DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2010 Páx. 2.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2010 sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural da Veiga, na parroquia de Cerceda, concello do Corgo (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello do Corgo remite o referido proxecto de delimitación, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto está integrado por memoria, planos e anexos complementarios (superficies ocupadas e edificadas, nomenclátor e anexo fotográfico) redactados en abril/maio de 2009 polo técnico municipal Antonio Manuel Seijas Pardo.

O concello do Corgo carece de instrumento de planeamento xeral, rexéndose polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial (en diante NNPP).

Atópase en tramitación un PXOM que foi aprobado inicialmente o 8 de marzo de 2005.

O 27 de xaneiro de 2009 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia adoptou resolución sobre a obrigatoriedade de sometemento do PXOM do Corgo a avaliación ambiental estratéxica (DOG nº 40, do 26 de febreiro).

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar:

1. Consta decreto da Alcaldía do 3 de xuño de 2009, relativo á aprobación inicial da delimitación do núcleo da Veiga, tramitado por instancia do propio concello.

2. Cumpriuse co trámite de información pública mediante a publicación de anuncios no DOG nº 138, do 16 de xullo de 2009 e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia dos días 7 e 17 de xuño de 2009; constando certificación do secretario municipal do 21 de setembro, acreditativa da non presentación de alegación ningunha.

3. Consta acordo de aprobación provisional da delimitación do núcleo da Veiga adoptado polo Concello Pleno na súa sesión de 25 de setembro de 2009.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar a documentación presentada polo Concello do Corgo, e á vista da proposta elevada pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre indicar:

1. A Veiga aparece recoñecido no nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), así como no nomenclátor de entidades de poboación do Instituto Nacional de Estatística.

2. Delimítase un núcleo con 8 vivendas e unha superficie bruta de 21.160,57 m2. A superficie neta, resultado de descontar da anterior a ocupada por vías públicas, é de 18.792,40 m2. Así mesmo, defínese unha área de expansión de 2.646,23 m2 de superficie neta.

3. De acordo co punto 8 do proxecto, as edificacións incluídas no ámbito do núcleo tradicional delimitado acadan unha superficie construída total de 3.796,29 m2, a cal é superior á metade da que se podería edificar dentro del consonte as condicións urbanísticas aplicables, alcanzando o grao de consolidación mínima establecida no artigo 13.3.1º inciso, da LOUG.

A área de expansión delimitada xustifícase pola súa situación inmediata a dúas áreas do núcleo rural tradicional e a ausencia de terreos que exixan unha especial protección de acordo co artigo 32.2º da LOUG. Mesmo que a área de expansión forma parte da concentración parcelaria de Cerceda (acordo de firmeza do 23 de outubro de 1972) e presenta certa capacidade produtiva, o artigo 32.2º a) da LOUG considera a posibilidade de incluír nas áreas de expansión terreos que, aínda presentando as características ou valores que puidesen fundamentar a clasificación de solo rústico de protección agropecuaria, resulten necesarios para o desenvolvemento racional do núcleo rural para os efectos de consolidar o asentamento.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1º b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural da Veiga na parroquia de Cerceda, no Concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2010.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "03300D002P006.PDF"