DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 24 de febreiro de 2010 Páx. 2.362

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Xustiza, de convocatoria de bolsas de traballo de médicos forenses interinos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

A Lei orgánica do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza poderán nomear funcionarios interinos por necesidades do servizo, cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación por funcionario de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen por disposición da comunidade autónoma.

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, funcións que foron asumidas mediante o Decreto 438/1996 da Xunta de Galicia e asignadas a esta consellería. Por medio do Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, ampliáronse as funcións, os servizos e os medios traspasados e asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola orde da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do 10 de maio de 2006 regúlase a selección e nomeamento de médicos forenses interinos (DOG nº 100, do 26 de maio). Consonte o previsto na dita normativa, cómpre convocar a formación das bolsas de traballo e de reserva de interinos para as sete subdireccións territoriais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Con base no anteriormente exposto, e en aplicación das funcións que lle corresponden a este centro directivo segundo o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

1. Convócase o proceso de formación de bolsas de traballo para desempeñar interinamente postos de médicos forenses nas sete subdireccións territoriais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

2. Esta convocatoria regúlase polo establecido na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos (DOG nº 100, do 26 de maio).

3. Nas distintas subdireccións territoriais do Imelga formarase cadansúa bolsa de traballo; cada bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha listaxe en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no punto 8 desta resolución. Seguindo a orde da lista, produciranse os nomeamentos como funcionarios interinos para desempeñar os postos de traballo. No caso de se esgotar a bolsa de traballo, chamarase os integrantes da cota de reserva.

4. Só se poderá estar incluído nunha bolsa de traballo; se é o caso, o interesado deberá optar por unha bolsa, de conformidade co previsto no artigo 10.3º da orde mencionada no punto 2 desta resolución.

5. O número de integrantes das bolsas de traballo e das cotas de reserva será como segue:

Ver referencia pdf "03700D001P006.PDF"

6. Reservarase o 5% dos postos de cada lista para persoas cun grao de minusvalidez recoñecido superior ao 33%, sempre que acrediten a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas propias dos funcionarios dos corpos mencionados no punto 1 desta resolución.

7. As bolsas de traballo terán unha vixencia de dous anos, agás que se esgote algunha das súas listaxes ou que, por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais, sexa necesario realizar unha nova convocatoria.

8. Os candidatos á inclusión nas bolsas de traballo deberán reunir, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, as condicións previstas no artigo 6 da orde de selección e nomeamento mencionada no punto 2 desta resolución. A valoración de méritos rexerase polo establecido no artigo 8 da devandita orde.

9. A solicitude para a inclusión será única para todas as bolsas de traballo e deberá presentarse no modelo que figura no anexo desta resolución no prazo dos quince días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Canda a solicitude para a inclusión nas bolsas de traballo deberanse presentar os seguintes documentos:

a) Documento nacional de identidade vixente.

b) Certificado de empadroamento ou residencia, cando non sexa coincidente co que figura no DNI.

c) Documento acreditativo de estar inscrito no servizo público competente como demandante de emprego ou para mellora de emprego.

d) Documentación académica acreditativa de estar en posesión da licenciatura en medicina. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase fornecer a documentación que acredite a súa homologación.

e) No caso de persoas con discapacidade presentarase un certificado acreditativo do grao de minusvalidez, así como unha certificación de compatibilidade para o desempeño das funcións do corpo de funcionarios a que se refira a solicitude, expedidos polo equipo de valoración de minusvalideces.

f) No caso de prestar con anterioridade servizos na Administración de xustiza como médico forense interino, farase constar na solicitude especificando o período de tempo. Só se terán en conta os períodos alegados na solicitude. Están exentos de presentar a certificación de servizos as persoas que teñan recoñecido pola Dirección Xeral de Xustiza ou órgano competente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o tempo de servizos de que se trate como médico forense interino para efectos de trienios. As demais persoas poderán acreditar estes servizos por medio da certificación do xefe do Servizo de Xustiza do departamento territorial da consellería na provincia en que prestasen o dito servizo con posterioridade a 1992. De se tratar de servizos como médico forense no ámbito territorial doutra comunidade autónoma ou no xestionado polo Ministerio de Xustiza, presentarase un certificado expedido polo xerente territorial ou polo órgano competente do departamento ou

consellería correspondente. De se tratar de servizos prestados como médico en institucións sanitarias públicas españolas, presentarase unha certificación expedida pola autoridade competente do departamento ou consellería de sanidade.

g) Se é o caso, certificación acreditativa da superación de exercicios na última, penúltima ou antepenúltima oposición para o acceso ao corpo nacional de médicos forenses.

h) Certificacións ou diplomas acreditativos do resto dos méritos alegados.

10. As solicitudes de inclusión nas bolsas de traballo dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e poderanse presentar en calquera dos rexistros administrativos da Xunta de Galicia.

Tamén se poderán presentar por calquera dos outros medios previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse por correo certificado, para o cal se presentarán nas oficinas de correos en sobre aberto co obxecto de seren datadas e seladas polo funcionario de correos antes de seren remitidas. Os solicitantes deberán remitir a solicitude que teña o selo da oficina de correos, sen que se poidan admitir as instancias que non cumpran este requisito pasado o prazo de presentación.

De conformidade co previsto no artigo 38.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a achega da documentación mencionada no punto 9 poderase realizar presentando os orixinais na oficina de rexistro xunto con cadansúa copia. A oficina de rexistro realizará o cotexo dos documentos e copias, comprobando a identidade dos seus contidos, devolveralle os orixinais ao solicitante e unirá as copias, unha vez dilixenciadas cun selo ou acreditación de compulsa, á solicitude para a súa remisión á Dirección Xeral de Xustiza.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2010.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

Ver referencia pdf "03700D001P006.PDF"