DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.056

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCION do 11 de xaneiro de 2010 sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo núcleo rural de Sabarei de Abaixo, na parroquia de Sabarei, concello do Corgo (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello do Corgo remite o referido proxecto de delimitación, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto está integrado por memoria, planos e anexos complementarios (superficies ocupadas e edificadas, nomenclátor e anexo fotográfico) redactados en abril/maio de 2009 polo técnico municipal Antonio Manuel Seijas Pardo.

O Concello do Corgo carece de instrumento de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial (en diante NNPP).

Hai un PXOM en tramitación que foi aprobado inicialmente o 8 de marzo de 2005.

O 27 de xaneiro de 2009 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia adoptou resolución sobre a obrigatoriedade de sometemento do PXOM do Corgo a avaliación ambiental estratéxica (DOG nº 40, do 26 de febreiro de 2009).

Respecto da tramitación administrativa do presente expediente, cabe sinalar:

1. Consta decreto da alcaldía do 3 de xuño de 2009, relativo á aprobación inicial da delimitación do núcleo de Sabarei de Abaixo, tramitado por instancia do propio concello.

2. Cumpriuse co trámite de información pública mediante a publicación de anuncios no DOG nº 138, do 16 de xullo de 2009 e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia dos días 7 e 17 de xuño de 2009; constando certificación do secretario municipal do 21 de setembro, relativa á non presentación de alegación ningunha.

3. O proxecto de delimitación do núcleo rural de Sabarei de Abaixo foi aprobado provisionalmente polo Pleno do concello na súa sesión do 25 de setembro de 2009.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar a documentación presentada polo Concello do Corgo, e á vista da proposta elevada pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre sinalar:

1. Sabarei de Abaixo aparece recoñecido no nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), así como no nomenclátor de entidades de poboación do Instituto Nacional de Estatística.

2. Delimítase un núcleo con 18 vivendas e unha superficie bruta de 43.858,31 m2 (38.463,80 m2 netos) cunha área de expansión dunha superficie neta de 8.758,24 m2.

3. De acordo co punto 8 do proxecto de delimitación, o conxunto de edificacións incluídas no ámbito do núcleo tradicional delimitado presenta unha superficie construída total de 7.971,90 m2, a cal é lixeiramente superior á metade da que se podería edificar dentro do mesmo por aplicación das condicións urbanísticas proxectadas, polo que se acada o grao de consolidación mínima establecida no artigo 13.3.1º inciso, da LOUG.

4. No proxecto (punto 9) xustifícase a área de expansión prevista con base na súa situación inmediata ao núcleo rural tradicional, á existencia de edificación nas dúas parcelas que conforman aquela e á ausencia de valores que exixan unha especial protección (artigo 13.3º, 2º inciso, da LOUG en relación co artigo 32.2º da mesma lei).

5. Incidindo no anterior, o artigo 32.2º a) último parágrafo, da LOUG considera mesmo a posibilidade de incluír nas áreas de expansión terreos que, aínda presentando características que fundamenten a clasificación do solo rústico de protección agropecuaria, resulten necesarios para o desenvolvemento racional do núcleo rural.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1º b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

II. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do núcleo rural de Sabarei de Abaixo, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que estimen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, no seu caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2010.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "03300D003P008.PDF"