros regulados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade e integridade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 7º.-Dereito de oposición, acceso, rectificación e cancelación de datos.

As persoas poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos, cando proceda, mediante escrito dirixido ao enderezo especificado en cada un dos ficheiros.

Artigo 8º.-Creación de novos ficheiros.

No anexo I desta resolución relaciónanse aqueles novos ficheiros cuxa titularidade ten esta consellería.

Artigo 9º.-Modificación de ficheiros.

No anexo II desta resolución relaciónanse aqueles ficheiros que sufriron algunha modificación desde a súa inscrición no Rexistro da Axencia de Protección de Datos.

Artigo 10º.-Cancelación de ficheiros.

No anexo III desta resolución relaciónanse aqueles ficheiros cuxa cancelación será solicitada do Rexistro da Axencia de Protección de Datos, ben porque a finalidade para a que foron solicitados non subsiste ou porque os datos serán incorporados en ficheiros de nova declaración.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas observarase, ademais, o disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "04800D001P006.PDF"