DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 2010 Páx. 1.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2010 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica polo que se modifican as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas (Programa Re-Solve).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de xullo de 2009, acordou aprobar as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado para autónomos e microempresas na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Programa Re-Solve).

As ditas bases fixéronse públicas mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia nº 191, do 29 de setembro) e, segundo o artigo 18, entraron en vigor o día seguinte ao da súa publicación e estableceuse como data de fin de prazo para presentar solicitudes o 30 de decembro de 2009.

Este prazo de tres meses previsto para a presentación de solicitudes amósase insuficiente, pois a súa chegada aos beneficiarios finais está sendo máis lenta do previsto, a pesar do importante esforzo de comunicación desenvolvido. Isto é debido a que se trata dun programa innovador para o financiamento de circulante, sen precedentes similares en Galicia. Por iso non existen perspectivas de que o crédito orzamentario previsto para estas axudas se esgote coas solicitudes que se presenten no referido prazo.

Esta liña de financiamento considérase un instrumento de grande importancia para o acceso ao financiamento operativo por parte dos autónomos e as microempresas galegas na conxuntura actual, que debe permanecer á súa disposición. En consecuencia, o prazo para presentar solicitudes debe modificarse, permitindo que poidan presentarse solicitudes ata o día 30 de xuño de 2010.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 23 de decembro 2009, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado para autónomos e microempresas na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Programa Re-Solve).

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado para autónomos e microempresas na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Programa Re-Solve), no seguinte senso:

Único.-Modificar o artigo 18, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 18º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de xuño de 2010. No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro) o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web , co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica