DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2010 Páx. 2.325

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 18/2010, do 4 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o estatuto do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC).

A nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida nos decretos 82/2009, do 21 de abril, e 325/2009, do 18 de xuño, aconsella adaptar a composición dos órganos colexiados das entidades que integran a Administración institucional da comunidade autónoma, de acordo coa nova distribución de competencias establecida para a Administración xeral. Ademais o artigo 7.2º do citado Decreto 325/2009 establece especificamente que a Consellería de Facenda en coordinación coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, aprobará os plans de actuacións do CIXTEC. Así mesmo, o CIXTEC levará a cabo as súas actuacións de acordo coas políticas e directrices tecnolóxicas xerais da Xunta de Galicia.

De acordo con este marco normativo, procede incorporar ao Consello de Dirección do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico Financeira e Contable (CIXTEC), unha representación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, órgano dependente da Presidencia da Xunta, facilitando así a colaboración directa entre o ente público, con competencias de apoio informático aos servizos da Consellería de Facenda, e o órgano da Xunta de Galicia con competencias transversais e xenéricas en materia de tecnoloxías da información. Con esta finalidade, modifícase o artigo 5.1º do Decreto 361/1998, do 4 de decembro, relativo á composición do Consello de Dirección do CIXTEC, incorporándolle un novo vogal.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o estatuto do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC).

Engádese ao artigo 5.1º, a continuación da alínea g), unha alínea h), coa seguinte redacción:

«h) A persoa titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda