DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 10 de marzo de 2010 Páx. 3.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 2 de marzo de 2010 pola que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico durante o ano 2010.

Por medio de sucesivas ordes desde a asunción de competencias en materia de urbanismo por parte da comunidade autónoma fóronse establecendo as bases reguladoras da concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico.

As razóns que motivaron a promulgación destas ordes continúan estando presentes na actualidade. Así, segue a ser necesaria a adaptación de boa parte do planeamento urbanístico á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sucesivamente modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, pola Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia e pola Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo.

Por outra parte, os concellos interesados na adaptación do seu planeamento á normativa urbanística vixente seguen a ter notables dificultades para afrontar o esforzo orzamentario que implica o cumprimento desa finalidade.

De xeito similar ao establecido nas ordes anteriores, dúas son as notas que caracterizan as bases reguladoras da concesión das subvencións previstas nesta orde. Primeiramente, e no que atinxe ao seu ámbito de aplicación subxectivo, as subvencións para a redacción de instrumentos de planeamento teñen como destinatarios os concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes. Para os que superen esta cifra, as axudas poderán concederse mediante a sinatura dun convenio de colaboración, no cal se establecerán as súas específicas condicións.

En segundo lugar, no relativo ao procedemento de concesión, debe poñerse de manifesto a inexistencia de concorrencia competitiva, posibilidade esta expresamente prevista polo artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que non se parte da comparación das solicitudes recibidas, senón do obxecto e finalidade da subvención solicitada e do cumprimento por cada concello solicitante dos requisitos establecidos para obter a correspondente subvención. Tales circunstancias determinan a non necesidade de realizar unha comparación entre as solicitudes recibidas, así como tampouco establecer unha orde de prelación entre elas.

Por último, como novidade nesta orde establécese o ámbito das subvencións ás referidas á redacción de plans xerais de ordenación municipal e a plans especiais de protección que teñan por obxecto preservar o patrimonio cultural de asentamentos de carácter histórico ou de singular valor arquitectónico.

Consecuentemente co que antecede, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, Intervención Delegada nesta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Dirección Xeral de Planificación e Fondos e Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, así como da consulta efectuada á Federación Galega de Municipios e Provincias en exercicio das facultades que teño atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, procedemento e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan en 2010 a convocatoria e a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións que poida conceder a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para redacción dos instrumentos de planeamento urbanístico que detalla o artigo 2º desta orde.

Atendendo ao obxecto e finalidade das subvencións reguladas por esta orde, exceptúase a necesidade de fixar unha orde de prelación para a selección das solicitudes presentadas sempre que reúnan os requisitos establecidos, polo que serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario aplicando as normas que se fixan no artigo 6º.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia, así como as agrupacións de concellos a que alude o apartado 1º b) do artigo 2º.

En virtude do previsto polo apartado 2º do artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando fose o caso, as agrupacións de concellos indicarán en anexo á súa solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. O anexo deberá ser subscrito por quen exerza a representación legal da agrupación solicitante.

Artigo 2º.-Instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados.

1. Poderá ser obxecto de subvención a redacción dos seguintes instrumentos de planeamento:

a) Plans xerais de ordenación municipal dos concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes e non resultasen beneficiarios dunha axuda para o mesmo obxecto, concedida ao abeiro das últimas ordes do 20 de abril de 2007 ou do 28 de decembro de 2007 polas que se regulaba a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico nos anos 2007 e 2008, coa excepción do establecido na disposición transitoria segunda desta orde.

b) Plans xerais de agrupacións de concellos que formen unha unidade de planeamento homoxénea, sempre que acrediten o cumprimento das condicións que establece o artigo 82 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) Plans especiais de protección que teñan por obxecto preservar o patrimonio cultural de asentamentos de carácter histórico ou de singular valor arquitectónico, definidos no artigo 69 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, dos concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra de 50.000 habitantes.

d) A redacción de plans xerais de ordenación municipal daqueles concellos cuxo planeamento urbanístico xeral estea suspendido ou con acordo de inicio de suspensión ditado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, segundo establece o artigo 96.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como o que, estando en vigor, resultase anulado en virtude de sentenza xudicial.

2. Tamén poderán ser obxecto de subvención os instrumentos de planeamento, de entre os recollidos nos anteriores números que, no momento da data de entrada en vigor desta orde, estivesen xa contratados ou en fase de contratación e que aínda non acadasen a súa aprobación definitiva.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades previstas no número 2 do artigo 1º interesadas en obter as subvencións reguladas por esta orde deberán presentar a correspondente solicitude, subscrita por quen exerza a súa representación legal, de conformidade coas previsións do artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo que se publica como anexo I.

2. Á solicitude, dirixida á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, xuntarase a documentación sinalada no artigo 5º e poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. En cumprimento do previsto pola alínea a) do artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e para os efectos do previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, mediante a presentación da solicitude de subvención, así como coa sinatura do anexo I, a entidade solicitante presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que esta inclúa e faga públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes relativos ás subvencións recibidas e ás sancións que como consecuencia delas se puidesen impoñer. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter

persoal, a entidade solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación rematará o día 30 de abril de 2010. Por resolución motivada que será publicada no Diario Oficial de Galicia poderase ampliar o prazo de presentación establecido no neste artigo.

Artigo 5º.-Documentación.

Xunto coa solicitude a que alude o artigo 3º, as entidades interesadas en obter as subvencións obxecto desta orde deberán achegar a documentación que a seguir se indica, en orixinal ou por medio de copias compulsadas:

a) Memoria explicativa do obxecto e finalidade da subvención que se solicita e, se é o caso, referencia ás circunstancias específicas que, a xuízo da solicitante, concorran na súa solicitude.

b) Para os casos expresados no artigo 2º.2 desta orde, documentación acreditativa dos antecedentes de contratación dos traballos e do seu estado actual de execución ou certificación expedida pola Secretaría do concello en que consten os anteditos extremos.

c) Cronograma que recollerá as previsións de execución dos traballos para os cales se solicita a subvención, segundo o modelo que se xunta a esta orde como anexo II.

d) Orzamento base estimado subvencionable (OBES): no caso de solicitudes presentadas para obter subvención para a redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, o OBES será o resultado de aplicar os criterios que se indican no inciso primeiro da alínea a) do artigo 12º.2. Para estes efectos a entidade solicitante deberá achegar debidamente cuberto o anexo III.

e) No suposto de solicitudes recibidas para a redacción de plans especiais de protección susceptibles de seren subvencionados ao abeiro desta orde, o OBES será o resultado de aplicar os criterios que se indican no segundo inciso da alínea a) do artigo 12º.2. Para estes efectos a entidade solicitante deberá achegar debidamente cuberto o anexo IV.

f) Certificado expedido pola secretaría xeral da entidade solicitante en que se recolla o acordo do órgano municipal competente de solicitar as subvencións previstas nesta orde e a concreta finalidade para a cal se solicitan.

g) Declaración do representante legal da entidade solicitante en que conste o conxunto das axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a que solicita a subvención á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, seguindo o modelo que se xunta como anexo V.

h) Autorización do representante legal da entidade solicitante para que a Xunta de Galicia poida utilizar o documento de planeamento obxecto da subvención, publicalo de xeito convencional ou a través de páxina web, así como para que poida percibir, de ser o caso, os importes para resarcimento dos custos derivados da publicación e/ou venda de contidos do documento de planeamento subvencionado, utilizando o modelo do anexo VI desta orde.

Artigo 6º.-Normas de instrución do procedemento.

O procedemento de concesión das subvencións que regula esta orde desenvolverase de conformidade coas normas xerais aplicables aos procedementos administrativos iniciados por solicitude dos interesados, así como polas seguintes previsións:

a) De conformidade co establecido no artigo 1º, as subvencións recollidas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e ata esgotar o crédito orzamentario destinado ao seu financiamento. Consecuentemente, serán concedidas sen comparación con outras solicitudes.

b) O procedemento considerarase iniciado para a entidade solicitante na data en que tivese entrada a súa solicitude no correspondente rexistro.

c) As solicitudes de subvención que cumpran os requisitos exixidos por esta orde, xunto coa correspondente documentación, atenderanse pola orde cronolóxica de presentación.

d) Será competente para instruír o procedemento, así como para formular a correspondente proposta de resolución, a Subdirección Xeral de Urbanismo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O prazo para ditar e notificar a resolución que proceda será de dous meses, computados desde o día seguinte ao da entrada da correspondente solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

2. A resolución favorable pola que se subvenciona o instrumento de planeamento de que se trate conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Finalidade concreta para a cal se concede.

b) Importe da subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

c) Previsións temporais e importe das anualidades e dos aboamentos parciais.

d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto; en especial, e tal e como determina o último parágrafo do artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o suposto de que a entidade beneficiaria sexa unha agrupación de concellos, deberán indicarse os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles.

3. Transcorrido o prazo de dous meses sen que se lle notificase a resolución expresa, a entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, de conformidade co disposto no parágrafo 2º do artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 13º desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais, poderá dar lugar a unha nova resolución que modifique as condicións e importe da subvención.

Artigo 8º.-Réxime de recursos.

As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Malia o anterior, por ter a recorrente a condición de Administración pública, poderá facer uso do requirimento previo a que alude o artigo 44 da antedita Lei 29/1998.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. As subvencións outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.521A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, destinarase para tal finalidade un total de dez millóns de euros (10.000.000 €), distribuídos nas seguintes anualidades:

-2010: 3.080.000 €.

-2011: 1.750.000 €.

-2012: 1.700.000 €.

-2013: 1.300.000 €.

-2014: 2.170.000 €.

Deste importe total, 6.000.000 € destinaranse a subvencionar as figuras de planeamento previstas nas alíneas a), b) e d) do artigo 2º desta orde.O importe restante, é dicir, 4.000.000 € destinarase a axudas para a redacción daquelas figuras previstas na alínea c) do mesmo artigo.

No suposto de que, logo de atendidas as solicitudes de calquera dos supostos a que se refire o parágrafo anterior, resultase un remanente de crédito, este poderá ser utilizado para atender peticións formuladas ao abeiro daqueloutros en que se aprecie insuficiencia de crédito.

Por aplicación do establecido no punto 2 b) do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tamén se poderán destinar á concesión de subvencións os créditos que resulten como remanentes das renuncias, anulacións e/ou reaxustes de subvencións concedidas en convocatorias anteriores para a redacción das figuras de planeamento previstas nas alíneas a), b) e d) do artigo 2º.

2. As subvencións poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no artigo 58.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Para o suposto de que a contía da subvención solicitada non acade o 100% do custo de redacción do instrumento de planeamento por aplicación do establecido no artigo 12º, a entidade solicitante deberá achegar certificación que acredite a aplicación de fondos propios ao financiamento da actividade subvencionada.

4. De conformidade co previsto no artigo 40.1º do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, as subvencións obtidas ao abeiro desta orde non poderán ser aplicadas a unha finalidade distinta daquela para a cal foron concedidas.

Artigo 10º.-Compatibilidade de axudas e subvencións.

1. As subvencións previstas nesta orde decláranse compatibles con outras axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos que a entidade beneficiaria obteña das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais para a mesma finalidade para a cal lle foi concedida a subvención pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Malia isto, e por aplicación do establecido no artigo 17.3ºda Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Neste caso, a subvención concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

2. A obtención por parte da entidade beneficiaria dos recursos económicos declarados compatibles coa subvención concedida, tan axiña como se coñeza, deberá ser comunicada á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 11º.-Subcontratación.

1. Para os efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, expresamente autorízanse as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde para que subcontraten ata o 100% do importe dos traballos necesarios para a redacción dos instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados. Tal autorización considérase concedida sen prexuízo do previsto na alínea b) do artigo 18º desta orde, así como, se é o caso, do cumprimento das previsións que establecen os números 3º e seguintes do dito artigo 27.

2. A autorización prevista no parágrafo anterior entenderase concedida con carácter retroactivo para os supostos de que a redacción do instrumento de planeamento subvencionable estivese contratada ou en fase de contratación.

Artigo 12º.-Cálculo da contía da subvención.

1. Os límites dos importes das subvencións que poida conceder a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a realización das actividades susceptibles de seren subvencionadas ao abeiro desta orde, estarán determinados pola aplicación dos criterios que se determinan nos seguintes números.

2. Para determinar o importe da subvención que se poida conceder, observaranse as seguintes regras:

a) Primeiramente establecerase o OBES:

-Os criterios para determinar o OBES de plans xerais de ordenación municipal serán: a poboación do concello (C1); a súa superficie en quilómetros cadrados (C2), o número das súas entidades de máis de cinco vivendas segundo o nomenclátor (C3); poboación do seu núcleo máis poboado (C4); número dos seus núcleos de máis de mil habitantes (C5); e tipo do seu planeamento vixente (C6). A cada criterio corresponderá un valor, obtido en función dos datos e baremo que figuran no anexo III desta orde. O importe do OBES será o resultado de realizar a seguinte operación aritmética: C1xC2xC3xC4xC5xC6x142.000 €.

