DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2010 Páx. 1.839

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 8 de febreiro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria para o ano 2010. (Código de procedemento IN225A-presentación electrónica).

A Consellería de Economía e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, indica que corresponde á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Mediante a Orde do 31 de decembro de 2008 convocáronse 6 bolsas de formación coa finalidade de que as persoas que teñan unha titulación de grao superior ou medio complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

Abórdase a necesidade de dar continuidade a esta actuación formativa desde una dobre perspectiva: por un lado, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral; por outro, neste contexto de crise económica, permitir aos mozos e mozas con titulación universitaria de segundo ciclo ou grao superior obteren unha formación práctica no campo da actividade comercial que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste senso, por medio desta orde establécense as bases da convocatoria de oito bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio para o ano 2010 ampliando o seu ámbito subxectivo de aplicación ás persoas que teñan unha titulación de grao superior ou medio, sen prexuízo da valoración específica dalgunhas delas que gardan relación co ámbito comercial. Así mesmo, reformúlanse os criterios de valoración para dar cabida ao anterior e á baremación da formación obtida polas persoas solicitantes mediante outras bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de oito bolsas de formación na Consellería de Economía e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.

2. Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 93.600 € que será imputado á aplicación orzamentaria 2010.08.03.751A.480.0, formación en materia de comercio, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2010.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres e homes), reservarase o cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria. Se non houber suficientes solicitudes de mulleres, as prazas cubriranse con homes.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiaria/o da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7º das bases reguladoras.

2. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. No entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano - San Caetano, s/n -15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o/a solicitante a través da aplicación informática «Axudas Virtual» (procedemento IN225A-presentación electrónica), dispoñible no seguinte enderezo da internet:

https://axudasindustria.xunta.es/att

Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es e no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN225A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos/as solicitantes.

O prazo para iniciar solicitudes a través da aplicación informática remata 24 horas antes do sinalado no número 4 deste artigo.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Ordenación, a través do teléfono 981 54 54 18, do número de fax 981 54 55 41 ou do enderezo de correo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para os efectos informativos, e é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo da obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso presentar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firma profesional e Banesto CA.

3. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 7º.2 do anexo I de bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a dous meses.

Artigo 5º.-Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN225A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) No teléfono 981 54 55 94 da devandita dirección xeral.

c) No enderezo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Economía e Industria 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de oito bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio para o ano 2010

Artigo 1º.-Obxecto e duración das bolsas de formación.

As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio teñen como obxectivo contribuír á formación tutorial de profesionais no campo da actividade comercial e o seu contorno.

A Dirección Xeral de Comercio elaborará un programa formativo que integrará principalmente aspectos relativos á actividade comercial o estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, e o sector da distribución e as estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias sobre as cales o centro directivo ten competencia e, en concreto, a artesanía.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverán as/os bolseiras/os.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2010 cunha duración máxima de nove meses, entre a data da incorporación das persoas bolseiras e o 30 de decembro.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 93.600 euros que será imputado á aplicación orzamentaria 2010.08.03.751A.480.0 proxecto 2010 00405, «formación en materia de comercio», dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2010. O importe de cada bolsa non excederá a cantidade de 11.700 euros.

2. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter unha idade non superior aos 31 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Acreditar un coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente.

d) Estar en posesión dalgunha titulación universitaria de segundo ciclo ou grao superior.

e) Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa destas características na Dirección Xeral de Comercio por un período de tempo superior a catro meses.

f) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.

g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

h) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

i) Non estar incursa/o en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 4º.-Condicións e incompatibilidades.

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 5º.-Dotación económica.

Cada bolsa estará dotada con 11.700 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.300 € por mes.

Artigo 6º.-Centro de destino e xornada.

A formación terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio ou dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria, en xornada de mañá.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das bolsas presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2º e 3º da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse o orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) DNI da persoa solicitante e certificado de empadroamento.

b) Documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Titulación académica ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Certificación académica persoal de carácter oficial.

e) Curriculum vitae da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras bolsas ou axudas financiadas por calquera administración, institucións ou entes públicos, nacionais ou internacionais (anexo III).

g) Declaración responsable de non estar incursa/o en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia (anexo IV).

h) Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa (anexo IV).

3. Alternativamente á presentación dos documentos exixidos na alínea a) do número anterior, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio da Presidencia (de acordo co disposto nos artigos 2.2º e 3.2º do devandito Decreto 255/2008, do 23 de outubro).

Para eses efectos, a persoa solicitante poderá encher a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentar fotocopia compulsada do documento nacional de identidade e do certificado de empadroamento.

4. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se encontre en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir a persoa solicitante para a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

De conformidade co mesmo artigo, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos á bolsa concedida, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das/dos beneficiarias/os e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 9º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas, correspondéndolle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a correspondente resolución.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1º das bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsellar poderase substituír a publicación pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, que substituirá a presidencia nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Vogais: dous xefes de servizo da subdirección xeral.

d) Secretaría: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio.

3. As/os suplentes serán designadas/os pola Dirección Xeral de Comercio.

4. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 12º.-Procedemento de selección e criterios de valoración.

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos na única fase de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de vinte e dous puntos.

3. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

a) Titulación. Por estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: ciencias económicas e empresariais, dereito, ciencias políticas, administración e dirección de empresas, técnica/o superior en comercio e márketing e asimiladas, 3 puntos se son titulacións superiores e 2 se son de grao medio, cun máximo de 5 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos.

b) Expediente académico. Pola nota media obtida no título con que concorre:

-Aprobado: 2 puntos.

-Notable: 3 puntos.

-Sobresaliente: 4 puntos.

-Matrícula de honra: 5 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica.

c) Outras titulacións. Por estar en posesión doutros títulos universitarios: 2 puntos se son superiores e 1 se son de grao medio, cun máximo de 4.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos.

d) Estudos de posgrao. Por cada máster universitario ou curso completo de posgrao (cun mínimo de 400 horas lectivas) que teña relación directa coas materias obxecto das bolsas de formación: 1 punto, cun máximo de 3.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

e) Formación. Un máximo de 5 puntos conforme o seguinte baremo:

1º) Polo desfrute de bolsas de formación ou similares en materia de comercio e/ou artesanía, 1 punto se son dalgunha administración pública e 0,5 no caso de seren dunha entidade privada, cun máximo de 2,5.

Forma de acreditación: certificación acreditativa da concesión e desfrute das bolsas.

2º) Por cada curso de formación en materia de informática: dun mínimo de 10 horas e un máximo de 25, 0,25 puntos; de máis de 25 horas e ata 50, 0,50 puntos; de máis de 50 horas, 1 punto, ata un total de 2 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3º) Por coñecemento de idiomas: 0,50 por cada un, cun máximo de 1.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente.

5. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase no taboleiro de anuncios da consellería e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de dez días hábiles desde a exposición na páxina web.

Resoltas as reclamacións, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatas/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: http://economiaeindustria.xunta.es.

6. Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de valoración elevará ao conselleiro de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, unha relación de oito persoas propostas, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo anterior, e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas.

2. O conselleiro de Economía e Industria ditará resolución mediante a cal se adxudicarán as bolsas ás persoas que obtivesen maior puntuación. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, na web http://economiaeindustria.xunta.es e notificada ás/aos adxudicatarias/os.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de dous meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 14º.-Aceptación ou renuncia.

Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as/os bolseiras/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles. No caso de aceptación, presentarán con ela a certificación bancaria da conta en que deba aboarse a bolsa.

Transcorrido o dito prazo, se as/os beneficiarias/os non se declararen en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa e procederase a adxudicarlle esta á/ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva.

Así mesmo, no caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten a bolsa ou non poidan incorporarse por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 15º.-Pagamento das bolsas.

1. O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada na alínea anterior e da presentación do documento que se sinala na alínea k) do artigo 18º e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. En todos os pagamentos se efectuará a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 16º.-Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O conselleiro de Economía e Industria, por proposta motivada da Dirección Xeral de Comercio, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumprir as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia nº 20, do 29 de xaneiro).

5. Ás persoas beneficiarias das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 18º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo dos 5 días posteriores á notificación da concesión.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

c) Presentar, coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

d) Presentar, tamén coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria, no caso de non estar cuberto/a pola Seguridade Social ou por un seguro privado e contratar un seguro de accidentes polo período de duración da bolsa. Tales circunstancias acreditaranse no momento de comezar o desfrute da bolsa.

f) Comunicarlle a súa renuncia á Dirección Xeral de Comercio con cinco días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

g) Comunicarlle á Dirección Xeral de Comercio a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

h) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como bolseiras/os.

i) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine a Dirección Xeral de Comercio. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

j) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

k) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio, antes de cada pagamento mensual, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a actividade subvencionada, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

l) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 20º.-Control.

Estas bolsas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Para estes efectos, as persoas beneficiarias das bolsas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ver referencia pdf "03000D001P007.PDF"

Ver referencia pdf "03000D002P016.PDF"