DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2010 Páx. 1.703

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 26 de xaneiro de 2010 pola que se regula o contido mínimo da memoria económico-financeira nos casos de iniciativas lexislativas ou de aprobación de normas de rango regulamentario, plans ou programas de actuación.

A Lei xeral de estabilidade orzamentaria, aprobada polo Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, entre os seus principios básicos, sinala no artigo 6 os seguintes:

1. As políticas de gastos públicos deben establecerse tendo en conta a situación económica e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e executaranse mediante unha xestión dos recursos públicos orientada pola eficacia, a eficiencia e a calidade.

2. As disposicións legais e regulamentarias, na súa fase de elaboración e aprobación, os actos administrativos, os contratos e os convenios de colaboración e calquera outra actuación dos suxeitos do sector público administrativo que afecten os gastos públicos, deberán valorar as súas repercusións e efectos, e supeditarse de xeito estrito ao cumprimento das exixencias do principio de estabilidade orzamentaria.

Dado o carácter básico dos anteriores preceptos, a disposición adicional quinta da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2010, recolle o requirimento da previa dispoñibilidade dunha memoria económico-financeira que avalíe adecuadamente os custos que a formulación de iniciativas lexislativas, a aprobación de normas de rango regulamentario ou a aprobación de plans ou programas de actuación con contido económico poidan representar. Esta memoria terá que considerar as posibilidades ou alternativas existentes para o seu financiamento cando poidan supoñer un aumento do gasto público.

Con anterioridade á tramitación das normas e, plans e programas mencionados, estes remitiranse xunto coa memoria económico-financeira, á Dirección Xeral de Orzamentos para os efectos de que emita informe preceptivo sobre as súas repercusións sobre o gasto público.

A inexistencia de normas que establezan os contidos mínimos das memorias dificultan o traballo, tanto dos centros directivos encargados da elaboración das normas ou da proposta dos plans e programas de actuación que incidan no gasto consignado nos orzamentos da comunidade como do órgano administrativo encargado de informar, polo que na propia disposición anteriormente citada se recolle que ese contido mínimo se establecerá mediante orde da Consellería de Facenda.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Os expedientes relativos a anteproxectos lexislativos, proxectos normativos de carácter regulamentario e propostas de plans e programas aos que fai referencia a disposición adicional quinta da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2010, serán remitidos á Dirección Xeral de Orzamentos e deberán conter unha memoria económico-financeira que avalíe axeitadamente os seus efectos sobre o gasto público.

2. O contido mínimo da antedita memoria será o que se describe no modelo do anexo I.

3. Cando se estime que o anteproxecto, o proxecto ou a proposta non implica impacto económico, de maneira que non supoña custo ou que este teña cobertura adecuada e suficiente cos créditos previstos nos orzamentos, o contido da memoria económica será o sinalado no anexo II.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Modelo de memoria-económico financeira

1. Antecedentes.

1.1. Introdución.

Este punto recollerá unha breve introdución sobre a finalidade e o obxecto que dan lugar á presentación da proposta normativa, plan, programa ou equivalente.

1.2. Actuacións que regula a norma/plan/programa ou equivalente.

Indicarase, se a provisión de bens, prestación de servizos ou outras actuacións contidas na proposta normativa, plan, programa ou equivalente viñan sendo, en todo ou en parte, imputadas a algunha aplicación orzamentaria e que diferenzas coa situación previa implica a aprobación da norma, plan, programa ou equivalentes proposta.

2. Estudo económico.

Neste punto estableceranse co maior grao de desagregación posible, nun marco de cando menos tres exercicios, os custos que suporá a aplicación da norma que se informa, segundo a natureza do custo.

2.1. Obxectivos estratéxicos da norma, plan, programa ou equivalente.

Son os obxectivos que se conseguirán na lexislatura dimanantes da aplicación da norma, plan, programa ou equivalente. En consonancia coa práctica orzamentaria vixente non poderán exceder de tres e deben formularse en termos de mellora ou cambio. Resulta aconsellable que, na súa redacción, se utilicen termos que expresen acción, como, por exemplo: aumentar, implantar, promover, desenvolver, etc.

2.2. Obxectivos operativos da norma, plan, programa ou equivalente.

Obxectivos de cada exercicio económico para acadar os obxectivos estratéxicos. Estableceránse dun a tres obxectivos operativos por cada obxectivo estratéxico. Cada obxectivo operativo terá un código numérico que expresará a orde de prelación dentro do estratéxico.

O indicador que se defina para cada un dos obxectivos operativos ten que expresar claramente o que queremos medir, non debe ofrecer resultados ambiguos, nin permitir interpretacións equívocas e debe ser de fácil cálculo.

Ver referencia pdf "02800D002P007.PDF"

2.3. Custo das actuacións anuais.

Unha vez establecidos os obxectivos por período, recolleranse as actuacións precisas para acadar cada obxectivo e o seu custo.

En particular, recolleranse os gastos de persoal, gastos de primeiro establecemento, e demais de funcionamento, especialmente cando deriven da entrada en servizo de novos investimentos, subvencións e demais gastos correntes, gastos de investimento, transferencias de capital e operacións financeiras e gastos fiscais.

Ver referencia pdf "02800D002P007.PDF"

Moi importante:

Os gastos de persoal deben desagregarse nun cadro á parte consignando o número de efectivos por categoría e custo.

Os custos a reflectir son todos os derivados da efectiva realización das actuacións.

2.4. Financiamento das actuacións.

a) Neste punto indicaranse as posibilidades ou alternativas existentes para o seu financiamento, con expresión dos recursos ou ingresos xerados pola disposición, se é o caso; propostas de baixa en créditos sobrantes; solicitude de novas dotacións orzamentarias; operacións de crédito e outras fontes de financiamento á marxe dos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

b) Esta información achegarase tanto para o exercicio corrente como para os futuros, de xeito diferenciado para cada exercicio.

c) Nas partidas orzamentarias que haxan de financiar as actuacións especificarase a natureza dos fondos (propios da Comunidade Autónoma de Galicia, europeos, finalistas do Estado...).

Ver referencia pdf "02800D002P007.PDF"

3. Memoria xustificativa.

3.1. Xustificación económica das actuacións que se informan.

Acreditaranse as necesidades que dean lugar á presentación da antedita estrutura de custos, facendo especial fincapé nas súas repercusións no eido financeiro e nos principios de eficiencia e economía.

É dicir:

-Se as actuacións que se queren realizar non se viñan desenvolvendo ata entón, acreditarase que economicamente a norma, plan ou programa recollen o sistema máis eficiente, o que implica gastar menos para acadar os obxectivos prefixados.

-Se as actuacións que se queren realizar se viñan desenvolvendo xa, acreditarase que economicamente a norma, plan ou programa suporán unha xestión máis eficiente dos recursos públicos, o que implica gastar menos para acadar os obxectivos prefixados.

3.2. Táboa de vinculacións. (Só no caso de normas xurídicas).

Táboa de vinculación entre os preceptos e a avaliación dos gastos. Deberá facerse referencia polo miúdo, aos novos custos que implica a norma, segundo a súa natureza por capítulos de gasto, con base na información recollida polo miúdo no punto 2.3 «Custo das actuacións».

Ver referencia pdf "02800D002P007.PDF"

3.3. Financiamento orzamentario.

Se é o caso, recollerase a descrición das aplicacións orzamentarias que financiarán as actuacións e modificacións que implica a proposta.

Indicarase tamén a natureza do financiamento das partidas orzamentarias, con base na codificación de financiamento de proxectos aprobada pola Dirección Xeral de Orzamentos.

3.4. Efectos das actuacións que se informan nos obxectivos orzamentarios do servizo competente.

Indicarase como varían, se é o caso, os obxectivos actualmente perseguidos a nivel de sección, servizo e programa, vencellándoos aos indicadores de actividade establecidos.

Ver referencia pdf "02800D002P007.PDF"

ANEXO II

Modelo de memoria-económico financeira abreviada

1. Antecedentes e memoria xustificativa.

Este punto recollerá unha breve introdución sobre a finalidade e o obxecto que dan lugar á presentación da proposta normativa, plan, programa ou equivalente.

2. Estudo económico.

a) No suposto de que a aprobación da proposta normativa, plan, programa ou equivalente non leve consigo custo económico deberá indicarse expresamente na memoria.

b) Se leva consigo un custo económico, pero non supón incremento do gasto público, deberá contificarse o gasto e facer referencia a/as aplicación/s orzamentaria/s con cargo á/ás que se vai sufragar, co obxecto de verificar que existe crédito adecuado e suficiente.

Para tales efectos incorporaranse os cadros sinalados nos puntos 2.3 , 2.4 e 3.4 do anexo I.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA