DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 04 de marzo de 2010 Páx. 2.883

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 15 de febreiro de 2010 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) relativa á adaptación do volume das edificacións de uso público ou colectivo en solo de núcleo rural ás previsións ao respecto establecidas no artigo 29 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Concello de Salvaterra de Miño remite o proxecto de modificación puntual referido, en solicitude de aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

I. Antecedentes.

I.1. As normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Salvaterra de Miño foron aprobadas definitivamente o 12 de xullo de 1993.

I.2. No expediente consta informe do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sobre a inviabilidade para o novo centro de día, por mor das condicións urbanísticas establecidas ao respecto nesas normas subsidiarias municipais.

I.3. O informe previo á aprobación inicial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes é do 30 de xullo de 2008.

I.4. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emitiu Decisión do 2 de decembro de 2008 pola que se resolve que non é necesario someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

I.5. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 28 de abril de 2009. Sometida a información pública durante un mes mediante publicación no DOG do 22 de maio de 2009 e anuncios nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo o 15 de maio; e dada audiencia aos municipios limítrofes de Tui, Salceda de Caselas, A Cañiza, Ponteareas, Mondariz e As Neves, no informe da secretaría municipal certifícase que non houbo alegacións.

I.6. No expediente constan os seguintes informes:

Previamente á aprobación inicial: da arquitecta asesora do concello e redactora do proxecto, do 1 de abril de 2009; da secretaría, do 3 de abril de 2009.

Previamente á aprobación provisional: da secretaría, do 30 de xullo de 2009.

I.7. A modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Salvaterra de Miño foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 16 de novembro de 2009.

1.8. O proxecto de modificación puntual está integrado por memoria xustificativa e nova redacción das epígrafes 6.3.2.1. e 6.3.2.2., de abril de 2008, redactada pola arquitecta asesora do concello.

II. Descrición e valoración.

Nesta mesma data, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo eleva proposta do teor literal seguinte:

II.1. A modificación, promovida polo Concello de Salvaterra de Miño, ten por obxecto axustar as condicións establecidas nas epígrafes 6.3.2.1 e 6.3.2.2 das súas normas subsidiarias municipais relativas ao volume permitido para edificacións nos núcleos rurais (nos dous tipos, tanto o existente consolidado como o de baixa densidade), que fixan ese volume nun máximo de 1.000 metros cúbicos.

II.2. A nova redacción establece como excepción que as edificacións de uso público ou colectivo dedicadas a usos docentes, administrativos, socioculturais ou sanitarios poidan superar o, con suxeición estrita ao cumprimento de determinadas condicións encamiñadas á súa integración no medio, nos termos establecidos ao respecto no artigo 29 da LOUG.

II.3. A variación das condicións de volume para permitir usos non residenciais de carácter dotacional pode considerarse como unha das razóns incluídas no artigo 94.1º da LOUG para fundamentar o interese público.

II.4. A nova redacción dos epígrafes 6.3.2.1. e 6.3.2.2. da normativa axústase en xeral ao réxime establecido ao respecto na LOUG para o solo de núcleo rural, e debe recoller a totalidade das condicións que determina o último parágrafo do artigo 29.1º c) da LOUG, en canto á obriga de adopción das medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 5º a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

resolvo:

Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), relativa á adaptación do volume das edificacións de uso público ou colectivo en solo de núcleo rural ás previsións ao respecto establecidas no artigo 29 da LOUG.

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas