DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.059

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transporte interior e internacional de mercadorías e de transporte interior e internacional de viaxeiros.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu Regulamento aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, establecen que para o exercicio das actividades de transportista de viaxeiros e mercadorías por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, se deberá acreditar previamente o cumprimento do requisito de capacitación profesional.

A orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, de desenvolvemento do capítulo I do título II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, en materia de expedición de certificados de capacitación profesional, regula a forma e periodicidade mínima destas probas, cuxa convocatoria corresponde á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

A citada orde exixe que as probas se convoquen como mínimo unha vez ao ano. A resolución que agora se aproba non só atende esa periodicidade mínima, senón que incluso eleva o número de probas a dúas. Deste xeito, e tendo en conta o intervalo de tempo que se prevé entre elas (arredor de seis meses), multiplícanse as posibilidades dos aspirantes para preparar e acceder ás probas.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, e na orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, e de acordo coa autorización conferida pola orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de capacitación profesional para o exercicio das actividades de transporte interior e internacional de mercadorías e de transporte interior e internacional de viaxeiros, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Probas que se convocan.

1. Convócanse os procesos selectivos das probas de suficiencia para o recoñecemento da capacitación profesional para a actividade de transporte interior e internacional de mercadorías, e para a de transporte interior e internacional de viaxeiros, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:

-Primeira convocatoria: entre o 24 de abril e o 6 de xuño de 2010.

-Segunda convocatoria: entre o 23 de outubro e o 28 de novembro de 2010.

3. Os aspirantes que cumpran os requisitos para presentarse ás probas poderán efectualas en calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de capacitación profesional para a actividade de transporte interior e internacional de mercadorías e mais á de transporte interior e internacional de viaxeiros, ou só a unha delas.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para poder participar nas probas de capacitación será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para tales efectos, presumirase que a residencia habitual do aspirante se atopa no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

-Que o aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.

-Que o aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigado por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira.-Solicitudes.

1. As solicitudes para tomar parte nas probas deberán formularse no modelo normalizado que se recolle como anexo I desta resolución, podendo acceder a el, igualmente, no enderezo web http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/109 ou http://www.xunta.es/contidos-da-guia-do-cidadan.

2. Coa solicitude deberase presentar:

a) Fotocopia compulsada do DNI en vigor, achegando, se é o caso, xustificante acreditativo da solicitude de renovación.

b) Impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

c) Nos casos nos que, consonte coa base segunda desta resolución, o domicilio que apareza no DNI non estea emprazado en Galicia, deberá achegar a seguinte documentación, segundo corresponda:

-Certificado actualizado de empadroamento, no cal se acredite que o aspirante tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios. Para estes efectos, o certificado deberá especificar a data en que o solicitante foi dado de alta no padrón municipal.

-Cando non se estea no suposto anterior, xunto co certificado actualizado de empadroamento achegarase a documentación que acredite que se viu obrigado a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais; así, por exemplo, achegarase certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo.

3. As solicitudes, debidamente cubertas, xunto coa documentación preceptiva, presentaranse no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade (Praza de Europa 5A, 2º andar. Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela), ou por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes que se presenten, se é o caso, nas oficinas de correos, deberán ir en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

4. Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:

a) Primeira convocatoria: no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

b) Segunda convocatoria: do 2 ao 20 de agosto, incluídos ambos os dous días.

5. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión do aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

6. Mediante a presentación da solicitude o interesado autoriza expresamente a Administración Pública para acceder aos seus datos de identidade e residencia a través dos Sistemas de Verificación de Datos de Identidade e Residencia do Ministerio da Presidencia. Non obstante, poderá denegar ese consentimento, en cuxo caso deberá presentar a copia do DNI e/ou o certificado de empadroamento, nos termos que se indican no punto 2, letras a e c, desta base.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co título VI da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e un euros con corenta céntimos (21,40 euros), por cada un dos exames aos que o interesado se presente, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, terán que se empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos Servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

-Consellería de: MATI; código: 06.

-Delegación de: SS.CC.; código: 13.

-Servizo de: Transportes; código: 02.

-Denominación: dereitos exame capacitación; código: 31 01 06.

Quinta.-Admisión de aspirantes.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisalas.

Rematado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e dos Servizos de Mobilidade de cada provincia a lista provisional de admitidos e excluídos, con indicación do motivo da súa exclusión.

A dita lista tamén poderá ser examinada na páxina web indicada na base terceira desta resolución.

2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará na páxina web indicada na base terceira a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluídos, nos mesmos lugares e medios en que se expuxesen as relacións provisionais.

4. Devolveránselles os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II.

Sexta.-Desenvolvemento das probas.

1. O lugar, a data e a hora de realización dos exercicios será acordada polo tribunal e publicada no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, será excluído das probas quen non compareza.

3. Os aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistos dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

4. Realizado o exercicio, os aspirantes poderán obter copia da súa folla de respostas; as respostas que o tribunal considere como correctas publicaranse con posterioridade na páxina web indicada na base terceira desta resolución.

Publicadas consonte co anterior as relacións de respostas correctas, os interesados disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante o secretario do tribunal as impugnacións que consideren procedentes; no caso de non presentalas directamente ante o secretario, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao número de fax 981 54 43 51, dirixida ao secretario do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

Vistas as impugnacións presentadas, o tribunal publicará no mesmo enderezo web a relación definitiva de respostas correctas, que serán as que se terán en conta para a corrección do exercicio.

5. Atendendo ás relacións de respostas declaradas válidas, o tribunal procederá a corrixir os exercicios, debendo o seu presidente adoptar as medidas oportunas para garantir o anonimato dos aspirantes durante todo o proceso.

A relación provisional de aptos e non aptos, coas puntuacións correspondentes a cada un deles, será exposta no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como publicadas na páxina web indicada na base terceira desta resolución. Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de dez días hábiles, para que os interesados fagan chegar ao secretario do tribunal as peticións de revisións; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante o secretario do tribunal deberán adiantárselle a este, dentro do referido prazo de dez días, mediante a remisión de copia delas ao número de fax 981 54 43 51.

Revisados os exercicios, o tribunal adoptará o acordo definitivo sobre os aspirantes aprobados.

Sétima.-Estrutura e cualificación dos exercicios.

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento serán os establecidos na orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, pola que se regulan estas probas.

2. Os exercicios constarán de dúas partes:

-Exercicio tipo test, onde se deberán contestar 100 preguntas, cada unha delas con catro respostas alternativas;

-Exercicio práctico, que consistirá en resolver seis supostos que requiran a aplicación das materias do programa a casos concretos; este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

En todo caso, a normativa a que se refire o contido do programa será a vixente no momento de realización da correspondente proba.

3. O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de catro horas.

4. Cualificación dos exercicios: os exercicios cualificaranse de cero a dez puntos, consonte coas seguintes regras de valoración:

-No exercicio tipo test, cada resposta correcta valorarase con 0,04 puntos, e cada resposta incorrecta restará 0,02 puntos; as preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

-No exercicio práctico, cada un dos seis supostos valorarase entre 0 e 1 punto.

Para aprobar o exame, será preciso obter unha puntuación non inferior a 2 na primeira parte nin a 3 na segunda, e que a suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas sexa igual ou superior a 6.

Oitava.-Tribunal.

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente: Antón García Río.

Presidente suplente: Xosé Lluis Fernández Suárez.

Vogais:

Fidel González Deus.

Manuel Vila López.

María Mar Estévez Mosquera.

Vogais suplentes:

María Elena Nimo Mayo.

Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez.

Alfonso Tenorio Aranguren.

Secretario: David Conde Varela.

Secretarios suplentes: Jose Álvarez Vázquez.

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. Por cada sesión do tribunal levantarase acta sucinta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

4. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos restantes participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, os aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e xuntando á solicitude os documentos xustificativos desta circunstancia. Así mesmo, deberán incorporar á solicitude escrito motivado indicando as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

6. Para efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

Novena.-Expedición dos certificados.

Concluída a cualificación das probas, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a relación definitiva de aprobados, para os efectos de expedir os certificados de capacitación profesional.

Décima.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cmati.xunta.es).

b) Os teléfonos 981 54 43 89 e 981 54 45 85, da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.es

Disposición derradeira

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte co previsto polo artigo 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de calquera outro que o interesado considere pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2010.

Miguel Rodríguez Bugarín

Director xeral de Mobilidade

Ver referencia pdf "03300D005P011.PDF"