DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 04 de febreiro de 2010 Páx. 1.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

INSTRUCIÓN 10/2009, do 2 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que, con carácter transitorio, se establecen criterios para a tramitación dos carnés de instalador de baixa tensión, das empresas instaladoras e do Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT), regulamenta o Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión e os requisitos das empresas e profesionais facultados para executalas.

Por outra banda, a Orde do 27 de decembro de 2000, modificada polas ordes do 27 de marzo de 2002 e do 13 de xaneiro de 2004, establece o procedemento unificado para a obtención do carné profesional de baixa tensión e as exixencias ás empresas autorizadas neste campo regulamentario.

Na tramitación dos procedementos establecidos na citada orde véñense observando actuacións diferentes nos departamentos territoriais, tanto nos documentos que se exixen como na aplicación das taxas.

Por todo iso, con carácter transitorio mentres non se actualice a normativa básica debido á entrada en vigor da transposición da Directiva 2006/123/CE, e coa finalidade de unificar as actuacións dos departamentos territoriais e oídas as propostas da Comisión de Normalización de Procedementos de Seguridade Industrial, dítase a presente instrución para a tramitación dos procedementos IN613F, IN609A e IN614C.

1. Criterios xerais de tramitación.

1.1. Na tramitación dos procedementos recollidos na instrución seguiranse os trámites establecidos na Orde do 27 de decembro de 2000 e as súas modificacións.

1.2. Na tramitación dos procedementos recollidos na instrución utilizarase obrigatoriamente o sistema SXPA.

1.3. Non se pedirá aos solicitantes ningún outro documento que os que se inclúen na folla de solicitude.

1.4. Aplicarase a taxa cuxo código se inclúe en cada solicitude de procedemento, sen excepción algunha.

2. Procedemento IN613F: inscrición nas probas para a expedición ou renovación do carné profesional de instalador de baixa tensión.

2.1. Titulacións: expedirase o carné profesional sen exame previo aos solicitantes que acrediten documentalmente que están en posesión do título de enxeñeiro industrial e de enxeñeiro técnico industrial.

Para o resto de das titulacións científico-técnicas de nivel medio ou superior do sistema universitario e a formación profesional regulada e ocupacional, procederase a revisar a Instrución 1/2007.

2.2. Expedición de carnés: unha vez finalizado o proceso de exame, e coa finalidade de que os solicitantes dispoñan da documentación que lles permita desenvolver a actividade profesional, expedirase unha habilitación provisional automática aos aprobados.

3.- Procedemento IN609A: autorización/renovación de empresas instaladoras e instaladores de baixa tensión.

3.1. Documentación: a única documentación que se pedirá ás empresas solicitantes da autorización ou renovación é a que figura no impreso de solicitude do procedemento.

3.2. Inscrición de empresas: a inscrición das empresas no rexistro dun departamento territorial habilítaas automaticamente para actuar en toda a comunidade autónoma, sen a necesidade de realizar ningunha actuación nin comunicación aos demais departamentos territoriais. Por iso queda sen efecto o trámite de comunicación entre provincias, que figura na solicitude do procedemento IN609A.

3.3. Cando se proceda á inscrición ou renovación de empresas ou instaladores verificarase a actualización da póliza de seguros establecida regulamentariamente.

4. Procedemento IN614C: Rexistro de Instalacións de Baixa Tensión.

4.1. Documentación: para a tramitación destas instalacións utilizaranse, en todos os casos, sen excepción, o procedemento SERI.

A tramitación polo procedemento SERI para as instalacións de baixa tensión, incluídas no grupo II, anexo I da Lei 9/2007 de seguridade industrial de Galicia, terá carácter transitorio mentres a citada lei, que está en proceso de modificación, non estableza o réxime definitivo.

5. Queixas e suxestións: para a recepción de queixas e suxestións relativas aos procedementos, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas habilitará un enderezo de correo electrónico no Servizo de Seguridade Industrial.

O que se comunica para o seu coñecemento e para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2009.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas