DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 04 de febreiro de 2010 Páx. 1.396

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

INSTRUCIÓN 11/2009, do 23 de outubro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que, con carácter transitorio, se establecen criterios para a tramitación dos carnés de instalación de fontanaría e das empresas de instalacións interiores de subministración de auga.

O Decreto 42/2008, do 28 de febreiro, regulamenta o rexistro de instalacións interiores de subministración de auga e os requisitos das empresas e os profesionais facultados para executalas.

Por outra banda, a Orde do 13 de abril de 2009 regula os requisitos e procedementos para a obtención dos carnés profesionais, de rexistro e posta en servizo das instalacións e a autorización de empresas instaladoras.

Na tramitación dos procedementos establecidos na citada orde véñense observando actuacións diferentes nos departamentos territoriais, tanto nos documentos que se exixen como na aplicación das taxas.

Por todo iso, con carácter transitorio mentres non se actualice a normativa básica debido á entrada en vigor da transposición da Directiva 2006/123/CE, coa finalidade de unificar as actuacións dos departamentos territoriais, e oídas as propostas da Comisión de Normalización de Procedementos de Seguridade Industrial, dítase esta instrución para a tramitación dos procedementos IN613G, IN608C, IN608A e IN609C.

1. Criterios xerais de tramitación.

1.1. Na tramitación dos procedementos recollidos na instrución seguiranse os trámites establecidos na Orde do 13 de abril de 2009.

1.2. Na tramitación dos procedementos recollidos na instrución utilizarase obrigatoriamente o sistema SXPA.

1.3. Non se pedirá aos solicitantes ningún outro documento que os que se inclúen na folla de solicitude.

1.4. Aplicarase a taxa cuxo código se inclúe en cada solicitude de procedemento, sen ningunha excepción.

2. Procedemento IN613G: inscrición nas probas para a expedición ou renovación do carné profesional de instalador de fontanaría.

2.1. Titulacións: expedirase o carné profesional sen exame previo aos solicitantes que acrediten documentalmente que están en posesión dun título universitario de nivel medio ou superior do sistema universitario nunha titulación científico-técnica de calquera especialidade.

2.2. Expedición de carnés: unha vez finalizado o proceso de exame, e coa finalidade de que os solicitantes dispoñan da documentación que lles permita desenvolver a actividade profesional, expedirase unha habilitación provisional automática aos aprobados.

3. Procedemento IN609C: autorización/renovación de empresas instaladoras de instalacións de fontanaría.

3.1. Documentación: a única documentación que se pedirá ás empresas solicitantes da autorización ou renovación é a que figura no impreso de solicitude do procedemento.

3.2. Inscrición de empresas: a inscrición das empresas no rexistro dun departamento territorial habilítaas automaticamente para actuar en toda a comunidade autónoma, sen a necesidade de realizar ningunha actuación nin comunicación aos demais departamentos territoriais.

4. Procedementos IN608A: autorizacións de instalacións interiores de auga (proxecto) e IN608C: inscrición, modificación no rexistro de instalacións de fontanaría.

4.1. Documentación: para a tramitación destas instalacións utilizaranse, en todos os casos (tanto sexan anteriores coma posteriores á Orde do 13 de abril de 2009) os impresos regulados nesta orde e deixaranse de usar os modelos antigos.

Utilizaranse obrigatoriamente os impresos que están na páxina web da Consellería de Economía e Industria, que son de descarga gratuíta.

Nos supostos en que as instalacións que se tramiten se fagan polo antigo regulamento, baseándose no establecido na disposición transitoria primeira da Orde do 13 de abril de 2009, farase constar esa circunstancia na epígrafe de observacións dos impresos (anexo II e anexo III) así coma no certificado da instalación. Na devandita epígrafe anotarase Disposición transitoria primeira. Orde 13-4-2009.

Respecto ao certificado da instalación utilizaranse os impresos autocopiativos editados e publicados pola consellería.

4.2. Taxas: a taxa que se aplicará será a correspondente á clave 32.19.00. Para o cálculo do importe deberá entenderse que o termo Qs, incluído na fórmula de cálculo, corresponde ao caudal instalado en l/s.

5. Queixas e suxestións: para a recepción de queixas e suxestións relativas aos procedementos, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas habilitará un enderezo de correo electrónico no Servizo de Seguridade Industrial.

O que se comunica para o seu coñecemento e para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2009.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas