DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2010 Páx. 2.324

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 17/2010, do 4 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

O Decreto 377/1991, do 19 de setembro, crea a sociedade pública Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, asumindo, en virtude do disposto no seu artigo 2 dos seus estatutos, o deseño, programación, coordinación e, se é o caso a realización das actividades relacionadas co Xacobeo que se executarán, se é o caso, en coordinación coas administracións públicas competentes.

Publicados o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, correspóndelle ao devandito departamento, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, a dirección e coordinación das actuacións da consellería, directamente ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, relacionadas coa posta en valor cultural e turística do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago, faise preciso modificar os estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, para o que, de conformidade co disposto no artigo 45.3º da Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma galega e no

artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, por proposta da conselleira de Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar o artigo 17 dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, aprobados polo Decreto 377/1991, do 19 de setembro:

«Modifícase a redacción do artigo 17, polo que este artigo queda redactado da seguinte forma:

Artigo 17.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración estará integrado por un mínimo de 5 e un máximo de 7 conselleiros, que serán nomeados pola Xunta Xeral.

2. Será presidente do Consello de Administración da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a persoa titular da consellería competente en materia de turismo.

3. O secretario do Consello de Administración será elixido polo Consello de Administración de entre os seus membros, por proposta do seu presidente, e, en defecto da súa asistencia, asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda