DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 08 de febreiro de 2010 Páx. 1.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2009, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca de Naraío.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), a Consellería do Medio Rural aprobou o Plan de xestión de recursos piscícolas do seguinte tramo do río Castro, afluente do Xuvia, situado nos concellos de Neda e San Sadurniño:

Límite superior: a ponte de Pielas (San Sadurniño).

Límite inferior: a ponte da Coveluda (Neda).

Lonxitude aproximada: 3,77 km.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña iniciou o expediente de creación do couto de pesca de Naraío.

No expediente de creación do couto de pesca de Naraío consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial da Coruña.

No trámite de información pública do expediente de creación do couto de pesca de Naraío presentou alegacións un grupo de 20 pescadores da zona. As ditas alegacións, consistentes nunha oposición á prohibición do cebo natural no futuro couto e mais na proposta de medidas alternativas para a recuperación do río, recibiron o informe negativo do Comité Provincial de Pesca Fluvial da Coruña e do Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

Consideracións legais.

O expediente de creación do couto de pesca de Naraío cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca de Naraío, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

Límite superior: a ponte de Pielas (San Sadurniño).

Límite inferior: a ponte da Coveluda (Neda).

Lonxitude aproximada: 3,77 km.

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Permisos diarios: seis permisos de pesca sen morte.

Días inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

Vedas: vedarase o rego de Neiros entre o seu nacemento e a desembocadura no couto.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes no tramo acoutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro do Medio Rural no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2009.

Ricardo García-Borregón Millán

Director xeral de Conservación da Natureza