DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2010 pola que se modifica a Resolución do 21 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2009 e ao abeiro do convenio subscrito entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) o día 18 de maio de 2009, co obxecto de ampliar o crédito para as axudas correspondentes a caldeiras de biomasa.

A resolución do director do Instituto Enerxético de Galicia do 21 de outubro de 2009 (DOG do 30 de outubro) establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2009 e ao abeiro do convenio subscrito entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) o día 18 de maio de 2009.

Dentro desta convocatoria, o tipo de instalacións para o que se presentaron un maior número de solicitudes foi o de caldeiras de biomasa, que se incrementou un 34% con respecto ao ano 2008.

Por esta razón, tendo en conta a importancia desta actuación dentro do campo das enerxías renovables polo seu gran potencial de desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia, e á vista do elevado número de solicitudes de subvencións presentadas, cómpre aumentar o apoio público a este tipo de iniciativas, polo que desde este ente público considérase que é necesario incrementar os fondos dedicados a este tipo de instalacións dentro desta convocatoria.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 329/2009, do 18 de xuño de 2009,

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíase en 65.000 euros a contía correspondente aos Fondos do Convenio IDAE-Inega para axudas a instalacións de caldeiras de biomasa, que sinala o artigo 2 da Resolución do 21 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2009 e ao abeiro do convenio subscrito entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Polo tanto, o importe total dedicado á liña de axudas de biomasa correspondentes aos Fondos do Convenio IDAE-Inega ascende a 243.273 euros, e o orzamento total para caldeiras de biomasa dentro da convocatoria pasa de 1.500.000 euros a 1.565.000 euros.

Disposición adicional

Única.-A ampliación do crédito prevista no artigo único desta resolución non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 21 de outubro de 2009.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2010.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia