DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 01 de marzo de 2010 Páx. 2.667

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se aproba o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

A Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, establece no seu artigo primeiro que a Dirección Xeral da Xunta de Galicia, con competencias en materia de transportes, debe elaborar e aprobar, en desenvolvemento das bases previstas na citada lei, un plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral por estrada de Galicia (Plan de modernización, no sucesivo), que recollerá a estratexia e os obxectivos que se cumprirán neste ámbito co fin de acadar a modernización deste sector económico e o seu adecuado posicionamento no marco comparado ante a nova situación que as modificacións normativas na materia van introducir.

En desenvolvemento do referido mandato legal, a Dirección Xeral de Mobilidade ten elaborado o referido plan de modernización, con audiencia do Comité Galego de Transporte por Estrada, logo do que procede a súa aprobación co fin de que polos concesionarios de servizos públicos de transporte por estrada de uso xeral se valore a súa aceptación voluntaria e, de ser o caso, se comunique á Administración a renuncia de dita aplicación, nos prazos e condicións establecidos na referida lei e nesta resolución.

Polo exposto,

ACORDO:

Primeiro.-Apróbase o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral por estrada de Galicia, que figura como anexo I a esta resolución.

Segundo.-O Plan de modernización será de aplicación aos actuais concesionarios de servizos públicos regulares permanentes de transporte interurbano de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 ou 3 do artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, de forma directa e inmediata logo desta aprobación.

En todo caso, as empresas concesionarias de servizos que non desexen voluntariamente incorporar o Plan de modernización ás concesións, deberán comunicárllelo expresamente a esta Dirección Xeral de Mobilidade no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ao da aprobación e publicación desta resolución, suposto no que esta Dirección Xeral de Mobilidade ditará resolución aceptando a renuncia con efectos desde o mesmo momento de entrada en vigor da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, nos termos e cos efectos nela establecidos. No suposto de non efectuar a dita comunicación en prazo e forma, estimarase para todos os efectos aceptado pola empresa concesionaria tanto a incorporación deste plan de modernización á correspondente concesión, como a plena aplicabilidade a esta da totalidade das condicións previstas na Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector

de transporte público de Galicia, en desenvolvemento da que se aproba este plan.

Para os efectos do previsto no punto anterior, a comunicación referida que efectúen os concesionarios dos servizos públicos deberá ser presentada directamente no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade, sito en praza de Europa, 5 A-2º, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, dirixidas á Dirección Xeral de Mobilidade dentro do prazo sinalado, ou enviarase por correo dentro do prazo de referido, xustificando a data de imposición do envío anunciándoo a esta Dirección Xeral mediante fax, télex, burofax, telegrama, no mesmo día e nun só envío.

Conseguintemente, os concesionarios que voluntariamente opten pola aplicación do plan de modernización, nos termos legalmente establecidos, incorporarán o seu contido de xeito directo aos seus títulos contractuais dos que, para todos os efectos, pasarán a formar parte.

Igualmente, a aceptación voluntaria polas empresas deste plan supón a do conxunto de condicións previstas na Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, da que trae causa, e entre elas que no suposto de resultar imposta por normativa de rango superior ou por decisión de órganos xurisdicionais, unha resolución previa da concesión, os períodos temporais de ampliación dos prazos de prestación de servizos que resulten de aplicación desta lei non serán tidos en consideración, en ningún caso, para os efectos de eventuais indemnizacións; dos indicados períodos tampouco se xerará dereito ningún a indemnización no suposto de rescate anticipado dos servizos pola Administración.

Terceiro.-Consonte o legalmente establecido, e coas previsións das bases que este plan vén desenvolver e concretar, no deseño deste plan de modernización diferéncianse tres grupos de concesións atendendo aos seus niveis de explotación no ano 2008; no punto C desta resolución incorpórase a distribución das distintas concesións nos anteriores grupos así como a data de extinción que lle correspondería a cada unha dela por aplicación da Lei 5/2009, de conformidade e nos termos da propia lei.

Cuarto.-No prazo de 6 meses contados desde a data de entrada en vigor da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, os concesionarios deberán presentar á Administración un programa de implantación das actuacións que lle correspondan atendendo ao grupo no que se insira cada concesión consonte os datos de explotación achegados polos concesionarios á Administración, referentes ao ano 2008, e plenamente adaptado ao Plan de modernización que por esta resolución se aproba.

Este documento, que se adaptará necesariamente ao modelo uniforme incorporado como anexo II desta resolución, concretará e desenvolverá tanto a metodoloxía como as fases temporais previstas para a implantación das singulares actuacións en cada empresa.

A non presentación en prazo, ou a súa presentación incompleta ou sen cumprir os requirimentos establecidos, será considerado como incumprimento das condicións esenciais da concesión, debendo a Administración incoar os correspondentes expedientes de infracción e sanción ata que se acade aquela presentación, sen prexuízo das demais consecuencias previstas tanto na lei como neste plan.

Quinto.-O incumprimento por parte do concesionario de obrigas, termos ou condicións establecidas no Plan de modernización será constitutivo dunha infracción tipificada consonte o artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, como infracción moi grave da normativa reguladora do transporte terrestre, das previstas polo artigo 140.15º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, polo que dará lugar ás sanción que esta lei establece para dita infracción, incluída, se é o caso, a caducidade da concesión.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2010.

Miguel Rodríguez Bugarín

Director xeral de Mobilidade

ANEXO I

Plan de modernizacion das concesións de transporte publico regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia

A. Introdución e obxectivos.

O Plan de modernización das concesións de transporte público permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia configúrase para a Administración como unha vía para adiantar a implantación das actuacións máis urxentes e necesarias na rede de transporte da comunidade autónoma, e acadar deste modo a modernización deste sector económico e o seu adecuado posicionamento no ámbito comparado ante a nova situación que xerarán as modificacións normativas na materia, logo da súa aceptación por parte das empresas concesionarias dos servizos públicos e a súa conseguinte incorporación aos marcos contractuais que teñen coa Administración, todo isto no marco da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia.

No termo máximo de seis meses desde a data de entrada en vigor da Lei 5/2009, os concesionarios que teñan aceptado e incorporado á concesión o Plan de modernización, deberán presentar á Administración un programa de implantación das actuacións previstas neste Plan de modernización, adaptado plenamente a el, e elaborado de conformidade co modelo uniforme aprobado pola Administración, e no que se concreten e desenvolvan tanto a metodoloxía como as fases temporais previstas para a implantación das singulares actuacións en cada empresa; a non presentación en prazo, ou a súa presentación incompleta ou sen cumprir os requirimentos establecidos, será considerado como incumprimento das condicións esenciais da concesión, debendo a Administración incoar os correspondentes expedientes de infracción e sanción ata que se acade aquela presentación, sen prexuízo das demais consecuencias previstas tanto na lei como neste plan; para tal efecto, esta actuación será constitutiva da infracción

tipificada no artigo 140.15 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, dando lugar ás sancións que esta lei establece para a dita infracción, incluída, se é o caso, a caducidade da concesión.

A implementación destas actuacións permitirá posicionar ao sector económico en condicións adecuadas co fin de afrontar os retos que os novos escenarios normativos na materia lle abren. E o dito posicionamento acadarase incorporando melloras sensibles nos servizos que estas empresas prestan, nun momento económico especialmente complexo, polo que as previsións de estabilidade se converten en peza básica para a súa amortización.

Con carácter xeral todas as propostas de innovación tecnolóxica das empresas operadoras, de acordo co contido deste plan, deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Mobilidade previamente á súa implantación, polo que a súa incorporación sen a dita aprobación, a modificación das súas condicións ou a omisión da presentación en prazo e condicións á Administración da documentación ou elementos adecuados ou necesarios para a validación das solucións propostas, suporá o incumprimento do propio plan de modernización. Será obrigatoria para as empresas a presentación á Administración de calquera documentación ou elementos materiais convenientes para a validación das propostas tecnolóxicas propostas, así como facilitar a súa verificación de conformidade nos lugares onde se instalen, sexa isto a bordo dos autobuses, nos locais das empresas ou noutros lugares.

En todo caso, e en calquera momento, a Administración poderá exixir a inmediata implantación daquelas medidas que resulten necesarias para a posta en operativa dos plans de transporte metropolitano de Galicia, ou de plans de información aos usuarios, de acordo coas especificacións ou protocolos que a propia Administración determine.

B. Actuacións do Plan de modernización.

1. Medidas tecnolóxicas e de explotación.

i) Sistema de Axuda á Explotación.

a. No prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde entrada en vigor da Lei de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, implantar un Sistema de Axuda á Explotación (SAE) en toda a flota adscrita á concesión, que permita, entre outras funcións inherentes a estes sistemas, a localización e identificación en tempo real dos autobuses, de acordo ás especificacións que fixará a Administración.

b. Para o efecto, a empresa poderá optar na programación de execución do programa de modernización, entre:

1. Dotarse dun Centro de Control Local e Xestión da explotación, que deberá comprender todos os sistemas, hardware e software que garantan:

-O seu funcionamento permanente (24 horas/7 días á semana/365 días ao ano).

-O almacenamento e control dos datos de explotación de acordo coas especificacións que determine a Administración.

-A transmisión e recepción dos datos entre o Centro de Control Local e o futuro Centro Operativo da Mobilidade de Galicia, Comga, de acordo cos protocolos que a Administración determine.

-As aplicacións para o tratamento dos datos derivados da explotación na súa máis ampla acepción que lle permitan verificar á Administración o seu cumprimento.

-As bases de datos cuxos modelos sexan compatibles coas ferramentas informáticas de control da explotación.

Neste caso, todos os vehículos serán dotados pola empresa dos sistemas de comunicacións de voz e datos de tecnoloxía inalámbrica (Wi-fi GSM/GPRS; UMTS ...), de acordo cos protocolos definidos pola Administración, que permitan a interconexión co Centro de Control Local e aqueloutros que a Administración determine, incluído, se é o caso, o futuro Centro Operativo da Mobilidade de Galicia, Comga, e os referidos custos serán asumido integramente pola empresa concesionaria.

2. Dotarse dos sistemas de conexión a bordo dos vehículos necesarios para a operativa do sistema, mantelos operativos de modo permanente (24 horas/7 días á semana/365 días ao ano), e conectados igualmente de modo permanente co futuro Centro Operativo da Mobilidade de Galicia, Comga, de acordo cos protocolos e criterios de deseño, operatividade e seguridade que a Administración estableza, asumindo a empresa o custo total do mantemento, conexión e transmisión de información entre os equipamento e o Comga.

Na obriga establecida neste punto inclúese a de asunción dos custos de adquisición e instalación dos equipamentos que deban ir a bordo dos vehículos e cumpran os requirimentos técnicos sinalados pola Administración; non obstante, no suposto de non existir no mercado sistemas homologados pola Xunta de Galicia que cumpran os ditos requirimentos cun custo unitario, sen IVE, por vehículo igual ou inferior a 3.000 euros, a Administración asumiría a diferenza entre este importe e o do sistema máis económico dos homologados que se ofrezan no mercado.

A achega que correspondería neste caso á Administración, e que se aboaría por unha soa vez, limitaríase, en todo caso, a un número de vehículos por concesión igual ao que teña establecidos como mínimos no correspondente título concesional, máis un dez por cento a maiores en concepto de suplementarios, redondeándose as fraccións neste caso á unidade superior máis próxima, e isto sen prexuízo nin limitación da obriga de prestación da totalidade de servizos concesionais con vehículos dotados dos correspondentes equipamentos e debidamente conectados co Comga.

c. Sexa cal for o modelo polo que opte a empresa, deberá cumprir de xeito adecuado a totalidade dos requirimentos que en calquera momento estableza a Administración, tanto en canto a interconexión e integración cos seus propios sistemas, seguridade e contido da información e mantemento da comunicación.

d. A totalidade dos servizos de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada que a empresa titular da concesión desenvolva en Galicia deberán prestarse con vehículos provistos dos referidos medios técnicos e efectivamente conectados cos centros operativos que correspondan.

ii) Integración nos plans de transporte metropolitano e o novo sistema tarifario zonal.

O concesionario asume o compromiso de integrar a concesión respectiva nos plans de transporte metropolitano e no seu sistema de pagamentos, así como no novo sistema tarifario zonal de Galicia, consonte os criterios que estableza a Administración no marco do acordo asinado en marzo de 2009 entre a entón Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Comité Galego de Transportes por Estrada, referente ás materias necesarias para a implantación do novo sistema tarifario e o reforzamento da oferta de servizos.

A dita integración efectuarase respectando estritamente a programación que a Administración determine en cada momento e priorizará as concesións que teñan tráficos no ámbito xeográfico definido polas Áreas de Transporte Metropolitano de Galicia (ATM), podendo a Administración acordar a extensión do novo sistema de tarifas ao conxunto do sistema concesional da comunidade autónoma.

Inclúese nesta previsión a dotación a todos os autobuses que presten ou poidan prestar servizos concesionais, de máquinas canceladoras e expendedoras de billetes consonte coas especificacións que fixará a Administración, incluído, se é o caso, a súa integración cos sistema de pagamentos sen contactos e co SAE previsto neste plan de modernización; evidentemente, inclúese tamén a integración no sistema de compensacións establecido pola Administración, para o que se deberán subscribir aqueles acordos e contratos tanto coa Administración como con entidades financeiras ou outros organismos, que resulten precisos, asumindo as obrigas derivadas dos protocolos de operativa do sistema que estableza a Administración e, singularmente as de transmisión de información e seguridade do propio sistema.

Sen prexuízo da vinculación e aplicabilidade da previsión establecida nesta disposición, na medida das dispoñibilidades orzamentarias, a Administración poderá habilitar unha liña de axudas para aquelas concesións cuxas empresas prestatarias non tiveran sido beneficiarias das axudas no marco da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 6 de agosto de 2004, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 a concesión de subvencións ás empresas titulares de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada da competencia exclusiva da Xunta de Galicia, para a instalación de sistemas de cancelación e tratamento da información a bordo dos vehículos. En idénticos termos de vinculación directa e dispoñibilidades orzamentarias, respecto das concesións cuxas empresas si se acolleran á dita orde, a Administración poderá colaborar na mera adaptación dos sistemas que foron obxecto da anterior axuda para a súa

adaptación ao novo medio de pagamentos do transporte metropolitano sen contactos, sen estimar incluída, en ningún caso nesta simple adaptación a eventual substitución de máquinas ou sistemas que no marco daquela orde fosen adquiridas polas empresas concesionarias.

iii) Utilización de sistemas informáticos ou tecnolóxicos facilitados pola Administración.

No suposto de que a Administración acorde a substitución dos sistemas de cancelación e venda de billetes, os sistemas de conexión dos vehículos ao SAE, ou calquera outro dispositivo tecnolóxico embarcado nos propios vehículos, por dispositivos subministrados pola propia Administración, a empresa asume o compromiso expreso de efectuar pola súa conta a súa instalación, mantemento operativo, conexión e conservación, así como, se é o caso, a reposición dos elementos subministrados en caso de avaría.

2. Melloras na calidade do servizo.

a. As empresas operadoras comprométense a colaborar coa Xunta de Galicia na implantación daquelas actuacións que a dita Administración promova e que redunden nunha mellora na calidade dos servizos, con especial atención das referidas á información aos usuarios. Singularmente, e neste eido, contribuirán na difusión daquela información que a Administración destine aos usuarios, especialmente a referente a novidades nos servizos.

Para os efectos de acadar unha información adecuada, e unha uniformidade e estabilidade dos servizos, as empresas operadoras comprométense a que os cambios que lles resulte preciso introducir nos horarios ou calendarios dos servizos efectuaranse como máximo anualmente en dous momentos, con ocasión da entrada en vigor ben dos calendarios de verán e de inverno, ben de lectivos e non lectivos, agás causas especialmente xustificadas derivadas de novas necesidades fidedignamente xustificadas e acreditadas á Administración competente para a aprobación das correspondentes modificacións de horarios ou calendarios. Co fin de acadar unha adecuada harmonización de horarios e eficiencia na actividade administrativa, a Administración poderá establecer requirimentos de comunicación das modificacións de horarios e calendarios coa forma e a antelación que resulte necesaria para a súa revisión e validación no conxunto da comunidade autónoma coa necesaria antelación ao inicio dos períodos, procurando

que a dita planificación se axuste aos prazos previstos na LOTT e no ROTT; igualmente, poderá uniformizar para o conxunto de concesións de Galicia, ou de determinadas áreas xeográficas, os períodos temporais abranguidos polos calendarios de verán e inverno.

b. Ademais do anterior, de acordo coas estratexias que determinará a Xunta de Galicia en materia de Mobilidade e Transportes para todos os modos de transporte da comunidade autónoma, as empresas operadoras de transporte por autobús deberán cumprir uns requisitos mínimos de calidade en relación cos seus servizos que se relacionan neste punto para as categorías de servizos que nel se indican.

Os plans de calidade deberán cumprir os requirimentos mínimos que, para cada unha das categorías, estableza en calquera momento esta Dirección Xeral de Mobilidade; igualmente, en todos os supostos, as empresas deberán manter vixente a certificación de calidade requirida durante o resto de período de vixencia da concesión.

A Dirección Xeral de Mobilidade poderá, por instancia da empresa, substituír o sistema inicialmente implantado nunha empresa por outro que supoña unha evolución e mellora daquel.

Atendendo ao volume de explotación no ano de referencia, establécense as seguintes categorías:

i) Concesións do grupo III: implantarán un Plan de calidade baseado na norma UNE-EN 13816 (2003) (definición de calidade de servizos, obxectivos e medicións en transporte público de pasaxeiros).

No prazo máximo tres (3) anos desde a entrada en vigor da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, as empresas concesionarias deberán acreditar a tenencia da certificación UNE EN 13816/2003, outorgada por unha entidade certificadora acreditada por un organismo membro da IAF (Forum Internacional da Acreditación) para certificar, como mínimo, sistemas de xestión da calidade no sector de transporte, ou unha entidade certificadora equivalente, suficientemente acreditada, logo de xustificación desta equivalencia e a súa validación pola Dirección Xeral de Mobilidade.

O certificado terá que incluír, cando menos, os servizos realizados ao abeiro do título concesional e terá que deixar constancia do cumprimento dos indicadores de referencia. A Administración poderá aprobar un documento comprensivo das características básicas para a certificación dos servizos de transporte público interurbano de viaxeiros de Galicia, que será vinculante para a obtención desta certificación; nestas normas básicas definiranse, igualmente, os requirimentos de auditoría periódica e de información que se deberán achegar á propia Administración.

ii) Concesións dos grupos I e II: implantarán un Plan de calidade, preferiblemente baseado na norma UNE-EN 13816 (2003) (definición de calidade de servizos, obxectivos e medicións en transporte público de pasaxeiros), nos mesmos termos aos previstos na letra anterior; non obstante, poderán propor á Administración outros plans alternativos, ou mesmo o seu acollemento á implantación dun protocolo de actuación que, sen requirir a referida certificación, garanta unha mellora e uniformización da calidade percibida polo usuario.

Os protocolos que se establezan deberán ser implantados, como máximo, no prazo de tres (3) anos desde a publicación ou comunicación pola Administración dun documento comprensivo das características básicas para a elaboración e implantación destes protocolos de actuación. Neste mesmo documento establecerase o procedemento e requirimentos de supervisión pola Administración, así como de auditoría periódica e de información que se deberá achegar á propia Administración.

3. Melloras na flota e no equipamento.

As empresas concesionarias deberán introducir nas súas flotas as seguintes melloras:

a) Reducir a idade máxima dos vehículos que presten servizos concesionais, no 30 % da antigüidade máxima establecida no correspondente título, co límite a antigüidade establecida para a realización de transporte escolar.

Aquelas concesións cuxo límite non estea establecido para a totalidade da flota nun mesmo valor, a idade máxima corresponderá ao límite de idade establecido para a realización de transporte escolar.

Os requirimentos establecidos nos puntos anteriores acadaranse de forma progresiva en dúas fases: a 1 de xaneiro de 2015 reducirase a antigüidade máxima do correspondente título nun 70% da redución prevista; o 1 de xaneiro de 2017 reducirase no 100% da redución prevista.

En todo caso, os vehículos que se adscriban por primeira vez a unha concesión a partir dos seis meses seguintes á entrada en vigor da lei, non poderán superar a dita antigüidade máxima; igualmente, excepto supostos excepcionais de substitución por causas de forza maior debidamente xustificadas, os vehículos que se adscriban como substitución de outros deberán ter unha antigüidade menor ou igual á de aqueles que se vaian substituír.

b) Redución da antigüidade media:

Reducir a antigüidade media máxima da flota aos seguintes límites máximos:

-Concesións do grupo I: once anos (11 anos);

-Concesións do grupo II: dez anos e medio (10,5 anos);

-Concesións do grupo III: dez anos (10 anos).

Este requirimento acadarase de xeito progresivo, diminuíndo a diferenza existente entre a antigüidade media da data de referencia (30 de novembro de 2009) e aquela que deben conseguir, consonte coas seguintes porcentaxes:

a. Antes do 31 de decembro de 2012, nun 20 por cento;

b. Antes do 31 de decembro de 2014, nun 35 por cento;

c. Antes do 31 de decembro de 2017, deberán ter acadado o obxectivo de dispor dunha flota coa antigüidade media máxima requirida, e mantela durante o resto do tempo de vixencia da concesión.

Cando aquel número total de vehículos adscritos á concesión co carácter de mínimos sexa igual ou inferior a dous (2), a antigüidade media máxima da flota exixida elevarase a catorce (14) anos, debendo implantala cos mesmos requirimentos temporais.

c) Garantir que a partir do 1 de xaneiro de 2011 sexa accesible para persoas con mobilidade reducida calquera vehículo que se adscriba por primeira vez a concesións de transporte público de persoas por estrada de uso xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

A partir do 1 de xaneiro de 2018 deberán ser plenamente accesibles para persoas con mobilidade reducida calquera vehículo que se pretenda adscribir a calquera concesión de transporte público de persoas por estrada de uso xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Administración non autorizará a adscrición de vehículos que non cumpran os requirimentos previstos nos puntos anteriores.

d) Adecuar antes do 31 de decembro de 2011, a sinalización dos vehículos (displays frontais, laterais, etc.) á normativa vixente en materia de accesibilidade.

e) Implantar á súa costa, cando a Administración llo requira e de acordo coa planificación que esta estableza, a imaxe corporativa que esta decida; sen prexuízo da posibilidade de establecer a súa implantación no ámbito das ATM de xeito inmediato, esta imaxe non se estenderá ao conxunto de concesións de transporte público antes do 31 de decembro de 2011. A partir desta data, a nova imaxe será implantada necesariamente en todos os vehículos que se adscriban por primeira vez a cada concesión.

A Dirección Xeral de Mobilidade poderá planificar a extensión da imaxe corporativa indicada ao resto de vehículos, establecendo, en tal caso, a oportuna vía de financiamento, co límite máximo previsto no acordo co Comité Galego de Transporte por Estrada formalizado en marzo de 2009, podendo igualmente a Administración limitar o importe da súa colaboración ao resultante da mellor oferta que para o efecto acade no mercado.

f) Prestar a totalidade dos servizos con vehículos adaptados aos requirimentos anteriormente mencionados.

4. Medidas socio-laborais.

4.1. Previsións para a formación e o acceso ao traballo en igualdade.

As empresas concesionarias clasificadas nos grupos II e III deberán presentar, e comprometerse a incrementar, no prazo de tres (3) anos desde a entrada en vigor da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia:

a) Plans de formación continua para os empregados, con especial énfase nos condutores.

b) Plans para a potenciación do emprego feminino.

c) Fomento de contratación de discapacitados, naqueles perfís profesionais máis axeitados para o efecto.

Para implantación destas actuacións as empresas poderán adherirse aos plans que desenvolvan as asociacións ou federacións de transportistas que sexan representativas do sector e que, para o efecto, estean integradas no Comité Galego de Transporte por Estrada.

4.2. Previsións para a estabilidade no traballo.

Os concesionarios deberán achegar á Dirección Xeral de Mobilidade, no prazo dun ano contado desde a entrada en vigor da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, a estrutura tipo con indicación numérica do número de empregados que tivesen adscritos para o desenvolvemento dos servizos da concesión no momento de entrada en vigor daquela lei, cos correspondentes perfís laborais e grao de dedicación.

A Dirección Xeral de Mobilidade poderá, en calquera momento, requirir das empresas a xustificación documental, así como documentación adicional, xustificativa da información trasladada; a dita información poderá referirse ao histórico da empresa a partir, cando menos, do momento de entrada en vigor da citada Lei 5/2009.

A dita relación de persoal será tida en conta para o suposto de sucesión de empresa, no momento de vencemento do título concesional.

5. Melloras e flexibilización da explotación.

a) Colaboración coa Administración na prestación de servizos complementarios.

Os concesionarios asumen o compromiso de colaborar coa Administración na prestación de servizos complementarios e, en concreto, de novos servizos de predominante interese municipal e de predominante interese metropolitano que se implantarán no marco dos Plans de Transporte Metropolitano, así como de novos servizos á demanda.

A Administración poderá actuar sobre a oferta, co fin de acadar un incremento no número de servizos que se presten, ou no tipo deles.

Para tal fin, os concesionarios asumen expresamente os criterios establecidos no Acordo asinado en marzo de 2009 entre a entón Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Comité Galego de Transportes por Estrada, referente ás materias necesarias para a implantación do novo sistema tarifario e o reforzamento da oferta de servizos. Os ditos criterios serán aplicables tanto no ámbito metropolitano como fóra del, e tanto respecto a incrementos promovidos pola Xunta de Galicia como a aqueles que o sexan por instancia dos concellos.

Igualmente, os concesionarios asumen o compromiso de colaborar coa Administración na prestación de servizos complementarios, mediante a utilización compartida de servizos de transporte escolar (TES+BUS).

O concesionario recoñece expresamente esta forma de mobilidade como adecuada para garantir unha mellora da oferta aos usuarios, e comprométese a admitir a dita forma de prestación naqueles servizos de transporte escolar que preste a súa propia empresa ou as empresas integradas no seu mesmo «grupo empresarial», salvo autorización expresa da administración para a súa exclusión baseada na coincidencia con servizos concesionais na mesma franxa horaria, ou nunha importante diferenza de prezos respecto da concesión, sen prexuízo de adoptar neste caso outras solucións respecto do prezo que vai pagar o usuario do servizo TES+BUS.

b) Colaboración coa Administración á hora de transferir os datos estatísticos e de explotación do servizo.

O concesionario deberá transferir os datos estatísticos e de explotación do servizo á Dirección Xeral de Mobilidade, mediante os procedementos informáticos e telemáticos que esta determine, así como establecer por petición daquela dirección xeral, a sinatura electrónica e a tramitación de modificacións e comunicacións concesionais de toda índole, tamén por vía telemática.

c) Colaboración na aplicación dos descontos legalmente establecidos por familia numerosa a cantas persoas usuarias acrediten a bordo dos vehículos tal condición.

Os concesionarios aplicarán os descontos legalmente establecidos por familia numerosa a cantas persoas usuarias acrediten a bordo dos vehículos tal condición.

d) Obrigatoriedade da asistencia ás persoas con discapacidade, para o acceso e abandono dos vehículos, conforme o que estableza a lexislación aplicable vixente en cada momento.

Será obrigatoria a asistencia, por persoal da empresa concesionaria, ás persoas con discapacidade, para o acceso e abandono dos vehículos, conforme coas obrigas que estableza a lexislación aplicable vixente en cada momento.

Ver referencia pdf "04000D001P007.PDF"

ANEXO II

Documento de programación de actuacións

(Obrigatorio cubrir todos os campos).

Datos da empresa:

Denominación social:

CIF ou NIF:

Domicilio social:

Datos do seu representante:

Nome e apelidos:

NIF:

Tlf.:

Fax:

Correo electrónico:

Domicilio para efectos de notificacións:

Enderezo electrónico:

Páxina web:

Documento (poder notarial, escritura pública ...) acreditativo da representación: .

Datos da concesión:

Código: V... ; XG....

Denominación:

Grupo de clasificación a efectos del Plan de modernización (punto C):

Grupo: ...

Declara, baixo a súa responsabilidade, que este programa se axusta plenamente ás previsións establecidas pola Resolución do 26 de febreiro de 2010, da dirección xeral de mobilidade, pola que se aproba o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

Igualmente, declara baixo a súa responsabilidade que este documento de programación de actuacións se presenta ao abeiro do previsto pola Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, cuxas previsións acepta de forma incondicionada.

Esta programación, mentres se adapta ao contido da referida lei, intégrase de forma plena no contido do propio título concesional, recoñecendo igualmente que no suposto de resultar imposta por normativa de rango superior ou por decisión de órganos xurisdicionais unha resolución previa da concesión, os períodos temporais de ampliación dos prazos de prestación de servizos que resulten de aplicación desta lei non serán tidos en consideración, en ningún caso, para os efectos de eventuais indemnizacións. Dos indicados períodos tampouco se xerará dereito ningún a indemnización no suposto de rescate anticipado dos servizos pola Administración.

Contido do programa:

1. Medidas tecnolóxicas e de explotación

A) Sistema de axuda á explotación.

Sistema polo que opta:

-Dotación dun Centro de Control Local e Xestión da Explotación completo.

-Dotación dun sistema de conexión a bordo dos vehículos e conexión directa co Comga (aplicable por defecto).

No caso de optar pola primeira opción, xustificación do sistema elixido, e descrición do proxecto que se vai implantar:

B) Integración nos plans de transporte metropolitano e o novo sistema tarifario zonal.

Esta integración efectuarase respectando estritamente a programación que a Administración determine en cada momento, e priorizará as concesións que teñan tráficos no ámbito xeográfico definido polas Áreas de Transporte Metropolitano de Galicia (ATM), a Administración poderá acordar a extensión do novo sistema de tarifas ao conxunto do sistema concesional da comunidade autónoma.

Indicación das necesidades tecnolóxicas da empresa co fin de dispor de máquinas canceladoras e expendedoras homologadas pola Dirección Xeral de Mobilidade e as entidades financeiras colaboradoras no Plan de Transporte Metropolitano para operar coa tarxeta metropolitana:

Programación de dotación do material necesario:

2. Melloras na calidade do servizo.

a) Concesións do grupo III: indicación do procedemento que se vai seguir e indicación de prazos co fin de dispor das certificacións no prazo previsto.

b) Concesións dos grupos I e II: plan ou norma de calidade alternativa proposta ou asunción dun plan baseado na norma UNE-EN 13816 (2003) (definición de calidade de servizos, obxectivos e medicións en transporte público de pasaxeiros); xustificación da opción escollida.

Programación dos traballos necesarios para a implantación do plan de calidade e obtención da certificación.

3. Melloras na frota e no equipamento.

Sen prexuízo do conxunto de obrigas asumidas consonte con este punto do Plan de modernización, o concesionario fará unha indicación expresa do procedemento que se vai seguir e das previsións temporais de vehículos que se van substituír e incorporar á concesión, respecto dos seguintes aspectos:

i) Concesións do grupo I:

Programa de adaptación da frota.

ii) Concesións do grupo II:

Programa de adaptación da frota.

iii) Concesións do grupo III:

Programa de adaptación da frota.

4. Medidas socio-laborais.

4.1. Previsións para a formación e o acceso ao traballo en igualdade.

Descrición sucinta de:

a) Plans de formación continua para os empregados, con especial énfase nos condutores.

b) Plans para a potenciación do emprego feminino.

c) Fomento de contratación de discapacitados, naqueles perfís profesionais máis axeitados ao efecto.

Se é o caso, intención de adherirse aos plans que desenvolvan as asociacións ou federacións de transportistas que sexan representativas do sector e que, para o efecto, estean integradas no Comité Galego de Transporte por Estrada, con remisión de memoria complementaria elaborada para o efecto pola correspondente asociación ou federación.

Indicación, se é o caso, de exención na presentación desta planificación:

4.2. Previsións para a estabilidade no traballo.

5. Melloras e flexibilización da explotación.

a) Colaboración coa Administración na prestación de servizos complementarios.

b) Colaboración coa Administración á hora de transferir os datos estatísticos e de explotación do servizo.

c) Colaboración na aplicación dos descontos legalmente establecidos por familia numerosa a cantas persoas usuarias acrediten a bordo dos vehículos tal condición.

d) Obrigatoriedade da asistencia ás persoas con discapacidade, para o acceso e abandono dos vehículos, conforme o que estableza a lexislación aplicable vixente en cada momento.

Asdo.: (nome, apelidos e rúbrica)

Ver referencia pdf "04000D001P007.PDF"