DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 01 de marzo de 2010 Páx. 2.677

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

INSTRUCIÓN 3/2010, do 19 de febreiro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se establece o criterio para o cálculo da ocupación nos locais de pública concorrencia para os efectos de definir as subministracións complementarias ou de seguridade.

A ITC-BT-28 do Real decreto 842/2002, do 2 agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT), que regula as instalacións en locais de pública concorrencia, establece un método xeral para o cálculo da ocupación prevista nos locais de pública concorrencia, en relación coas necesidades de subministracións complementarias ou de seguridade, a razón de 1 persoa por cada 0,8 m2 de superficie útil, coa excepción dos corredores, repartidores, vestíbulos e servizos.

Posteriormente, normativa de seguridade completou e especificou en maior grao os elementos indispensables de seguridade das instalacións. Entre elas, destaca pola súa relevancia global o Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código técnico da edificación. O dito real decreto indica de forma máis detallada que o REBT os valores da densidade de ocupación en función dos usos, en especial nos documentos básicos SI (seguridade no caso de incendio) e SU (seguridade de utilización). Así mesmo, a disposición derrogatoria única do Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, establece que quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste real decreto.

Por outra banda, a Guía técnica de aplicación do REBT do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio recomenda o uso dos valores sinalados no Real decreto 314/2006 para o cálculo da ocupación.

Por todo iso, coa finalidade de actualizar e unificar as actuacións dos departamentos territoriais, e oídas as propostas da Comisión de Normalización de Procedementos de Seguridade Industrial, e unicamente para os efectos de definir os locais que deben dispoñer de subministracións complementarias ou de seguridade segundo o punto 2.3 da ITC-BT-28 do REBT, dítase esta instrución.

1. Criterio xeral para o cálculo da ocupación.

Para os efectos de definir os locais que deben dispoñer de subministracións complementarias ou de seguridade segundo o punto 2.3 da ITC-BT-28 do REBT, a ocupación prevista nos locais de pública concorrencia será a que figure no proxecto técnico correspondente, que deberá quedar identificado. O dito valor deberase calcular de acordo co Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, en especial co indicado nos documentos básicos SI (seguridade en caso de incendio) e SU (seguridade de utilización).

Esta instrución non é de aplicación para os efectos de definir as instalacións que precisan a elaboración de proxecto.

O que se comunica para o seu coñecemento e para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas