DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 2010 Páx. 1.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN conxunta do 25 de xaneiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e da Escola Galega de Administración Sanitaria, pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde.

Os coñecementos e capacidades dos profesionais das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde determinan, en gran medida, a calidade dos servizos sanitarios dispensados aos usuarios.

Neste sentido, a formación continua amósase como unha das ferramentas máis axeitadas para mellorar e adecuar, pola vía da capacitación dos profesionais, os servizos sanitarios ás demandas dos usuarios.

Para tal fin, xa en anos anteriores foron aprobados e executados, no marco dos acordos de formación continua, os plans de formación continua do persoal de institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Os citados plans tiveron un alto grao de participación e aceptación por parte dos profesionais receptores, abranguendo a totalidade das profesións que se desenvolven no organismo.

Xa que logo, cómpre continuar con este plan na liña de actuación seguida, no intento de completar os aspectos formativos máis relevantes xa impartidos en anos anteriores e iniciar o tratamento en materias novas de notoria e notable relevancia no marco da asistencia sanitaria.

Tras a creación, por acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 19 de decembro de 1997, da Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), que ten como finalidade primordial a formación continua e o perfeccionamento técnico de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde, asinouse entre este organismo e a escola un convenio de colaboración a través do cal a organización, xestión e execución de toda a actividade docente incluída nos plans de formación continua correspóndelle á Fegas, reservando para sí a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a negociación coas organizacións sindicais do contido do plan, así como a negociación e aprobación dos criterios de selección dos participantes nos distintos cursos de formación.

Para este ano prorrogouse o devandito convenio, polo que a Fegas organizará, xestionará e executará todas as actividades docentes do plan para o ano 2010.

Este plan foi impulsado no seu deseño e elaboración pola Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a través do Consello de Formación Continua, composto por representantes do Servizo Galego de Saúde, da Fegas e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIF, asinantes do acordo de formación continua.

Así, tras unha primeira proposta de actividades formativas elaborada pola Fegas, que foi ratificada polo consello, e escoitadas as comisións de formación de cada centro, someteuse o conxunto do plan á consideración do Consello de Formación Continua do Servizo Galego de Saúde, quen emitiu, por unanimidade, informe favorable, para a súa remisión e posterior aprobación polo Ministerio da Presidencia.

Por todo isto e coa finalidade de darlle á formación a continuidade axeitada que a faga realmente efectiva, a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do informe das centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIF, xunto coa Escola Galega de Administración Sanitaria, resolve facer pública a convocatoria para participar nos cursos que conforman o Plan de formación continua do persoal do Servizo Galego de Saúde para o ano 2010, elaborado no marco do Acordo Nacional de Formación Continua das administracións públicas, que deberá resolverse consonte as seguintes bases:

Primeira.-Requisitos de participación.

Poderán participar nas accións formativas do Plan AFCAP todos os profesionais que presten ou prestasen servizos nas institucións do Servizo Galego de Saúde, as/os aspirantes a vinculacións temporais no ámbito das institucións do Servizo Galego de Saúde, ao abeiro do pacto de selección temporal, vixente en cada momento así como o persoal pertencente ás fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas adscritas á consellería de sanidade integrado no réxime estatutario.

As persoas interesadas en participar nas actividades formativas deberán cumprir os requisitos exixidos para cada curso.

Non poderán participar nas actividades formativas as persoas solicitantes incluídas na listaxe de persoal seleccionado que, ao inicio do curso, se atopen en situación de baixa laboral por incapacidade temporal. Esta incidencia comunicaralla, por escrito, a persoa afectada á Escola Galega de Administración Sanitaria, para os efectos de cubrir a vacante e evitar a penalización que comportaría a súa falta de comunicación, prevista na cláusula sexta.

O persoal que se atope desfrutando dun permiso por parto, adopción ou acollemento tanto preadoptivo como permanente ou simple, adopción internacional ou excedencia para o coidado de fillos e familiares poderá participar nas actividades formativas, consonte establece o punto vinte e catro e trinta e un da Lei 13/2007, de modificación da Lei da función pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e a disposición adicional décimo novena, punto trece da Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Segunda.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de preinscrición telemática na páxina web da Escola Galega de Administración Sanitaria (www.Fegas.es).

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso nos doce meses seguintes. A Escola Galega de Administración Sanitaria reserva para si o dereito a solicitar a información necesaria para verificar tales datos.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo das persoas solicitantes.

Ante eventuais incidencias, as/os aspirantes deberán imprimir unha copia do formulario de preinscrición enviado telematicamente ou conservar o que recibisen no seu correo electrónico, para o que deberán prestar especial atención na cobertura de datos comprobando que o enderezo de correo electrónico estea correctamente consignado.

Os profesionais incluídos no artigo 45 da Lei 7/2004, galega para a igualdade de mulleres e homes e na disposición adicional 19ª da Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, deberán remitir, no prazo establecido para o envío da solicitude de preinscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada acreditativa da súa situación ao seguinte enderezo:

Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas). Avenida Fernando de Casas Novoa. Edificio CNL, nº 37, portal A, 1º andar. 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

A consignación dos datos da solicitude e o seu envío telemático non implicará a admisión inmediata á actividade formativa seleccionada, que se producirá nos termos indicados na cláusula quinta.

Só se poderá solicitar a participación nun máximo de seis cursos por ano.

Terceira.-Prazos de inscrición.

Para as edicións das accións formativas do primeiro semestre, o prazo comezará o 5 de febreiro de 2010 e rematará o día 20 de febreiro de 2010.

Para as edicións das accións formativas do segundo semestre, o prazo comezará o 5 de xuño de 2010 e rematará o día 20 de xuño de 2010.

Cuarta.-Criterios de selección de alumnos.

Os criterios de selección para participar nas accións formativas convocadas ao abeiro do Plan de Formación Continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde serán os seguintes:

1. Resultar, a persoa solicitante, destinataria da concreta acción formativa, de conformidade co establecido no anexo para cada curso.

2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis solicitudes que prazas, terán prioridade as/os aspirantes que realicen tarefas máis directamente relacionadas co contido básico e obxectivos do curso.

3. Menor número de cursos realizados no ano anterior.

4. Terán prioridade os profesionais con vínculo fixo sobre os temporais.

5. Terán prioridade os empregados públicos que acrediten maior tempo de servizos prestados. Este dato facilitaráselle directamente á Fegas das bases de datos de persoal e a persoa solicitante deberá achegar, unicamente, nos prazos establecidos para o envío das solicitudes de preinscrición, certificación orixinal ou copia compulsada dos servizos prestados fóra do Sistema Público de Saúde de Galicia, que deberá ser remitida ao seguinte enderezo: Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas). Avenida Fernando de Casas Novoa. Edificio CNL, nº 37, portal A, 1º andar. 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

6. En cada un dos tres puntos anteriores, terán preferencia na selección as/os aspirantes que nos últimos dous anos estean utilizando ou utilizasen unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para coidado de familiares, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 7/2004, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Así mesmo, terán preferencia para participar nos cursos de formación as/os aspirantes que, durante o ano anterior á data de publicación desta convocatoria, se incorporasen ao servizo activo procedentes do permiso de maternidade ou paternidade, ou reingresasen desde a situación de excedencia por razóns de garda legal e atención a persoas maiores dependentes ou persoas con discapacidade, de acordo co previsto no artigo 60.1º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 37 bis da Lei 7/2004, galega para a igualdade de mulleres e homes, engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, na súa disposición adicional 1ª, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un cincuenta por cento das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non houbese suficientes solicitudes de participación de mulleres.

7. Por último, no caso de empate resolverase por sorteo.

Quinta.-Publicación das listaxes de admitidos.

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web da Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) a listaxe provisoria de admitidos e excluídos na concreta acción formativa, así como as causas da súa exclusión.

As/os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da listaxe provisional, para poder emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión e formular as reclamacións que estimen pertinentes.

Rematado o prazo e resoltas pola Fegas, logo de informe da Comisión Paritaria respectiva, de ser o caso, as reclamacións presentadas, publicarase na páxina web da Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), cunha antelación mínima de quince días naturais ao inicio do curso, a lista definitiva de admitidos e excluídos.

Serán excluídos da participación nunha concreta actividade formativa todas aquelas persoas que participasen en edicións anteriores da mesma actividade, convocadas nos últimos cinco anos.

Sexta.-Anulación de reserva.

Se a/o aspirante seleccionada/o para a realización dunha actividade formativa, decide non asistir a ela, deberá comunicar a súa renuncia a través da páxina web da Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) cunha antelación mínima de catro días naturais á data fixada para o inicio da citada actividade.

De non facelo así, e agás motivo xustificado, baseado en causa de forza maior ou acontecemento imprevisible, non será admitido en ningunha outra actividade formativa no transcurso dos doce meses seguintes.

Sétima.-Cotas de inscrición.

No caso de actividades para as cales se exixa o aboamento dunha cantidade en concepto de cota de inscrición, informarase debidamente sobre a forma e prazo para realizar o pagamento da correspondente matrícula.

Oitava.-Certificación de asistencia.

Durante o desenvolvemento da acción formativa, as persoas participantes deberán asinar nos oportunos controis de entrada e saída que se establezan.

Logo da finalización da acción formativa expedirase pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) o certificado de asistencia. Non se facilitará esta certificación a aqueles participantes dos que se constate unha falta de asistencia á actividade formativa nunha porcentaxe superior ao 10% das horas lectivas.

Ademais, no suposto de que os cursos exixan a realización dalgunha proba ou traballo, expediráselles o certificado unicamente aos alumnos que a superen.

Só se atenderán reclamacións para a emisión do certificado ata doce meses despois de finalizado o curso.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2010.

Esperanza Fernández Lago Pablo Galego Feal

Directora de Recursos Director da Escola Galega

Humanos do Servizo Galego de Administración Sanitaria

de Saúde