-Os criterios para determinar o OBES para os plans especiais de protección serán: un coeficiente en función da superficie do ámbito que se vai ordenar (D), superficie do ámbito (Sp). A cada criterio corresponderá un valor, obtido en función dos datos e baremo que figuran no anexo IV desta orde. O importe do OBES será o resultado de realizar a seguinte operación aritmética: DxSpx10.500 €.

b) Ao importe do OBES seranlle aplicadas as porcentaxes que máis abaixo se indican, establecidas en función da poboación do concello solicitante, e o seu resultado determinará a subvención, sen prexuízo das previsións contidas no artigo seguinte.

-Concellos cunha poboación que non supere a cifra dos 5.000 habitantes, así como aqueles que estean comprendidos nas circunstancias que menciona o artigo 2º.1, alínea d): 100%.

-Concellos cunha poboación comprendida entre os 5.001 e 20.000 habitantes: o 90%.

-Concellos cunha poboación comprendida entre os 20.001 e 50.000 habitantes: o 80%.

3. Para os efectos do previsto na alínea b) tomaranse como referencia as cifras oficiais de poboación na data 1 de xaneiro de 2009, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo verificará a correcta aplicación dos criterios establecidos para determinar o OBES de redacción dos instrumentos de planeamento.

No suposto de discrepancia na aplicación dos criterios para determinar o OBES, o concello solicitante disporá dun prazo de dez días hábiles para formular alegacións.

Artigo 13º.-Modificacións da resolución de concesión.

1. Modificación do importe da subvención. Cando o importe do contrato subscrito pola entidade beneficiaria co equipo redactor dos traballos para os que se concedeu a subvención sexa inferior ao OBES, procederase á modificación da subvención aprobada mediante a aplicación ao dito importe contractual das porcentaxes previstas no punto 2º b) do artigo anterior. O seu resultado será a contía definitiva da subvención concedida; figurará nunha nova resolución do órgano competente para resolver e seralle comunicada á entidade solicitante.

2. Reaxuste de anualidades. Neste caso, observarase o disposto na disposición adicional cuarta.

Artigo 14º.-Pagamento das subvencións.

O pagamento das subvencións concedidas ao abeiro desta orde terá lugar mediante aboamentos parciais, logo de que a entidade beneficiaria o solicite e xustifique documentalmente o cumprimento dos trámites e requisitos que se detallan nos artigos seguintes ou de oficio pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por corresponderlle, segundo a normativa urbanística aplicable, algún dos trámites detallados nos artigos seguintes.

Artigo 15º.-Aboamentos parciais.

1. Os aboamentos parciais das subvencións concedidas estarán en función das previsións temporais, importes e traballos necesarios para a redacción do planeamento de que se trate segundo a correspondente resolución de concesión, e que, en todo caso, se axustarán ás seguintes pautas e porcentaxes sobre o importe da subvención concedida:

a) Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM):

-1º aboamento: logo da sinatura do contrato de redacción do plan, ou da súa modificación, cando se trate de plans xa contratados: 20%.

-2º aboamento: logo da remisión do expediente completo do plan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a emisión do informe previo á aprobación inicial: 20%.

-3º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 20%.

-4º aboamento: certificada a aprobación provisoria do plan polo órgano municipal competente: 20%.

-5º aboamento: aprobado definitivamente o plan pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: 20%.

b) Plan especial de protección previsto no PXOM, agás os que estean previstos para establecer a ordenación detallada do solo urbano consolidado (art.69.4 da LOUG):

-1º aboamento: logo da sinatura do contrato de redacción do plan ou da súa modificación, cando se trate de plans xa contratados: 20%.

-2º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 50%.

-3º aboamento: certificada a aprobación definitiva do plan polo órgano municipal competente e logo da remisión á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos exemplares exixidos pola lexislación urbanística: 30%.

c) Plan especial de protección no previsto no PXOM e os que estean previstos para establecer a ordenación detallada do solo urbano consolidado (artigo 69.4º da LOUG):

-1º aboamento: logo da sinatura do contrato de redacción do plan ou da súa modificación, cando se trate de plans xa contratados: 20%.

-2º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 30%.

-3º aboamento: logo da remisión do expediente completo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a emisión do informe previo á aprobación definitiva: 30%.

-4º aboamento: certificada a aprobación definitiva do plan polo órgano municipal competente e logo da remisión á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos exemplares exixidos pola lexislación urbanística: 20%.

2. Os aboamentos parciais que correspondan a acordos de aprobación definitiva adoptados polos órganos municipais competentes quedarán condicionados ao control de legalidade que sobre tales acordos debe exercer a Xunta de Galicia en virtude do previsto pola lexislación urbanística, así como pola de réxime local.

Artigo 16º.-Xustificación.

1. Para proceder aos aboamentos parciais mencionados no artigo anterior, vinculados a trámites que corresponden á entidade beneficiaria, será necesario que o concello, previamente e sen prexuízo de que achegue orixinal ou copia compulsada da correspondente documentación, remita, dentro do prazo establecido na resolución de concesión, certificado expedido pola secretaría xeral do concello en que conste, segundo proceda:

-As principais características do contrato de redacción do plan de que se trate ou, de ser o caso, a súa modificación, co equipo redactor (identificación do adxudicatario, data de sinatura, importes total e parciais, forma de pagamentos, cronograma de redacción dos traballos, etc.), así como a referencia ao pagamento ao dito equipo da cantidade que, de ser o caso, lle corresponda aboar á beneficiaria segundo a porcentaxe de cofinanciamento que resulte do custo do contrato. Cando proceda, a dita certificación tamén incluirá a xustificación de ter realizado o pagamento ao adxudicatario do contrato do total do custo da fase inmediatamente anterior.

-O contido dos correspondentes acordos de aprobación inicial, provisional ou definitiva, segundo a fase que se estea a tramitar, adoptado polo órgano municipal competente e, se é o caso, a referencia a que se produciu a inserción dos anuncios de exposición pública, con expresión do lugar e data de tales insercións.

2. Considerarase cumprido parcialmente o obxecto e a finalidade para a que foi concedida a subvención cando a entidade beneficiaria xustifique a realización dos trámites indicados no artigo anterior e que segundo a normativa urbanística sexan da súa competencia. Malia isto, a acreditación da sinatura do contrato de redacción dos traballos non terá a consideración de cumprimento parcial do seu obxecto.

3. En todo caso, antes de proceder ao último aboamento parcial a entidade beneficiaria deberá acreditar a aplicación da totalidade dos fondos recibidos á finalidade para a cal lle foi concedida a subvención, así como os fondos propios que destinou para tal fin.

4. Con carácter previo á emisión dos informes preceptivos da consellería competente en materia de urbanismo que se establecen nos artigos 85 e 86 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a entidade beneficiaria achegará á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo copia dos traballos en papel (debidamente dilixenciados, cando sexa o caso) e copia dos traballos gráficos en soporte vectorial (DWG, DXF ou DGN) ou SHAPE, xeorreferenciado, sen protección e con identificación de códigos, así mesmo, no proxecto de normas vectorial, todos os ficheiros deben depender dun directorio «:\nome do proxecto», para a súa mellor xestión.

5. Antes de producirse o último pagamento parcial, a entidade beneficiaria deberá achegar unha declaración complementaria do conxunto das axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a cal lle foi concedida a subvención pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais.

6. O prazo máximo para xustificar o cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención será de catro anos, contados desde o día seguinte ao de recepción da notificación da resolución de concesión de tal subvención.

Para os aboamentos á conta, por execución das fases establecidas na resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá presentar a oportuna xustificación antes do 30 de novembro do ano en que se establece a súa execución.

7. Para o caso de xustificación de subvencións concedidas a agrupacións de concellos, observarase o disposto polo artigo 28.8º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Coordinación.

1. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co obxecto de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención das subvencións que regula esta orde, supervisará a execución e desenvolvemento dos traballos de redacción do instrumento de planeamento subvencionado.

2. Para tal finalidade, así como para unha adecuada coordinación coa referida secretaría xeral, o concello beneficiario da subvención concedida deberá comunicar o nomeamento dun director dos traballos. Será o interlocutor ante as unidades administrativas da dita secretaría xeral que asuman a concreta supervisión do desenvolvemento e a execución tanto material como temporal da redacción do instrumento de planeamento subvencionado.

Artigo 18º.-Obrigas.

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumpriren as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que poidan desenvolvela.

b) Incorporar nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na contratación do equipo redactor do instrumento de planeamento urbanístico subvencionado, as prescricións aprobadas para tal finalidade pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

c) Entre os vogais das mesas de contratación constituídas para adxudicar os contratos de redacción dos instrumentos de planeamento urbanístico susceptibles de subvención, figurará un representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, designado por proposta da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá solicitar da dita secretaría xeral tal designación. No caso de ser necesaria a constitución dun comité de expertos, conforme o establecido no artigo 134 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, o representante da consellería deberá, preferiblemente, formar parte deste comité.

d) Acreditar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida coa finalidade de verificar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou Tribunal de Contas e, para o suposto de cofinanciamento coa Unión Europea, ás que poida efectuar o Tribunal de Contas da Unión Europea.

f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública e logo de que estea definitivamente aprobado, que o instrumento de planeamento de que se trate foi elaborado coa subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 19º.-Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de subvención máis os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento, cando se produzan as causas sinaladas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cálculo dos xuros de demora efectuarase de conformidade co previsto no artigo 34.2º da dita Lei 9/2007.

2. De conformidade co previsto no artigo 32.4º da antedita Lei 9/2007, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación da resolución de concesión da subvención levará consigo a obriga do beneficiario de devolver as cantidades percibidas.

3. Se da correspondente comprobación derivase que a entidade beneficiaria percibiu recursos económicos superiores ao 100% do orzamento que require a actividade subvencionada, procederá ao reintegro á comunidade autónoma do exceso obtido e dos xuros de demora correspondentes, segundo dispón o artigo 33.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En virtude do estipulado no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o dereito da Administración para o recoñecemento ou liquidación do reintegro prescribirá aos catro anos. O cómputo dese prazo e as súas causas de interrupción rexeranse polo previsto nos puntos 2º e 3º do dito artigo 35.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas nas lexislacións do Consello de Contas e Tribunal de Contas.

2. Os beneficiarios e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou a xustificación estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como polos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, que para esta finalidade terán as facultades que lle outorga o artigo 46.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto nos artigos 59 a 61 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Publicidade.

As subvencións concedidas ao abeiro desta orde serán obxecto de publicación na forma e prazos establecidos polos artigos 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e nas condicións que determina o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase na titular Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o exercicio das competencias necesarias para resolver a concesión ou denegación das subvencións solicitadas ao abeiro desta orde, así como autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer á titular da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos que procedan.

Segunda.-Sen prexuízo do previsto polo artigo 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aplicarase o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 en materia de xustificación das entidades solicitantes de estaren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias de carácter estatal e autonómico ou coa Seguridade Social, así como de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Terceira.-Se como consecuencia das resolucións de concesión das subvencións previstas nesta orde se esgotase o crédito orzamentario destinado ao seu financiamento, as solicitudes non atendidas, se cumpren os requisitos establecidos para tales efectos, incorporaranse á primeira resolución de concesión da convocatoria seguinte.

En todo caso, observarase o disposto nos puntos 2º e 4º do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en materia de esgotamento ou incremento dos créditos destinados ao financiamento das subvencións reguladas por medio desta orde.

Cuarta.-A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias que considere necesarias, logo de analizado o ritmo de execución dos traballos subvencionados. Os referidos reaxustes non poderán variar o importe total da subvención concedida, o seu réxime xurídico ou mesmo modificar, no seu conxunto, as porcentaxes que sobre o investimento plurianual establece o artigo 58.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo o establece o artigo 27.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De tales actos darase traslado ao concello afectado.

Quinta.-Co obxecto facilitar que os concellos solicitantes formalicen adecuadamente a súa solicitude, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas serán publicados tanto os anexos a esta orde como os datos obxectivos correspondentes aos OBES.

Disposicións transitorias

Primeira -As corporacións locais beneficiarias de subvencións concedidas para a redacción do planeamento urbanístico ao abeiro de ordes de anos anteriores ao 2007 poderanse acoller aos beneficios desta orde sempre que xunten á correspondente solicitude o acordo do órgano municipal competente en que se recolla expresamente a súa renuncia ás cantidades pendentes de libramento da axuda vixente no momento da nova petición. Neste caso, a resolución de concesión da nova axuda ou subvención determinará as deducións que, en función dos libramentos anteriores, proceda aplicar en cada caso.

Segunda.- Así mesmo, poderán acollerse tamén aos beneficios desta orde aqueles concellos que fosen sido beneficiarios dunha subvención ao abeiro das ordes de 20 de abril e 28 de decembro de 2007, polas que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico nos anos 2007 e 2008 que acrediten que se produciron alteracións nos parámetros dos criterios a que se fai referencia no parágrafo primeiro da alínea a) do artigo 12.2º das citadas ordes. Para este suposto será de aplicación o procedemento establecido na disposición transitoria primeira desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ditar no ámbito das súas competencias as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "04700D002P016.PDF"