DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2010 Páx. 2.107

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de febreiro de 2010 pola que se aproba o Manual de normas de identidade visual corporativa institucional da Xunta de Galicia.

A importancia da comunicación e a transcendencia da imaxe, especialmente nas administracións públicas, así como a necesidade desta institución pública de reafirmar o seu carácter diferencial, unidas ambas a criterios de racionalización e redución do gasto público, fixeron conveniente aprobar o Decreto 409/2009, do 5 de novembro.

Mediante esta norma aprobouse o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, realizando un esforzo de estandarización, no marco dun programa de imaxe institucional que o que pretende é mellorar e unificar a proxección exterior da Xunta de Galicia, dada a especial transcendencia que reviste o feito de que a súa imaxe actúe como un elemento de cohesión, moderno e homoxéneo, facilmente recoñecible para os cidadáns e para o resto das institucións.

A disposición adicional única do Decreto 409/2009, do 5 de novembro, establece que o dito decreto se desenvolverá a través do Manual de normas de identidade visual corporativa institucional, que será aprobado mediante orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Neste contexto, coa finalidade de instrumentar o seu uso concreto, cómpre agora aprobar a orde mediante a que se aprobe o novo Manual de normas de identidade visual corporativa institucional.

Polo tanto, en exercicio das facultades conferidas ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na disposición derradeira segunda do Decreto 409/2009, do 5 de novembro, para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do dito decreto.

DISPOÑO:

Artigo unico.-Apróbase o Manual de normas de identidade visual corporativa institucional da Xunta de Galicia, mediante o cal se determina o uso concreto dos seus elementos básicos tanto nos documentos administrativos, como nas comunicacións de tipo xeral, nas publicacións e na publicidade institucional que estará dispoñible no enderezo da internet http://www.xunta.es/identidade-corporativa/.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 11 de xullo de 2003 pola que se desenvolve o Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza