DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 04 de marzo de 2010 Páx. 2.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de febreiro de 2010 pola que se aproba o Plan global de inspección da Consellería de Sanidade para o ano 2010.

O Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, atribúe no seu artigo 4 á Secretaría Xeral a función de inspección, que se exercerá a través da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade deste plan é garantir e salvagardar a saúde e os dereitos da cidadanía nas prestacións sanitarias e naquelas outras materias que son competencia da Consellería de Sanidade, de acordo cos niveis de calidade establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia e na normativa vixente, mediante unha actuación coordinada e integral de todas as áreas de inspección.

Na elaboración do plan consideráronse as necesidades e propostas das distintas unidades que integran a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

As actuacións do plan organízanse seguindo a clasificación do Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, e canalízanse a nivel periférico a través das xefaturas de servizo de Inspección de Servizos Sanitarios e das xefaturas de servizo de Control de Riscos Ambientais, e realizaranse seguindo os programas e procedementos aprobados.

Dentro das actividades previstas no plan priorízanse tres actuacións: a verificación do bo funcionamento e a boa práctica da receita electrónica; o seguimento da publicidade sanitaria para comprobar que o contido da publicidade é acorde coas autorizacións sanitarias correspondentes, con responsables asistenciais que dispoñen da titulación académica ou da habilitación profesional que os capacite para levar a cabo a atención que se vaia prestar; e unha revisión integral das actuacións de incapacidade temporal (IT), con estandarización de procesos, elaboración de protocolos de actuación e revisión do procedemento así como avaliación, seguimento e control na poboación xeral e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Plan global de inspección para o ano 2010, que figura como anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2010.

María del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Plan global de inspección

1. Dereitos da cidadanía.

1.1. Avaliación da implantación e contidos da carta de dereitos e deberes dos usuarios nos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Coñecer e avaliar o grao de implantación da carta de dereitos e deberes dos usuarios nos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde, dentro das liñas estratéxicas da Inspección de Servizos Sanitarios aprobadas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

1.2. Avaliación da implantación do consentimento informado escrito e da súa calidade nos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Obxectivo e/ou acción:

Coñecer e avaliar o grao de implantación do consentimento informado nos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde, dentro das liñas estratéxicas da Inspección de Servizos Sanitarios aprobadas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

1.3. Atención de denuncias e reclamacións.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobación e corrección das posibles irregularidades en centros servizos, industrias e establecementos da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan obxecto dalgunha denuncia ou reclamación en materia sanitaria e de saúde pública (seguridade alimentaria, sanidade ambiental).

1.4. Avaliación do procedemento administrativo de responsabilidade patrimonial da administración por danos derivados da asistencia sanitaria.

Obxectivo e/ou acción:

Mellorar a xestión e instrución das responsabilidades patrimoniais no ámbito das funcións da inspección e revisar o procedemento. Analizar os riscos sanitarios identificados nos informes técnicos realizados.

1.5. Avaliación da adecuación do procedemento de xestión da lista de espera cirúrxica nos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Coñecer as desviacións nas listas de espera cirúrxicas en relación cos criterios estándares de calidade establecidos pola Consellería de Sanidade.

1.6. Avaliación da adecuación dos procedementos de xestión das lista de espera de consultas externas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Coñecer as desviacións nas listas de espera en consultas externas en relación cos criterios estándares de calidade establecidos pola Consellería de Sanidade.

2. Prestacións.

2.1. Prestación de saúde pública.

2.1.1. Actuacións en materia de sanidade ambiental

2.1.1.1. Avaliación dos produtos químicos.

Obxectivo e/ou acción:

Vixiar o cumprimento da normativa europea e estatal sobre produtos químicos.

2.1.1.2. Control de establecementos e servizos de biocidas rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as condicións establecidas nas normas reguladoras dos biocidas en canto a instalacións do establecemento, rexistro, fabricación, dispensación, etiquetaxe e fichas de datos de seguridade e en canto á realización dos servizos.

2.1.1.3. Control de piscinas de uso colectivo autorizadas.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as normas reguladoras en canto ás condicións hixiénico-sanitarias e control da auga do vaso.

2.1.1.4. Control das zonas de baño marítimas e continentais censadas.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as normas reguladoras en canto á calidade das augas.

2.1.1.5. Control dos abastecementos públicos de auga de consumo humano.

Obxectivo e/ou acción:

Vixiar a calidade sanitaria das augas de consumo humano e as condicións das instalacións de tratamento e verificar ou cumprimento do rexistro de datos no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC).

2.1.1.6. Control das instalacións con risco de propagación da lexionelose.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as condicións hixiénico-sanitarias das instalacións.

2.1.2. Actuacións en materia de seguridade alimentaria.

2.1.2.1. Control de industrias e establecementos que se atopen incluídas no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos nas categorías e actividades de fabricación, elaboración, transformación, envasado, almacenamento, e distribución de alimentos e produtos alimentarios.

Obxectivo e/ou acción:

Vixilancia das condicións hixiénico-sanitarias e estruturais das instalacións e das actividades, identificación e xestión dos riscos identificados e exame documental e comprobación da aplicación dos sistemas de autocontrol.

2.1.2.2. Auditorías de matadoiros, sás de despezamento e elaboración de produtos cárnicos, produtos da pesca e moluscos bivalvos vivos, leite cru e produtos lácteos, ovos e ovoprodutos.

Obxectivo e/ou acción:

Auditar e avaliar as prácticas de hixiene e os procedementos baseados no Sistema de Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APPCC).

2.1.2.3. Control de establecementos polo miúdo de alimentación, e de comidas preparadas non suxeitas a inscrición no Rexistro Sanitario de Alimentos.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar as condicións estruturais documentais e hixiénico-sanitarias dos establecementos e das súas actividades.

2.1.3. Outras actuacións de inspección relativas á prestación de saúde pública

2.1.3.1. Estudo de abrochos:

Obxectivo e/ou acción:

Colaboración cos órganos competentes na investigación do foco e na identificación da causa.

2.1.3.2. Seguimento de redes de alerta.

Obxectivo e/ou acción:

Tramitación e execución das alertas recibidas a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información tanto de produtos químicos coma alimentarios (SIRIPQ, SCIRI).

2.1.3.3. Plan especial do Xacobeo 2010 de especial seguimento das fontes, albergues e establecementos de restauración dos lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago.

Obxectivo e/ou acción:

Vixiar e comprobar que se cumpren as condicións hixiénico-sanitarias das instalacións e identificación e xestión dos riscos de modo que non se poña en perigo a vida e a saúde dos visitantes.

2.1.3.4. Control das entidades de formación.

Obxectivo e/ou acción:

Vixilancia dos cursos de capacitación.

2.2 Prestación de atención primaria.

2.2.1. Estudo e elaboración dun protocolo de auditoría de calidade da historia clínica.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar unha ferramenta que nos permita avaliar o grao de implantación, desenvolvemento e calidade da historia clínica.

2.3. Prestación de atención especializada.

2.3.1. Estudo e elaboración dun protocolo de auditoría de calidade da historia clínica.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar unha ferramenta que nos permita avaliar o grao de implantación, desenvolvemento e calidade da historia clínica.

2.3.2. Programa de inspección da prestación de servizos sociosanitarios a persoas con problemas derivados do consumo de drogas mediante convenios de cooperación/ colaboración con concellos e asociacións.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar o grao de cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios establecidos na normativa vixente para estes centros.

2.3.3. Programa de avaliación da diálise.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar a calidade da asistencia prestada e o grao de cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios establecidos na normativa vixente para estes centros.

2.4. Prestación de farmacia.

2.4.1. Control de calidade dos medicamentos no mercado.

Obxectivo e/ou acción:

Participar no estudo coordinado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

2.4.2. Control dos almacéns farmacéuticos:

Obxectivo e/ou acción:

Verificar ou cumprimento das normas de correcta distribución de medicamentos de uso humano.

2.4.3. Control dos laboratorios farmacéuticos.

Obxectivo e/ou acción:

Verificación do cumprimento das normas de correcta fabricación de medicamentos.

2.4.4. Inspección de oficinas de farmacia.

2.4.4.1. Actuación profesional/dispensación.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar a presenza e actuación profesional do persoal farmacéutico responsable.

2.4.4.2. Correcta identificación do persoal da oficina de farmacia.

Obxectivo e/ou acción:

Solicitude da tarxeta sanitaria individual na dispensación de medicamentos.

Correcta utilización das tarxetas identificativas dos farmacéuticos na dispensación electrónica.

Control da entrega dun recibo na dispensación dos medicamentos en que conste o nome do medicamento, o PVP e a achega do paciente.

2.4.4.3. Receitas electrónicas (e- receita).

Obxectivo e/ou acción:

Verificar o bo funcionamento e a boa práctica deste novo modelo de acordo ao recollido no Decreto 206/2008, do 28 de agosto, de receita electrónica e ao concerto para a prestación farmacéutica polas oficinas de farmacia.

2.5. Terapias respiratorias.

2.5.1. Estudo e avaliación da CPAP.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar a correcta utilización da CPAP para coñecer o nivel de adhesión ao tratamento.

2.6. Prestación ortoprotésica.

2.6.1. Estudo da correcta dispensación da prestación ortoprotésica.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar unha mostra de produtos dispensados e a súa adecuación ao establecido no catálogo de material ortoprotésico.

2.7. Transporte sanitario.

2.7.1. Estudo e avaliación da prescrición do transporte sanitario programado.

Obxectivo e/ou acción:

Establecer criterios homoxéneos en relación coa prescrición do transporte sanitario e a súa adecuación coa normativa vixente.

2.7.2. Inspección de oficio a vehículos de transporte sanitario.

Obxectivo e/ou acción:

Verificar o cumprimento dos requisitos exixidos para efectuar o transporte sanitario terrestre unha vez obtida a certificación técnico-sanitaria para realizalo.

3. Saúde laboral.

3.1. Elaboración dun proxecto de estandarización de duración media en procesos de incapacidade temporal (IT) por patoloxías, en función das variables independentes máis significativas.

Obxectivo e/ou acción:

Unha vez teñan sido consensuados da forma máis ampla posible e coas institucións con competencia na materia, facilitarlles aos facultativos de atención primaria o seguimento de pacientes en situación de IT.

3.2. Elaboración de protocolos de actuación para o seguimento da IT.

Obxectivo e/ou acción:

Homoxeneizar as actuacións dos distintos axentes que participan na xestión da IT.

3.3. Elaboración de procedementos específicos de control dos procesos de incapacidade temporal IT derivados das patoloxías que están a xerar o maior índice de absentismo.

Obxectivo e/ou acción:

Identificar as patoloxías que pola súa duración ou prevalencia ocasionen procesos de IT.

Reducir os días de IT derivados destes procesos.

3.4. Avaliación, seguimento e control da IT na poboación xeral.

Obxectivo e/ou acción:

Adecuar o uso da prestación por IT na poboación mediante a mellora da xestión e control dos procesos de incapacidade.

Manter os programas e a coordinación cos organismos competentes na materia.

3.5. Avaliación, seguimento e control da IT en centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Manter a adecuación dos indicadores de IT do persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.

3.6. Valoración das propostas de invalidez repostas en IT.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar a calidade das propostas de invalidez tramitadas nas unidades de saúde laboral.

4. Avaliación doutros establecementos e instalacións.

4.1. Control de centros de bronceado artificial.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as condicións establecidas nas normas reguladoras destes centros e das súas actividades, en canto ás condicións hixénico-sanitarias e dos produtos químicos utilizados.

4.2. Control de actividades de tatuaxe, micropigmentación e piercing.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as condicións establecidas nas normas reguladoras destes centros e das súas actividades, en canto ás condicións hixénico-sanitarias e dos produtos químicos utilizados.

4.3. Seguimento e control de tanatorios, velorios, crematorios, empresas funerarias e cemiterios.

Obxectivo e/ou acción:

Comprobar que se cumpren as normas reguladoras en canto ás condicións hixiénico-sanitarias das instalacións.

4.4. Control dos establecementos afectados pola normativa antitabaco.

Obxectivo e/ou acción:

Verificar o cumprimento da normativa vixente.

5. Actuacións disciplinarias e sancionadoras.

5.1. Elaboración dunha instrución sobre as actuacións disciplinarias do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar unha instrución sobre as actuacións disciplinarias do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde, de acordo co Estatuto marco.

5.2. Rexistro de actuacións disciplinarias no Servizo Galego de Saúde.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar un rexistro das actuacións disciplinarias do persoal facultativo dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.

5.3. Procedementos sancionadores en establecementos farmacéuticos.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar un rexistro das actuacións sancionadoras aos establecementos farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Revisar o procedemento de instrución.

6. Autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

6.1. Control da publicidade sanitaria.

Obxectivo e/ou acción:

Dar resposta ao 100% das denuncias de publicidade sanitaria. Constatar que a publicidade sanitaria se axusta ao disposto na normativa legal vixente. Comprobar que os centros, servizos e establecementos sanitarios que se publicitan están incluídos no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios e que o contido da publicidade é acorde coas autorizacións sanitarias correspondentes, que os responsables asistenciais dos centros posúen a titulación académica ou a habilitación profesional que os capacite para levar a cabo a atención que se vai prestar.

6.2. Elaboración dun novo decreto de autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

Obxectivo e/ou acción:

Elaborar un decreto de centros, servizos e establecementos sanitarios, simplificando e axilizando o procedemento administrativo de acordo coas modificacións da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establecidas pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, que modifica diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

7. Xestión da calidade.

7.1. Calidade nas inspeccións.

Obxectivo e/ou acción:

Avaliar a calidade da actividade inspectora mediante a realización de auditorías internas.

7.2. Sentar as bases para a elaboración dun novo decreto de ordenación de funcións da Inspección de Servizos Sanitarios.

Obxectivo e/ou acción:

Actualizar a normativa mediante a actualización nun novo decreto das funcións da Inspección de Servizos Sanitarios, de acordo coas novas orientacións e estratexias.