DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2010 Páx. 1.849

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

A Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, establece no seu artigo 9 que lle corresponde á Administración estatal determinar a apertura do proceso electoral, logo da consulta coas comunidades autónomas que teñan atribuída a competencia nesta materia, correspondéndolle á respectiva administración tutelante a convocatoria de eleccións.

Pola súa banda, o artigo 32 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e o artigo 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro, sinalan que lle corresponderá ao órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, a convocatoria de eleccións para a renovación dos membros dos plenos destas.

Estando próximo a finalizar o mandato dos órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio declarou aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras de comercio, industria e navegación de España e do seu Consello Superior, mediante Orde ITC/2019/2009, do 22 de xullo, dispoñéndose a apertura do devandito proceso o día 1 de outubro de 2009 e a súa finalización o día 15 de xullo de 2010.

Unha vez aberto o proceso electoral e transcorridos os prazos previstos para a exposición pública dos censos electorais e de reclamacións, así como o de resolución dos recursos interpostos, correspóndelle á Dirección Xeral de Comercio, como departamento competente en materia de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, convocar as eleccións para a renovación dos seus plenos, logo de seren consultadas as nove cámaras galegas, de acordo co establecido nos artigos 32 da referida Lei 5/2004, do 8 de xullo, e 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Por todo o anterior, logo da consulta ás cámaras, e en uso das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Segundo.-Para garantir a transparencia e a obxectividade dos procesos electorais, constituiranse as xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara oficial de comercio, industria e navegación, na forma e coa composición e competencias previstas na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia e no Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia. As xuntas electorais terán a súa sede no enderezo social da cámara correspondente.

Terceiro.-As candidaturas elixibles por sufraxio do electorado presentarán escrito no rexistro da cámara respectiva durante os quince días seguintes ao da data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará as 24:00 horas do décimo quinto día, contado desde a devandita data.

Cuarto.-No prazo dos quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria de eleccións, as organizacións empresariais máis representativas presentarán ante a xunta electoral correspondente a lista das súas candidaturas.

Quinto.-A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 7.1º a).1 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación de España, celebrarase para todos os grupos e categorías o 22 de abril de 2010, permanecendo abertos os colexios electorais entre as 9.00 e as 21.00 horas.

Sexto-A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 7.1º a).2 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación de España, terá lugar o 25 de maio de 2010, na sede de cada cámara entre as 13.00 e as 14.00 horas.

Sétimo.-O número de colexios electorais e os lugares onde se van instalar establécense, para cada unha das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, no anexo I desta resolución.

Oitavo.-As cámaras deben enviar á xunta electoral correspondente a proposta de lista de persoas electoras para seren designadas presidentes/as ou vogais das mesas electorais, conxuntamente coa lista das candidaturas presentadas e coa proposta de numero de mesas electorais, no prazo que establece o artigo 6.3º do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Noveno.-As persoas electoras que prevexan que na data das eleccións non poderán comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo, logo da solicitude persoal á cámara respectiva, dentro dos vinte días seguintes ao da publicación desta convocatoria, segundo o modelo normalizado que figura no anexo II desta resolución e con suxeición aos requisitos e ao procedemento sinalados no artigo 36 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, e no capítulo VIII do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Décimo.-As papeletas e sobres para o voto presencial ou por correo seguirán os modelos normalizados do anexo VII. Nas papeletas indicarase, no caso de persoas físicas, os apelidos e nome, e no caso de persoas xurídicas, a denominación social, das persoas candidatas ordenadas alfabeticamente, de forma que a persoa electora marcará cunha cruz o recadro da papeleta normalizada correspondente á (s)/ao (s) candidata (s)/o (s) da súa elección. As papeletas configuradas e impresas despois da proclamación de candidatos manterán a súa validez durante todo o proceso electoral.

Décimoprimerio.-Cando o número de candidatos proclamados por un grupo resulte igual ao dos membros que se deba elixir, a súa proclamación equivalerá á elección e esta non terá que efectuarse.

Décimosegundo.-Co fin de garantir o adecuado exercicio do voto achéganse os modelos normalizados segundo os anexos I a IX.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2010.

Nava Castro Domínguez

Directora xeral de Comercio

ANEXO I

a) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña:

-Colexio electoral único.

-Domicilio: Alameda, 30-1º, 15003 A Coruña.

-Demarcación: a correspondente á cámara.

b) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol:

-Colexio electoral único.

-Domicilio: Punta Arnela, A Malata s/n, 15591 Ferrol.

-Demarcación: a correspondente á cámara.

c) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo:

-Colexio electoral único.

-Domicilio: avda. Ramón Ferreiro, 18, 27002 Lugo.

-Demarcación: a correspondente á cámara.

d) Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense:

* Colexio electoral do Barco de Valdeorras.

-Domicilio: Casa da Cultura, avda. da Estación, nº 2, 32300 O Barco de Valdeorras.

-Demarcación: O Barco de Valdeorras, A Veiga, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

* Colexio electoral de Verín.

-Domicilio: Casa da Xuventude, avda. Portugal, nº 11, 32600 Verín.

-Demarcación: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

* Colexio electoral de Ourense.

-Domicilio: avda. da Habana, 30 bis, 32003 Ourense.

-Demarcación: os restantes concellos adscritos a esta cámara.

e) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela:

* Colexio electoral de Boiro.

-Domicilio: Casa da Cultura Ramón Martínez López. Parque Cachada. Avda da Constitución s/n, 15930 Boiro.

-Demarcación: Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Porto do Son

* Colexio electoral de Santiago de Compostela.

-Domicilio: San Pedro de Mezonzo, 44-baixo, 15701 Santiago de Compostela.

-Demarcación: os restantes concellos adscritos a esta cámara.

f) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui:

-Colexio electoral único.

-Domicilio: Augusto González Besada, 15-1º D, 36700 Tui.

-Demarcación: a correspondente á cámara.

g) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo:

-Colexio electoral único.

-Domicilio: República Arxentina, 18A, 36201 Vigo.

-Demarcación: a correspondente á cámara.

h) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra:

* Colexio electoral de Cangas.

-Domicilio: Casa da Cultura, r/ Rodeira-Pedreira (Coiro) s/n, 36940 Cangas.

-Demarcación: Cangas, Moaña e Bueu.

* Colexio electoral de Lalín.

-Domicilio: Casa da Xuventude de Lalín, rúa Pena Toares, s/n, 36500 Lalín.

-Demarcación: Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada, Dozón e Lalín.

* Colexio electoral de Mos.

-Domicilio: Centro de Desenvolvemento Local, estrada Peinador, nº 41, 36416 Mos.

-Demarcación: A Cañiza, Arbo, Covelo, Crecente e Mos.

* Colexio electoral Pontevedra.

-Domicilio: Xardíns de Vicenti, 4-2º, 36001 Pontevedra.

-Demarcación: os restantes concellos adscritos a esta cámara.

i) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa:

*Colexio electoral de Vilagarcía de Arousa.

-Domicilio: avda. Dr. Tourón, 46, 36600 Vilagarcía de Arousa.

-Demarcación: Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa y Vilanova de Arousa.

* Colexio electoral da Estrada:

-Domicilio: Asociación Comarcal de Empresarios de A Estrada, avda. de Santiago, 11, 36680 A Estrada.

-Demarcación: A Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo, Cuntis, Forcarei e Moraña.

Ver referencia pdf "03000D003P017.PDF"

Ver referencia pdf "03000D004P036.PDF"