DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 08 de febreiro de 2010 Páx. 1.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2010, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2010.

De acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG número 146, do 30 de xullo, logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

1. Obxecto.

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2010.

No ano 2010, realizaranse 3 convocatorias:

-Convocatoria de maio de 2010, para Galicia.

-Convocatoria de outubro de 2010, para América.

-Convocatoria de novembro de 2010, para Galicia, resto do Estado español e Europa.

2. Destinatarios.

As persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2010, nacionais ou estranxeiras.

Coa solicitude deberán presentar copia do DNI, pasaporte ou documento de identidade vixente.

3. Prazo de inscrición.

Para a convocatoria de maio de 2010 (Galicia): ata o día 25 de marzo de 2010 (inclusive).

Para a convocatoria de outubro de 2010 (América): ata o 30 de xuño de 2010 (inclusive).

Para a convocatoria de novembro de 2010 (Galicia, resto do Estado español e Europa): ata o día 8 de outubro de 2010 (inclusive).

4. Datas de realización das probas.

Convocatoria de maio:

Celga 4: 22 de maio de 2010.

Celga 2: 23 de maio de 2010.

Celga 3: 29 de maio de 2010.

Celga 1: 30 de maio de 2010.

Convocatoria de outubro (só para América):

Celga 4: 7 de outubro de 2010, pola mañá.

Celga 2: 7 de outubro de 2010, pola tarde.

Celga 3: 8 de outubro de 2010, pola mañá.

Celga 1: 8 de outubro de 2010, pola tarde.

Convocatoria de novembro:

Celga 4: 20 de novembro de 2010.

Celga 2: 21 de novembro de 2010.

Celga 3: 27 de novembro de 2010.

Celga 1: 28 de novembro de 2010.

Se o número de aspirantes non permitise rematar as probas orais no día sinalado nesta resolución, a comisión de avaliación continuará con elas no día seguinte.

5. Lugares onde se van realizar as probas e horario.

En Galicia, as probas realizaranse nas seguintes localidades: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. As persoas interesadas deberán sinalar na solicitude de inscrición a localidade en que se van presentar.

No Estado español: Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Salamanca, Vitoria e Alacante.

En Europa: Berlín, Heidelberg, Kiel e Tubinga (Alemaña); París e Rennes (Francia); Cork (Irlanda); Padua e Roma (Italia), Varsovia (Polonia); Braga, Faro e Lisboa (Portugal); Bangor, Birmingham e Oxford (Reino Unido) e Zadar (Croacia).

En América: Bos Aires (Arxentina); Río de Xaneiro, Salvador de Baía, São Paulo (Brasil), A Habana (Cuba) e Montevideo (Uruguai).

Os lugares concretos e o horario indicaranse cando se fagan públicas as listaxes de admitidos e admitidas para cada convocatoria. En todo caso, os centros examinadores serán as universidades onde existan centros de estudos de galego.

6. Contía das taxas de exame.

Segundo o previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, o importe da taxa para inscribirse nas probas Celga será de 15,61 euros. Para as probas que se realicen en países de América o importe será de 5,61 euros.

7. Sistema de liquidación das taxas de exame.

As persoas solicitantes presentarán, xunto coa solicitude, o xustificante do pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame.

7.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na vixente Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, para o que se utilizará o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código: 13.

Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.

Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á Oficina Tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), premer a opción Tributos e logo a ligazón Taxas, prezos, multas e sancións. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento telemático, imprimirase o xustificante de aboar a taxa, que será o que se achegue xunto coa solicitude. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

7.2. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo da solicitude correspondente, ás persoas aspirantes que figuren na listaxe de excluídos/as.

7.3. A non presentación do xustificante de pagamento, no cal figurará o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa solicitante. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

8. Inscrición para a realización das probas.

Poderase realizar mediante a presentación da solicitude que figura no anexo desta convocatoria. Enviaranse á sede central da Secretaría Xeral de Política Lingüística se pretende presentarse ás probas en Santiago de Compostela ou aos gabinetes provinciais de Política Lingüística das provincias en que pretenda realizar as probas.

Pódense presentar directamente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos das súas delegacións provinciais ou territoriais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para os solicitantes de fóra de Galicia, admitirase a presentación nos centros de estudos das universidades en que se pretenda presentar a exame, e enviarase copia ao enderezo de correo electrónico seguinte: sxpl.formacion@xunta.es.

Na web www.xunta.es/linguagalega figura un formulario que permite cubrir e editar a solicitude. Tamén figura unha ligazón para efectuar o pagamento telemático da taxa.

No caso de que a persoa aspirante padeza algunha discapacidade, expresará na solicitude o tipo desta e o apoio que precisará para realizar as probas.

9. Publicación da listaxe provisional de admitidos/as.

A listaxe provisional de admitidos/as para cada un dos niveis e localidades publicarase na web www.xunta.es/linguagalega, 30 días naturais antes da data de realización das probas.

10. Publicación da listaxe definitiva de admitidos/as.

A listaxe definitiva de admitidos/as para cada un dos niveis e localidades publicarase na web www.xunta.es/linguagalega, 15 días naturais antes da realización de cada unha das probas.

11. Publicación dos resultados das probas.

Os resultados das probas publicaranse na web www.xunta.es/linguagalega, no prazo de 2 meses desde a realización dos exames. Este prazo poderá ser de 3 meses no caso das probas realizadas fóra de Galicia.

12. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas.

12.1. No momento da realización das probas, os aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de 3 días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaraa á Comisión Central de Avaliación (CCA), xunto cun informe sobre o seu contido. A CCA resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada, ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións, e á comisión sectorial correspondente.

12.2. Logo da publicación dos resultados, as persoas interesadas, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou ao enderezo de correo sxpl.probascelga@xunta.es, poderán solicitar a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución definitiva e comunicaralles ás persoas interesadas os criterios que determinaron a cualificación obtida.

13. Desenvolvemento das probas.

As persoas interesadas presentaranse 15 minutos antes da hora de entrada, no lugar e data para a realización das probas, provistas de DNI, pasaporte ou documento que acredite a súa personalidade e bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

13.1. Probas para o Celga 1: a proba escrita terá una duración de 2.00 horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, en que se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 10 minutos e será realizada por 2 técnicos avaliadores.

13.2. Probas para o Celga 2: a proba escrita terá una duración de 2.00 horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, en que se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 10 minutos e será realizada por 2 técnicos avaliadores.

13.3. Probas para o Celga 3: a proba escrita terá una duración de 2.30 horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, en que se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 15 minutos e será realizada por 2 técnicos avaliadores.

13.4. Probas para o Celga 4: a proba escrita terá una duración de 3.00 horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, en que se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 15 minutos e será realizada por 2 técnicos avaliadores.

As probas orais poderán ser gravadas. No ano 2010, os chamamentos para as probas orais realizaranse por orde alfabética de apelidos (do A ao Z).

13.5. As probas realizadas fóra de Galicia poderán realizarse coa presenza dun só técnico avaliador. No caso da proba oral, gravarase para ser avaliada e cualificada posteriormente pola Comisión Central de Avaliación.

14. Expedición e rexistro dos certificados.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.

Os certificados constarán nun rexistro oficial en que figurarán o nome e apelidos, número de DNI ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, pódese interpoñer potestativamente un recurso de reposición perante o secretario xeral de Política Lingüística no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria, conforme os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de 2 meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2010.

Anxo M. Lorenzo Suárez

Secretario xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "02500D002P009.PDF"