DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2010 Páx. 1.773

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 9/2010, do 21 de xaneiro, polo que se crea a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

No tempo transcorrido desde a creación do Servizo Galego de Saúde producíronse importantes cambios na atención sanitaria prestada nas súas institucións. O dereito á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución require dos poderes públicos unha constante adaptación das estruturas sanitarias ás novas necesidades e a incorporación a ditas estruturas, cando sexa procedente, de persoal cunha formación profesional específica para a realización de determinadas funcións.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, prevé a realización de funcións de colaboración cos farmacéuticos por parte de persoal técnico ou auxiliar de farmacia. Así mesmo, establece que a atención farmacéutica nas estruturas de atención primaria e centros hospitalarios se levará a cabo a través de servizos de farmacia e depósitos de medicamentos e produtos sanitarios. Para a correcta xestión operativa dos servizos de farmacia é axeitada a incorporación de persoal técnico con formación específica para realizar as funcións que se desenvolven nesas unidades.

O colectivo de persoal que se axusta a estes requirimentos de labor auxiliar nos ditos servizos de farmacia e ao perfil profesional axeitado para as institucións sanitarias do organismo é o que acredita o título de técnico en farmacia establecido polo Real decreto 547/1995, do 7 abril (BOE nº 133, do 5 xuño), cuxa regulación foi substituída polo Real decreto 1689/2007, do 14 de decembro (BOE do 17 de xaneiro de 2008), polo que se establece o título de técnico en farmacia e parafarmacia e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

En calquera caso, para fixar a titulación de acceso á nova categoría menciónase neste decreto a denominación fixada na primeira das disposicións citadas -técnico en farmacia-, sen prexuízo de atender ás equivalencias recoñecidas na disposición adicional terceira do propio Real decreto 1689/2007 entre os títulos de técnico auxiliar de farmacia, técnico en farmacia e técnico en farmacia e parafarmacia.

A creación da nova categoría, no exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no artigo 113 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, responde ao consenso existente na Mesa Sectorial de Negociación respecto á necesidade de promover a incorporación de profesionais da área sanitaria con novas titulacións aos cadros de persoal das institucións sanitarias. Esta previsión, polo demais, xa figuraba expresada no acordo sobre mellora retributiva e profesional asinado o 1 de outubro de 2003 (DOG nº 232, do 28 de novembro). As institucións do Servizo Galego de Saúde advirten tamén da necesidade de incorporar profesionais que teñan formación adecuada ás funcións que se realizan nelas.

Por último, este decreto atende á situación actual e á traxectoria profesional do persoal que desempeña ou desempeñou as funcións atribuídas á nova categoría.

O presente decreto dítase despois da preceptiva negociación na mesa sectorial.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, de conformidade co ditame número 596/2009, do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do grupo de persoal sanitario de formación profesional, subgrupo de técnicos, a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia, e regúlase o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións e dotación de cadro de persoal.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

A relación de servizo do persoal desta categoría co Servizo Galego de Saúde regularase polo presente decreto, pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao persoal estatutario do organismo.

En particular, a regulación da xornada de traballo e retribucións do persoal técnico en farmacia será a vixente para o persoal xa vinculado como persoal técnico sanitario de formación profesional.

Artigo 3º.-Acceso.

1. Para o acceso á categoría de persoal técnico en farmacia será requisito indispensable estar en posesión do título de técnico/a en farmacia (formación profesional da área sanitaria). Entenderase cumprido este requisito cando se posúa calquera outro título declarado equivalente, nos termos previstos na normativa de ordenación xeral da formación profesional.

2. O acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría requirirá a superación das correspondentes probas selectivas, convocadas en desenvolvemento e execución dunha oferta pública de emprego, de conformidade coa normativa xeral vixente en materia de provisión de prazas.

3. A selección de persoal temporal da categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia efectuarase polo procedemento establecido logo de negociación na mesa sectorial, de conformidade coa normativa vixente de provisión de prazas.

Artigo 4º.-Funcións.

Corresponde ao persoal técnico en farmacia desempeñar, con carácter xeral, os servizos complementarios e de apoio das funcións que desenvolve o persoal facultativo farmacéutico dos servizos de farmacia das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O ámbito funcional será o adecuado ás competencias e capacidades propias do título de técnico en farmacia. De xeito específico, o persoal técnico en farmacia desempeñará as seguintes actividades:

1. Recepción, almacenamento, revisión e reposición de medicamentos, material de acondicionamento, produtos sanitarios, material sanitario e outro material utilizado nos servizos de farmacia, garantindo a súa correcta conservación e organización segundo os criterios establecidos.

2. Colaborar, baixo a supervisión do persoal farmacéutico, na dispensación de medicamentos e produtos sanitarios nas súas diferentes modalidades (reposición de botiquíns, dispensación individualizada en doses unitarias, dispensación automatizada), así como realizar a preparación e distribución das solicitudes de medicamentos e produtos sanitarios, de acordo coas normas de actuación establecidas.

3. Almacenamento, control e arquivo dos impresos e rexistros utilizados na recepción, almacenamento, conservación, custodia, dispensación e distribución de medicamentos, produtos sanitarios e demais produtos utilizados.

4. Manexo, limpeza e conservación, mantemento do bo funcionamento e posta a punto do equipamento, utensilios e demais medios utilizados para a recepción, almacenamento, conservación, custodia, dispensación e distribución de medicamentos e produtos sanitarios.

5. Preparar, pór en funcionamento e controlar os utensilios de dosificación e envasado de medicamentos co obxecto da súa dispoñibilidade en cantidade, calidade e estado operativo no momento de seren requiridos.

6. Colaborar, baixo a supervisión do persoal farmacéutico, na elaboración e control de calidade das preparacións farmacéuticas, segundo os procedementos establecidos de acordo coas normas de correcta elaboración e control de calidade.

7. Almacenamento, control e arquivo das preparacións farmacéuticas e dos seus rexistros.

8. Mantemento, conservación e limpeza dos utensilios e material requirido para levar a cabo operacións farmacéuticas.

9. Colaborar no cumprimento dos principios do sistema de xestión da calidade establecido no servizo de farmacia.

10. Manexo de aplicativos informáticos empregados no almacenamento e na dispensación de medicamentos e produtos sanitarios co nivel de acceso que se estableza.

11. Calquera outra actividade que sexa incluída, como consecuencia das innovacións tecnolóxicas e organizativas, dentro das competencias e capacidades propias do título de técnico en farmacia.

12. Todas aqueloutras funcións a que habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

O ámbito funcional da categoría estenderase, así mesmo, ás funcións previstas para o persoal auxiliar de enfermaría das unidades de farmacia no Estatuto do persoal sanitario non facultativo aprobado por Orde do 26 de abril de 1973.

As funcións desenvolveranse baixo a dirección e supervisión do persoal facultativo farmacéutico responsable pertencente ao servizo de farmacia correspondente e dando cumprimento ás súas instrucións.

En calquera caso o persoal técnico en farmacia desenvolverá as súas funcións sen menoscabo da competencia, capacidade de supervisión, responsabilidade e autonomía dos profesionais sanitarios doutras categorías que actúan no ámbito propio dos servizos de farmacia.

Artigo 5º.-Cadro de persoal.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Os postos de traballo da categoría de técnico en farmacia contarán cun código orzamentario específico.

Disposicións transitorias

Primeira.-Situación do persoal fixo que desempeña actualmente funcións de técnicos en farmacia.

1. O persoal fixo que, á entrada en vigor deste decreto, se encontre desempeñando postos de traballo cuxo contido funcional se corresponda coas funcións que nel se asignan aos técnicos en farmacia permanecerá no seu exercicio. Unha vez que fiquen vacantes, por calquera das causas previstas legalmente, serán amortizados e transformaranse en prazas da categoría técnico en farmacia de conformidade co artigo quinto deste decreto.

2. O persoal fixo a que se refire o parágrafo anterior que, posuíndo o título de técnico en farmacia, superase o primeiro proceso selectivo que se convocase para persoal desta categoría e no momento da elección de destino permanecese no mesmo, poderá optar pola transformación do seu posto de traballo en praza da categoría técnico en farmacia ou participar na elección de destino.

Segunda.-Situación do persoal temporal que desempeña actualmente funcións de técnico en farmacia.

1. As prazas desempeñadas por persoal temporal que, á entrada en vigor deste decreto, se encontre exercendo, con carácter fundamental, as funcións que se atribúen á categoría de técnico en farmacia, serán obxecto de convocatoria pública como prazas desta categoría no primeiro proceso selectivo que se celebre. O dito persoal permanecerá no seu desempeño ata que se produza o seu cesamento pola toma de posesión dos aspirantes que superasen o proceso selectivo ou pola cobertura regulamentaria por persoal estatutario fixo da categoría técnico en farmacia.

2. O nomeamento do persoal con vínculo temporal en praza vacante que á entrada en vigor deste decreto se encontre desempeñando as funcións que nela se asignan aos técnicos en farmacia, e estea en posesión do título requirido para o acceso, será transformado nun nomeamento temporal correspondente á categoría de persoal técnico en farmacia.

Terceira.-Valoración de servizos prestados.

Os servizos prestados en desenvolvemento, con carácter fundamental, das funcións propias da categoría de técnico en farmacia, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na dita categoría nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas desa categoría.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptaren as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE