DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 09 de marzo de 2010 Páx. 3.064

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 3 de marzo de 2010 pola que se convocan para o ano 2010 as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros.

O Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español, recolle o conxunto de disposicións que desenvolven o programa de apoio do sector para a aplicación do novo marco normativo, co obxecto de contribuír á mellora da competitividade do sector vitivinícola español, dentro das que se encontran aspectos relativos á promoción nos mercados de terceiros países.

Esta medida persegue fomentar o coñecemento das características e calidades dos viños españois, co fin de contribuír á mellora da súa posición competitiva e a consolidación ou, de ser o caso, á apertura de novos mercados en terceiros países.

O citado Real decreto 244/2009 atribúe aos órganos competentes das comunidades autónomas onde se localice o domicilio social do solicitante, a instrución, a resolución e o pagamento das axudas.

Mediante a Orde do 13 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros, fixáronse as normas necesarias para establecer o procedemento de aplicación do mencionado real decreto no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das solicitudes presentadas por beneficiarios que teñan o seu domicilio social nela e poder facer efectivas as axudas dependendo das dispoñibilidades orzamentarias.

Unha vez aprobados polo Consello da Xunta de Galicia os orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2010, procede realizar a convocatoria destas axudas para o dito exercicio.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é convocar para o ano 2010 as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros, cuxas bases reguladoras foron aprobadas mediante a Orde do 13 de marzo de 2009 (DOG nº 53, do 17 de marzo).

Artigo 2º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2010, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros, sendo as súas bases reguladoras as contidas na Orde do 13 de marzo de 2009.

Para a convocatoria de 2010 serán atendibles os gastos realizados entre o 1 de agosto de 2010 e 31 de xullo de 2011.

Tamén se poderán solicitar programas plurianuais para realizar ata o 31 de xullo de 2013.

Artigo 3º.-Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 13 de marzo de 2009 (DOG nº 53, do 17 de marzo) pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas. Como anexos a esta orde inclúense o modelo de solicitude (anexo I) e a documentación complementaria que se deberá presentar xunto con ela (anexo II, VI e VII).

No caso de solicitantes que presentaran na convocatoria do ano 2009 programas para o período 2010-2011 poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións e do procedemento administrativo común, e terán que presentar documentos que xa se encontren en poder da Administración, para o que se ratificarán na solicitude presentando o anexo I-B. De non presentar o dito anexo I-B entenderase que o interesado renuncia ao programa para o dito período.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 31 de marzo de 2010.

Artigo 5º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas que deriven da aplicación de esta orde proceden do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

2. A súa dotación para o exercicio 2010 será de 1.000.000 euros. Para exercicios futuros, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.0, disporase de 250.000 euros para o exercicio 2011 e 250.000 euros para o exercicio 2012. Estas dotacións poderán verse incrementadas con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira. -Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "04600D005P008.PDF"

ANEXO IV

Lista de produtos que poden ser obxecto de accións

Artigo 6 da Orde do 13 de marzo de 2009

(DOG nº 53, do 17 de marzo)

1. Viño.

2. Viño de licor.

3. Viño espumoso.

4. Viño espumoso de calidade.

5. Viño espumoso aromático de calidade.

6. Viño de agulla.

7. Viño de agulla gasificado.

8. Viño de uvas pasificadas.

9. Viño de uvas sobremaduradas.

10. Viños procedentes da produción ecolóxica.

Ver referencia pdf "04600D005P008.PDF"

ANEVO V-B

Especificacións criterios de avaliación

1. Interese xeral do programa.

a) Importancia do programa para a situación do mercado ou as necesidades do sector.

b) Representatividade do propoñente: en función da importancia da empresa ou o colectivo na zona vitivinícola á que representa e, de ser o caso, noutras zonas.

2. Calidade e eficacia do programa.

a) Coherencia técnica e económica entre os obxectivos, as mensaxes, as accións e as canles de información.

b) Alcance e cobertura das accións do programa en termos de duración e grupos destinatarios (contactos previstos).

c) Presentación e calidade das mensaxes (creatividade) e a súa adaptación ao mercado de destino:valorarase a capacidade estimada da mensaxe para conseguir o efecto desexado no mercado de destino e tomando en consideración o obxectivo destino para o que están previstos.

d) Relación calidade/prezo: valorarase de 0 a 5 puntos en función da repercusión estimada polo propoñente en termos de impactos ou incremento previsible das súas vendas, en relación co custo da acción proposta.

e) Método para medir a repercusión.

3. Solvencia del propoñente.

a) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral: valorarase de 0 a 10 os anos de experiencia exportadora do propoñente, en proporción directa (0 puntos para quen non teña nada de experiencia exportadora, 5 puntos para quen leve exportando 5 anos e 10 puntos para quen leve exportando 10 anos ou máis).

b) Experiencia en programas de promoción exterior: valorarase de 0 a 10 os anos de experiencia en programas de promoción internacional do propoñente, tanto con recursos propios como con subvencións, en proporción directa: 0 puntos para quen non teña nada de experiencia en promoción exterior, 5 puntos para quen leve con programas 5 anos e 10 puntos para quen leve 10 años ou máis.

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do programa: valorarase de 0 a 10 puntos, en función de:

i) A existencia ou non e, de ser o caso, o tamaño e a experiencia do departamento de comercio exterior da entidade.

ii) A existencia ou non e, de ser o caso, o tamaño e a experiencia do departamento de márketing na entidade propoñente.

iii) Os medios dispoñibles no país de destino da promoción, xa sexan propios (recursos e experiencia) como alleos (experiencia e relación coa axencia contratada).

4. Capacidade de resposta comercial.

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino.

b) Porcentaxe de exportación sobre total de vendas: valorarase en función 1 a 2 da proporción (5% de exportación=10% de los puntos=0,5 puntos; 10 puntos para quen exporte 50% ou máis). Para programas colectivos calcularase a media de exportacións globais sobre total vendas dos integrantes do colectivo e valorarase conforme o mencionado anteriormente.

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos do propoñente: valoraranse os aspectos complementarios:

i) Valoración do volume para posible resposta: máis puntos a maior volume de comercialización.

ii) Valoración de diversidade de tipos de viño e zonas xeográficas en que está presente: maior puntuación a maior diversidade e abano de produtos (por dar maior posibilidade de resposta de comercial).

5. Interese para a comunidade autónoma.

a) Programas relativos a viños con denominación de orixe: valorarase con 10 puntos os programas que inclúan a promoción dos viños dalgunha das denominacións de orixe existentes en Galicia.

Ver referencia pdf "04600D005P008.PDF"