DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2010 sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural do Hospital, na parroquia de Chamoso, concello do Corgo (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello do Corgo remite o referido proxecto de delimitación para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto está integrado por memoria, planos e anexos complementarios (superficies ocupadas e edificadas, nomenclátor e anexo fotográfico) redactados en xuño de 2009 polo técnico municipal Antonio Manuel Seijas Pardo.

O Concello do Corgo carece de instrumento de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial (en diante NNPP).

Hai un PXOM en tramitación que foi aprobado inicialmente o 8 de marzo de 2005.

O 27 de xaneiro de 2009 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia adoptou resolución sobre a obrigatoriedade de sometemento do PXOM do Corgo á avaliación ambiental estratéxica (DOG nº 40, do 26 de febreiro).

Respecto da tramitación administrativa deste expediente, cabe sinalar:

1. Consta decreto da Alcaldía do 2 de xullo de 2009, relativo á aprobación inicial da delimitación do núcleo do Hospital, tramitado por instancia do propio concello.

2. Consta certificación do secretario municipal, emitida o día 21 de setembro de 2009, relativa ao trámite de exposición pública do proxecto de delimitación no período comprendido entre o 12 de agosto e o 12 de setembro de 2009, ambos os dous inclusive, sen que neste período se presentase alegación ningunha.

3. O proxecto de delimitación do núcleo rural do Hospital foi aprobado provisionalmente polo Pleno do concello na súa sesión do 25 de setembro de 2009.

II. Consideracións e fundamentación.

Tras analizar a documentación técnica referida polo concello, cómpre indicar o seguinte:

1. Hospital aparece recoñecido no nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), así como no Nomenclátor de entidades de poboación do Instituto Nacional de Estatística.

2. Delimítase un núcleo composto por tres enclaves diferenciados: o máis occidental, con 2 vivendas e unha superficie bruta duns 9.147,98 m2 (8606,42 m2 netos); o central, con 10 vivendas e 26.588,81 m2 brutos (24.061,38 m2 netos); e o máis oriental con 5 vivendas e 12.190,17 m2 (10.297,89 m2 netos). Así mesmo, delimítase unha área de expansión cunha superficie neta de 16.924,62 m2, contigua ao enclave indicado en último lugar.

3. De acordo co punto 8 do proxecto de delimitación, o conxunto de enclaves tradicionais delimitados presenta unha superficie construída total de 8.601,74 m2, a cal é superior á metade da que se podería edificar dentro daquel consonte as condicións urbanísticas aplicables, co que, a nivel global, se acada o grao de consolidación edificatoria mínima establecido no artigo 13.3º.1 inciso da LOUG.

4. En relación coa área de expansión delimitada, esta xustifícase no proxecto (punto 9) con base na súa situación inmediata ao núcleo rural tradicional, ao seu apreciable grao de consolidación edificatoria e á ausencia de terreos que exixan unha especial protección de acordo co artigo 32.2º da LOUG.

5. Aínda que os terreos da área de expansión presentan certa capacidade produtiva, o artigo 32.2º a), último parágrafo, da LOUG recolle a posibilidade de incluír nas áreas de expansión terreos que, aínda presentando as características que puidesen fundamentar a clasificación como solo rústico de especial protección agropecuaria, resultan necesarios para o desenvolvemento racional do núcleo rural, o que se pode apreciar neste expediente, á vista do crecemento rexistrado na área de expansión.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1º b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do núcleo rural do Hospital, no Concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2010.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "03300D004P009.PDF"