DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2010 pola que se convoca un curso sobre medición de ruídos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre medición de ruídos, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: medición de ruídos.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

-Coñecer a normativa de aplicación á problemática dos ruídos na sociedade actual.

-Saber cal é a diversa casuística que pode presentarse no traballo da policía local e como se pode dar resposta axeitada a cada situación.

-Manexar os sistemas, aparellos e software de aplicación á medida e control dos niveis de ruído tanto en lugares pechados como nas vías públicas.

Contido.

-Actualización na normativa legal.

-Supostos prácticos.

-Coñecemento técnico e manexo práctico dos sonómetros.

-Elaboración e confección de informes.

-Coñecemento práctico de aplicacións específicas para a solución desta problemática.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas.

27 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 4 de marzo de 2010.

Para inscribirse os/as solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 9 de marzo de 2010 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de anticipación ao comezo desta. A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 15 de marzo de 2010.

Data de remate: 18 de marzo de 2010.

Certificado de asistencia.

Ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de febreiro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública