DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 09 de marzo de 2010 Páx. 3.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2010 pola que se convoca un curso de intervención policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de intervención policial, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: intervención policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

-Ampliación de coñecementos sobre as últimas técnicas de intervención e actuación diante das distintas situacións problemáticas que se poidan producir no traballo e na función policial.

Contido.

Curso fundamentalmente práctico.

-Módulo I: Técnicas básicas de intervención policial ante distintas situacións.

- Módulo II: Prácticas de técnicas operativas de intervención policial.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local de Galicia e da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas ofertadas.

25 prazas; das cales 5 se reservarán para membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de que non se cubran, estas completaranse co persoal dos corpos de policía local de Galicia.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 5 de abril de 2010.

Para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, e non serán admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade de que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 9 de abril de 2010 a Academia Galega de Seguridade publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG nº 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario:

Día 19 de abril: das 16.00 ás 21.00 horas.

Días 20 e 21 de abril: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 19 de abril de 2010.

Data de remate: 21 de abril de 2010.

Certificado de asistencia.

Ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

Vestiario, equipo e material.

Dado o carácter práctico do curso, a asistencia será con roupa deportiva e será necesario dispor de cinto, defensa e grillóns, agás a arma.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,375 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de marzo de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública